DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 50 proxectos empresariais participarán en setembro neste encontro do emprendemento

Internacionalización e sustentabilidade, eixos do Pont-Up Store 2022

O prazo de presentación de candidaturas, aberto ata o 6 de xullo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 16/06/2022

Máis de 50 novas empresas darán a coñecer, os días 23 e 24 de setembro, os seus produtos e servizos na novena edición do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento que a Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, promove cada ano en Pontevedra, co apoio da Concellaría de Promoción Económica como patrocinador principal e o respaldo da Deputación e de preto de 50 entidades públicas e privadas. Ata o 6 de xuño permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para as tres modalidades de participación nun evento ademais de contribuír á proxección dos proxectos empresariais seleccionados, na carpa que se instalará na praza de España, despregará tamén un programa de actividades paralelas en diversos puntos da cidade. Nesta ocasión, estas porán o foco na internacionalización e na sustentabilidade como vantaxes competitivas para as novas empresas, segundo explicou este xoves o director do evento, Pedro Figueroa, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o deputado provincial Gregorio Agís e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, acompañaron a Figueroa na presentación dun encontro que mantén un ano máis tres modalidades de participación. Por unha banda, as empresas poden optar a uns dos 35 postos gratuítos que acollerá a carpa do evento, así como a levar a cabo “actividades demostrativas” no recinto. A estas dúas opcións súmase a posibilidade de participar no Pont-Up Express, un evento no que as persoas responsables dos dez proxectos seleccionados disporán de cinco minutos para expor as súas ideas de negocio ante un “xurado” integrado por Rosa María Seoane, xerente e Abanca Innova; Xoán Martínez, CEO de Kaleido e presidente do Clúster da Fundación Loxística de Galicia; Eva López Barrio, coordinadora do proxecto Innovatia 8.3 do Instituto das Mulleres da USC, e Iago González, director comercial de Disgobe.

A participar nas tres modalidades pode optar calquera proxecto de emprendemento “innovador e creativo” que entrara en funcionamento nos últimos tres anos e medios, así como aqueles que se atopen nunha “fase moi avanzada de desenvolvemento de produtos ou servizos e teñan expectativas reais de lanzamento a curto prazo”, segundo explicou a organización. 

Pontevedra, “capital do emprendemento”

“Pontevedra vaise converter unha vez máis na capital do emprendemento grazas a unha actividade que xa vai pola súa novena edición”, salientou Reigosa na presentación dun evento que é xa “unha cita obrigada para todas aquelas persoas que traballan no emprendemento e na innovación”. Na súa intervención, o reitor en funcións destacou que se trata dun encontro “enormemente exitoso” que está a contribuír á “idea de que economía galega ten que sustentarse no traballo de emprendedores que crean empresas que traen riqueza ao país”. Fernández Lores, pola súa banda, destacou o Pont-Up Store como “o principal evento de fomento da innovación e do emprendemento do noroeste peninsular”, mentres que Blanco destacou o “espazo importantísimo” que este encontro dedica “ao emprendemento feminino” e Agís sinalou que é un evento que contribúe “a ter un tecido empresarial competitivo” 

Figueroa pola súa banda, puxo en valor o apoio de entidades públicas e privadas a esta iniciativa, “nun momento especialmente importante e delicado” para todas aquelas persoas “que durante a pandemia se animaron a crear un negocio ou que están iniciándoo nestes momentos”. Coordinado polo grupo de investigación G4 Plus, á organización deste encontro incorporase nesta edición a Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store, que busca reunir aos preto de 300 proxectos de emprendemento que participaron nas edicións anteriores e que, sinalou, na súa meirande parte continúan a súa actividade empresarial na actualidade.

Internacionalización e sustentabilidade

Aínda que a organización atópase traballando actualmente no programa de actividades complementarias, Figueroa adiantou que as iniciativas dirixidas aos novos emprendedores estarán centradas nesta edición na internacionalización, un ámbito no que moitas novas empresas “necesitan un impulso” e que levará a promover nesta edición “un intercambio con emprendedores doutros países europeos”, coa colaboración de Ticket2Europe. O segundo eixo do Pont-Up Store, sinalou o seu director, será a sustentabilidade, pondo o foco na idea “da economía circular como un elemento diferencial para as empresas e tamén como un nicho para a creación de novos emprendementos”.

Alén do apoio ás novas empresas, este evento ten tamén como obxectivo o fomento da “cultura emprendedora”, sumando á propia visiblización dos proxectos na carpa outra serie de propostas. Nesta edición, adiantou Figueroa, unha das actividades nas que traballan é no desenvolvemento, xunto coa empresa Skeirrum, dunha aplicación que permitirá levar a cabo, coa colaboración de Abanca e Gadis, unha actividade na que participarán equipos de alumnado de secundaria e da Universidade, que terán que facer fronte a unha serie de retos nun percorrido interactivo polos “puntos máis emblemáticos da cidade”. Así mesmo, tamén formarán parte do programa novamente os obradoiros que a empresa R dedica á “espertar a vocación emprendedora en contornas tecnolóxicas a idades temperás”, á vez que está unha presentación de Publicitarios Implicados unha asociación que realiza de forma altruísta campañas para micro-ONGs ou colectivos solidarios e a realización dun mural na cidade.