DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Joan Subirats inaugurou na tarde deste xoves as I Xornadas sobre Open Science

Internacionalización e adaptación á LOSU, claves da visita do ministro de Universidades ao campus de Vigo

Reuniuse co equipo de goberno e con representantes de PDI, PAS e estudantado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • ATHENA
  • HRS4R
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 01/06/2023

Con motivo da súa estadía en Vigo para inaugurar as I Xornadas sobre Open Science, o ministro de Universidades, Joan Subirats, visitou na mañá deste xoves o campus olívico, onde mantivo xuntanzas de traballo tanto co equipo de goberno da UVigo como con representantes de todos os colectivos que compoñen a comunidade universitaria. 

Ás 10.00 da mañá foi recibido polo reitor, Manuel Reigosa, acompañado polos vicerreitores e vicerreitoras, no exterior do edificio Ernestina Otero, a onde se dirixiron para asinar no Libro de Honra da Universidade de Vigo. Tras reunirse co equipo de goberno, Subirats compareceu ante os medios de comunicación acompañado polo reitor, que amosou a súa satisfacción pola presenza do ministro no campus e salientou que “había bastantes cousas de actualidade que conviña repasar” principalmente relacionados coa investigación, a oferta académica e a adaptación á LOSU.

Antes de dar conta dos contidos concretos abordados ao longo da mañá, Subirats salientou que esta foi a súa segunda visita á UVigo, a onde xa acudira hai uns anos como profesor de Ciencia Política, convidado polo catedrático Argimiro Rojo. Tras este anécdota, iniciou a súa comparecencia referíndose á UVigo como un “exemplo de universidade de tamaño medio”, de arredor de 20.000 estudantes, e con gran presenza no territorio no que están implantada, tanto na economía (tecnoloxía, industria naval, agrotecnoloxía…) como na propia realidade social. A maiores referiuse á boa sintonía existente entre as tres universidades galegas, “algo moi de valorar”, así como aos rankings internacionais, nos que a institución académica viguesa “está destacando” de maneira particular.

Intenacionalización e impulso das universidades europeas

As novidades que incorpora a Lei Orgánica de Universidades, LOSU, centrou boa parte da xuntanza mantida co equipo de goberno. “Son moitos os cambios normativos que esta lei trae consigo” e, sobre eles, debateuse nunha xuntanza, na que tamén tiveron un papel destacado as cuestións relativas a internacionalización. “A LOSU marca claramente a idea de que as universidades españolas teñen que aliñarse con todos os cambios que se están a producir en Europa e, neste sentido, a Universidade de Vigo ten a sorte de pertencer xa a unha destas redes de universidades europeas, ATHENA”, salientou o ministro, quen se referiu ao programa Erasmus como “o máis exitoso da UE, xa que cun nivel de recursos relativamente baixo conseguiu uns niveis de europeización espectacular”. Nese sentido, o ministro salientou que esa experiencia Erasmus está a contribuír “de maneira clara” a esa progresión cara as universidades europeas, temática na que se centrará a xuntanza de alianzas europeas que terá lugar o vindeiro mes de setembro en Barcelona e na que se abordarán cuestións concretas como “estatus legal deste tipo de universidades, títulos propios, carné de estudante europeo, etc.”.

Nese salto cualitativo cara á internacionalización das universidades, Subirats destacou a importancia de incrementar os intercambios internacionais, tanto do alumnado español cara o estranxeiro, como en sentido inverso, resaltando neste caso a “gran potencialidade da comunidade latinoamericana, tanto en lingua española como en portugués”. Neste sentido, fixo tamén referencia ao cumio Unión Europea-Celac, Comunidade de Estados de América Latina e o Caribe que se vai celebrar en Bruxelas o vindeiro mes de xullo e no que se afondará no tema dos intercambios estudantís e a homologacións de títulos, entre outros.

Microcredenciais para impulsar a reciclaxe de profesionais

Na súa comparecencia ante os medios o ministro tamén anunciou a vindeira posta en marcha dun Plan de Microcredenciais dirixido a impulsar a reciclaxe profesional, un programa dotado con 50 millóns de euros -a distribuír entre todas as universidades españolas- e que se presentará o luns 19 de xuño en Málaga. Con este programa búscase, segundo explicou o ministro, impulsar as microformacións para profesionais que queiran reciclar os seus coñecementos. “É importante estar ao día dos cambios constantes que se están a producir en dimensións dixitais, tecnolóxicas e de outro tipo”, subliñou o ministro, quen adiantou que estas microcredencias serán cursos curtos -de 1 a 15 créditos ECTS- que deben facerse sobre a base da propia demanda social, “é dicir, que respondan non a vontade da propia universidade, senón a problemas formativos detectados desde as empresas, entidades, administracións... e que, ademais, permitan o acceso de persoas que non cumpran o requirimento de bacharelato necesarios para entrar nunha universidade, pero si un desenvolvemento profesional acreditado”.

Doutoramentos industriais e outros temas

Tamén informou ao reitor do plan de doutoramentos industriais, que segundo avanzou Subirats, o ministerio ten intención de lanzar nos próximos días e que busca conectar academia e tecido económico coa posta en marcha de programas de investigación que traten de resolver unha pregunta ou demanda de empresas, institucións ou entidades sociais. O estudante estaría traballando nesa liña ao longo de catro anos buscando solucións directamente aplicables. Na actualidade existen 300 programas deste tipo e o ministro avanzou que o obxectivo é chegar a 1000 nos próximos 2-3 anos.

Subirats tamén adiantou que existen “acordos específicos do Consello de Ministros que se van desenvolver nos próximos días que permitirán que a UVigo e outras universidades poidan ter acceso a recursos en relación ás redes de intelixencia artificial e á xeración de cátedras vinculadas con microchips e semicondutores”. Isto forma parte, engadía, do plan de desenvolvemento tecnolóxico e dixital que o Goberno de España está despregando e no que as universidades teñen un papel moi importante.

A preguntas dos medios de comunicación, tamén se referiu á paralización de algúns dos decretos que “despregan normativamente a LOSU” e á decisión de continuar con outros. “Dadas as circunstancias ímonos concentrar en tratar de aprobar en Consello de Ministros, polo menos dous”: o Real decreto de doutoramento, “xa que a súa tramitación estaba moi adiantada e o Real decreto de acreditación e avaliación, “porque é clave” no que atinxe ao acceso de novo profesorado e a súa acreditación.

Tras atender aos medios de comunicación, o ministro mantivo unha xuntanza con representantes dos tres colectivos que conforman a comunidade universitaria: PDI, PAS e estudantado. Esta reunión foi demandada polo propio Subirats, dentro dunha estratexia que vén despregando polas universidades españolas para coñecer de primeira man as impresións, demandas e suxestións dos membros de cada institucións.

Compromiso das universidades españolas coa ciencia aberta

 

Tras esta intensa mañá no campus de Vigo,  o ministro de Universidades Joan Subirats presidiu esta tarde na sede do Consorcio Zona Franca de Vigo, antiga reitoría da rúa Oporto, a apertura das I Xornadas sobre Open Science, un encontro no que a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, CRUE, deixou patente o seu compromiso coa Ciencia Aberta, pondo como máximo exemplo desta filosofía o proxecto de Plataforma Transversal de Impulso á Ciencia Aberta, Platica, impulsado por Crue-Universidades Españolas.

Xunto ao ministro participaron na apertura do encontro, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, coordinadora do comité organizador das xornadas; a presidenta da Comisión de Ciencia Aberta da CRUE e reitora da Universidad de Alicante, Amparo Navarro; a secretaria xeral de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, Raquel Yotti, e o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro.

“Estamos tentando avanzar na liña que nestes momentos é a máis xusta e, tamén, a máis conveniente para o progreso científico da humanidade e do país”, salientou na súa intervención o ministro, facendo así fincapé en que non se trata dun “proxecto suicida, non imos a contracorrente”, senón que “é un proxecto que vén avalado por unha evolución dos tempos, da necesidade de facelo e do compromiso da Unión Europea en avanzar nesa liña”. Referíndose ao coñecemento como “un ben común” e “un elemento central de progreso”, amosouse convencido de que, “pese ás dificultades”, agora mesmo hai un “vento a favor”, que chega, sobre todo de Europa e, polo tanto, “hai que aproveitalo”, tal e como se fixo coa entrada en vigor da Lei da Ciencia e da LOSU, “que apuntan claramente cara esa dirección”.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigofixo fincapé na importancia da existencia dunha estratexia de Ciencia Aberta a nivel nacional e agradeceu ao Ministerio de Ciencia e Innovación a súa aprobación. “Esta estratexia, xunto co plan para todas as universidades liderado desde CRUE co proxecto Platica, permitirá avanzar conxuntamente na dirección correcta”, afirmou o reitor, que tamén puntualizou que a ciencia aberta é un dos obxectivos do plan estratéxico da UVigo, que concorda coas novas directrices que marca a LOSU e a modificación da Lei da Ciencia e que iso “axudará a promover a igualdade e a xustiza na investigación científica”.

O reitor insistiu tamén en que o acceso libre aos resultados da investigación podería axudar a mellorar a calidade da investigación e especificou que “ao fomentar a colaboración entre investigadores e investigadoras de diferentes disciplinas, pódese contribuír a atopar solucións a problemas complexos que doutro xeito poderían ser difíciles de abordar”. Con todo, Reigosa advertiu que “no estado actual da ciencia aberta, isto ten aínda limitacións, como o pago ás editoriais, a protección de datos persoais e/o a propiedade intelectual”, desafíos que –sinalou– abordaranse ao longo da xornada.

Pola súa banda, a presidenta da Comisión de Ciencia Aberta de CRUE, Amparo Navarro, recalcou neste acto a importancia de “promover o acceso libre e gratuíto aos resultados da investigación científica e aos datos xerados por ela, co obxectivo de fomentar a transparencia, a cooperación e a innovación” e agradeceu o traballo realizado para poder presentar nestas primeiras Xornadas Open Science o proxecto Platica. Con esta iniciativa de CRUE Universidades Españolas, en colaboración con RedIris, “búscase a creación dunha contorna da ciencia aberta en España que integre diferentes ferramentas para axudar aos investigadores na difusión do concepto da Ciencia Aberta, a xestión e publicación dos datos de investigación e o seguimento actualizado e detallado do desenvolvemento da Ciencia Aberta no noso país”.

A secretaria xeral de Investigación, Pilar Yotti, fixo referencia na apertura das xornadas a que “estamos diante dun cambio de paradigma” e ante situacións así, “fai falla valentía, liderado e unha chamada á acción”.  Menos optimista amosouse o secretario xeral de universidades da Xunta de Galicia, quen salientou que este proceso “vai requirir moito tempo, debido á súa complexidade”, pero que o goberno galego será “un colaborador entusiasta”.

Durante estes dous días -xoves e venres-, contarase coa presenza de especialistas que compartirán os seus coñecementos e experiencias sobre Open Science e analizaranse as últimas tendencias. A axenda das xornadas inclúe, ademais, charlas, mesas redondas e talleres prácticos nos que se debaterán temas como a Estratexia Nacional de Ciencia Aberta, recentemente aprobada, e as directrices neste ámbito reflectidas na LOSU e a Lei de Ciencia e Tecnoloxía, así como as dinámicas no resto de Europa, a xestión de datos, a publicación en acceso aberto e a avaliación da investigación, entre outros.