DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores do Observatorio da Gobernanza analizaron os comicios das últimas semanas

O intenso ciclo electoral que confirmou o “momento de transición” do modelo político

Os participantes do debate incidiron tamén no fin do bipartidismo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Divulgación
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 28/05/2019

O intenso ciclo electoral de 2019 era o título da mesa de análise electoral na que investigadores e investigadoras da Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo-Observatorio da Gobernanza G3 puxeron o foco tanto nos resultados das eleccións municipais e europeas do pasado domingo como nas xerais do pasado 28 de abril. Promovida pola área, a Vicerreitoría do campus e o Ateneo, a mesa que na tarde deste martes moderou na Casa das Campás a profesora Rosa Ricoy contou coas intervencións dos investigadores e profesores do grao en Dirección e Xestión Pública Enrique Varela, quen sinalou ao “momento de transición do modelo político” na súa análise dos comicios municipais, e Fernando Martínez, quen viu nos resultados das eleccións xerais como “a confirmación da fin do bipartidismo”. Nese mesmo senso, Álvaro Xosé Lopez Mira subliñou que “o pluripartidismo viu para quedarse” nunha mesa que presentou o presidente do Ateneo, Xaime Toxo, e que completou a análise de Constantino Cordal sobre as eleccións europeas. 

Dos liderados locais á influencia da política nacional

Os resultados das municipais nas sete cidades galegas centraron a análise proposta por Varela a partires dos eixos da “influencia da política nacional e aos liderados locais”, aos que se sumou o feito de que “estamos nun momento de transición do modelo político”, trala ruptura do “modelo bipartidista”. Con respecto aos liderados, Varela salientou os exemplos de Pontevedra e Vigo, “onde Lores cae, pero pouco, e Caballero refórzase”; mentres que a vitoria do PSOE nas xerais puido favorecer a este partido en Lugo, aínda que os resultados viron marcados por “dinámicas locais propias”, como aconteceu tamén en Ourense, sinalou. No relativo á Coruña, Santiago e Ferrol, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación sinalou ao “suicidio das mareas” como o factor “máis decisivo”, xa que “estiveron tres anos vendo que facían con ese espazo indeterminado de confluencias”, xerando unha “fragmentación que no caso da esquerda, debilita”. 

“O pluripartidismo viu para quedarse”, engadiu López Mira, quen sinalou en que, fóra das catro comunidades históricas, “o número de partidos con representación parlamentaria nas distintas autonomías incrementouse de maneira exponencial”, de tal xeito que, tralas eleccións do domingo, nove partidos estarán representados no parlamento de Baleares, oito no de Aragón ou sete no de Asturias. De feito, se non se ten en conta ás dúas autonomías nas que o PSOE acadou unha maioría absoluta, Castilla-La Mancha e Estremadura, “hai unha media de máis de seis partidos por comunidade, un fenómeno absolutamente inédito na historia política española”, fóra de territorios como Cataluña ou Euskadi, engadiu López Mira, quen incidiu así mesmo na “cada vez maior volatilidade do voto”, así como no feito de que “o voto dual está incrementándose dun xeito notorio”, de tal xeito que as e os electores “votan nun sentido distinto” segundo o tipo de eleccións.

Os dous grandes partidos non suman o 50% dos votos

A fin do bipartidismo foi tamén abordada por Martínez Arribas, quen lembrou que, desde a década de 1980, os dous principais partidos sumaban nas eleccións xerais preto do 80% dos escanos, tendencia que se rompeu nas eleccións de 2015 e 2016, onde PSOE e PP sumaron en conxunto 213 e 222, respectivamente, dos 350 deputados do Congreso. Nese senso, as eleccións do 28 de abril viñeron a amosar “que está é unha tendencia consolidada, que ademais vai en aumento”, xa que ambas formacións só sumaron 189 escanos, o 54% do total. “Se o trasladamos a votos, xa que polas dinámicas do sistema electoral hai unha sobrerrepresentación, temos que PSOE e PP suman por primeira vez menos do 50% dos votos, un 45%, dez puntos menos que en 2016”, salientou este docente, quen sinalou, non obstante, que esta situación non se deu coa mesma intensidade en Galicia, onde estes dous partidos sumaron nas eleccións xerais “o 60% dos votos e o 80% dos escanos”. 

Por último, Constantino Cordal dirixiu esta mesa de análise cara as eleccións europeas, onde “o PSOE pasou a ser a primeira forza e o PP perdeu tamén representación, que foi para Ciudadanos” e onde os partidos nacionalistas vascos e cataláns “manteñen os resultados que tiñan nas xerais e incluso medran”. Cordal analizou así mesmo o sistema electoral español para os comicios comunitarios, de circunscrición única “a diferencia doutros estados descentralizados como Alemaña, Austria ou Bélxica, e incluso de estados unitarios como Francia”. Nese senso, este experto sinalou que se trata dun modelo “que non se corresponde coa natureza da organización territorial do Estado” e que á vez “desvirtúa á capacidade do elector para poder identificar aos seus representantes”.