DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da Facultade de Belas Artes recibiu este mércores o VII Premio Rafael Pérez Estrada

As 'Interferencias' de Alberto Ruiz de Samaniego son recoñecidas no principal certame de aforismos en español

A súa obra foi seleccionada de entre 300 orixinais de 19 países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Premios
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 14/12/2022

Como “un conxunto de telegramas das miñas habituais obsesións” presenta o profesor da Facultade de Belas Artes Alberto Ruiz de Samaniego Interferencias, o traballo polo que este mércores recibía en Málaga o VII Premio de Aforismos Rafael Pérez Estrada. Un total de 292 orixinais, procedentes de 19 países, concorreron neste 2022 a un dos poucos certames en español que se centran neste xénero literario, que nas súas diferentes edicións “foise consolidando como un referente de prestixio no ámbito do xénero”, como recoñece este docente, escritor e crítico cultural. 

A súa obra, que propón un achegamento desde a estética e a filosofía das artes a un xénero centrado na construción dunha “máxima ou sentencia que se propón como pauta en algunha ciencia ou arte”, segundo a definición de aforismo da RAE, foi elixida pola unanimidade do xurado como gañadora dun certame dotado cun premio económico de 3000 euros e a publicación do traballo por parte de Ediciones del Genal. Conformado por 55 aforismos, Interferencias reúne un conxunto de enunciados que, recoñece o seu autor, nacen “no voo cruzado dunha serie de temas e preocupacións que me asaltan, como escritor, pero tamén como lector e mesmo como profesor de Estética”. Nese senso, na obra conflúen temáticas como “a consideración da imaxe, o asunto sibilino da repetición, a obra de arte e a súa relación co coñecemento, o cine...”, xunto con autores como Nietzche, Heráclito ou James Joyce, que forman parte dos intereses e ámbitos de traballo de Ruiz de Samaniego. “O título quere incidir na idea de que todos estes fogonazos reflexivos, pequenas rumias que ás veces teñen tamén querenza poética, están intimamente relacionados entre si, compleméntanse uns a outros, interpélanse e crúzanse como interferencias nunha melodía ou no dial dunha radio”, salienta este comisario, crítico e docente, que participaba este mércores en Málaga no acto de entrega deste premio, promovido pola Fundación Rafael Pérez Estrada

Celebrado no Museo do Patrimonio Municipal, o acto de entrega do premio e presentación da obra contou coa participación do alcalde de Málaga, Francisco de la Torre; a concelleira de Cultura, Noelia Losada; o presidente de honor da fundación promotora, Esteban Pérez Estrada; a súa xerente Ana Cabello e varios dos membros do xurado.

“Unha obra moi distinta e rompedora”

A elección de Interferencias como obra gañadora foi decidida por un xurado integrado pola poeta, tradutora e investigadora Aurora Luque; o poeta, tradutor e editor Jesús Aguado; o poeta e crítico Francisco Ruiz Noguera; o escritor, crítico literario e editor José Ángel Cilleruelo; o poeta, xornalista e escritor José Infante e a xerente da fundación, Ana Cabello, en calidade de secretaria. No seu fallo, puxo en valor “o extraordinario nivel e calidade dos dez manuscritos finalistas nesta sétima edición”, entre os que se atopaba o que Ruiz de Samaniego presentou baixo o pseudónimo de Xavier Capelán; “unha obra moi distinta e rompedora, moi diferente ao premiado ata agora”, salientou o xurado, que destacou que o seu autor “demostra unha extensa bagaxe cultural sobre a que reflexiona desde unha perspectiva filosófica”. 

Neste punto o docente e escritor sinala que esa diferencia pode deberse ao achegamento aos “aforismos reflexivos” en lugar de centrarse, como fixeran os anteriores premiados e premiadas, á vertente do xénero máis próxima á poesía. “Non podemos esquecer que os aforismos tamén acubillan unha fascinante tradición filosófica”, sinala Ruiz de Samaniego, que se aproximou desde a estética ou a filosofía da arte a un xénero que practicaran autores de referencia para el, como José Bergamín, Franz Kafka ou Elias Canetti, alén do propio poeta que dá nome a este certame.

Preciso, explosivo e suxestivo

Ruiz de Samaniego recoñece que o punto de partida deste libro son as continuas notas que vai escribindo no seu traballo e que rematan tomando forma de “aforismos, apuntes, ideas, greguerías ou disparates”. Algúns deses enunciados foran publicados previamente en revistas e agora, o crítico e docente reúne 55 destas “interferencias” nesta publicación. Neste punto, Ruiz de Samaniego recoñece o “reto” que supón a construción dun aforismo e  que obriga, por unha banda, a algo propio do “traballo do ourive, o feito de elaborar nun moi reducido ámbito material un obxecto con vocación de grande estilo”, que debe xerar “admiración pola súa precisión”, sinala. Ao mesmo tempo, o aforismo tamén debe posuír “a enerxía condensada –e en certo modo-explosiva- dunha granada”, sostén o docente e escritor, que defende que este xénero debe levar a “unha reflexión que motive o espírito do lector, que o intrigue e o descoloque”.

Por outra banda, o profesor de Estéteica incide tamén noutro dos elementos máis relevantes do aforismo, a súa “capacidade de suxestión”, o feito de que os seus autores e autoras deban “abrir un campo do non dito que o lector poderá intuír e completar”. Neste punto, recoñece tamén o xénero como “unha maneira de cuestionarse intimamente, de mirar -perigosamente ou non- cara o interior”, á vez que lembra que as redes sociais teñen propiciado dalgún xeito nos últimos anos a “práctica universal, e ás veces corrosiva, do xénero”.