DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pablo Millán, director de “A meiga chuchona” presentará o filme

A Intercultural volve coa proxección das mellores curtametraxes do audiovisual galego

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 20/05/2008
A Intercultural volve con outra das sesións dobres de curtametraxes nas que, ao longo dos meses de abril e maio, se está a proxectar no campus o mellor do audiovisual galego. Nesta ocasión a cita será o mércores 21 de maio ás 19.00 horas na aula multiusos do Edificio de Ferro e ás 22.00 horas na Biblioteca Central.
Esta segunda sesión contará coa presenza de Pablo Millán, director de A meiga chuchona, un dos traballos proxectados. O resto dos filmes que completan o cartel son Man, Cores, Bechos raros, No tardes e Os quitadores de ferro no primeiro pase, e A morte tiña un prezo, 200 euros, Cousas de Kulechov e Sen Escrúpulos, no segundo.

A meiga chuchona de Pablo Millán

A meiga chuchona é unha curta de animación realizada coa axuda que a Consellaría de Cultura e Deporte lle concede aos creadores individuais. Nos seus escasos oito minutos de duración, Pablo Millán afonda na cultura galega tradicional mesturando relatos orais, crenzas populares e mitos como o das meigas, xa que é unha delas a que vai chuchando a sangue aos nenos para debilitalos ata que morren. “A lenda enlaza coas historias de vampiros, pero está baseada nunha tradicional sacada do libro Las leyendas tradicionales gallegas, aínda que algo adaptada” explicou o seu director. Sen embargo, chea de suspense, a curta non é un filme para nenos xa que este mundo máxico é tratado de xeito serio.
A acollida do filme está a ser moi boa, “presentámolo por Galicia, despois en festivais internacionais, e agora volvemos para movelo polo resto de España” comentou Millán. De feito, “a iniciativa de A Intercultural de levar todo tipo de curtametraxes á mocidade é estupenda, porque non se me ocorre un escenario mellor para proxectar que na universidade” finalizou.