DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A docente de Ciencias da Educación e do Deporte foi recoñecida co premio Wexler/Winick

A International Society for Therapeutic Jurisprudence premia a traxectoria da catedrática Francisca Fariña

Polo seu labor á fronte da Asociación Iberoamericana de Xustiza Terapéutica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Premios
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/10/2019

Analizar as consecuencias que o sistema legal ten nas persoas e propor cambios normativos que contribúan a humanizar as leis e a súa aplicación é o punto de partida da xustiza terapéutica, paradigma no que a traxectoria da catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor da Universidade de Vigo Francisca Fariña foi recoñecida co premio Wexler/Winick. Impulsado pola International Society for Therapeutic Jurisprudence, este galardón busca recoñecer o labor da profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte á fronte da Asociación Iberoamericana de Xustiza Terapéutica (AIJT), organización da que Fariña é presidenta e fundadora. 

“Como non pode ser doutra maneira, é unha honra recibir este recoñecemento, que non agardaba de ningunha maneira”, salienta Fariña, que recoñece ao mesmo tempo esta distinción supón “unha maior presión para seguir impulsando a xustiza terapéutica, non só en España, senón tamén noutros países”. Xunto a Fariña, a Sociedade Internacional de Xustiza Terapéutica decidiu tamén neste 2019 outorgar esta distinción á profesora da Universidade de California Carrie Petrucci, na xuntanza que a finais de xullo celebrou en Roma no marco do XXXVI International Congress on Law and Mental Health. Impulsado en 2017, o premio que leva o nome dos académicos que acuñaron o nome deste paradigma, David Wexler e Bruce Winick, fora outorgado previamente ás investigadoras estadounidenses Amy Campbell, da Universidade de Memphis, e Kathy Cerminara, da Nova Southeastern University de Florida.

Na procura dunha maior presenza en América Latina

O seu traballo para crear, no 2011, a AIJT e promover a constitución de capítulos en diferentes países iberoamericanos foron os motivos polos que Fariña obtivo este recoñecemento. Actualmente, a asociación conta con estruturas formalmente constituídas en Chile, México, Arxentina, Perú e Panamá, ademais de en España, “e están en proceso en República Dominicana, Brasil, Colombia, Portugal, Uruguai, Paraguai e Ecuador”, explica Fariña. “Non podo deixar de recoñecer que estou moi satisfeita de todo o que alcanzamos”, salienta a presidenta da AITJ, asociación de cuxa xunta directiva tamén forman parte os tamén docentes da Universidade de Vigo Esther Pillado e Pablo Grande. 

Do traballo realizado pola AITJ nestes anos, Fariña destaca a organización de congresos periódicos, o primeiro deles na Universidade de Vigo en 2012, así como o recoñecemento obtido de institucións e colectivos como o Senado e a Suprema Corte de Xustiza da provincia de Bos Aires, a Asociación de Mulleres Xuíces de Arxentina ou a Rede Latinoamericana de Xuíces. Por outra banda, dos traballos que centran actualmente o labor da asociación, Fariña salienta o impulso xunto ás investigadoras Luz Ángela Morales, da Universidad de Puebla, e Patricia Colín “dun instrumento para avaliar o nivel de implantación da xustiza terapéutica” no sistema xudicial, “que nestes momentos xa se está aplicando na Arxentina, grazas á implicación da maxistrada e doutora por esta universidade, María Silvia Oyhamburu”, e que imos aplicar proximamente noutros países”.

Unha disciplina con “moito traballo por facer”

“No noso país, temos leis moi amigables coa xustiza terapéutica, pero outras non tanto”, recoñece Fariña, que apunta que tanto en España como noutros países queda “moito traballo por facer” para que os paradigmas desta disciplina gañen unha maior presenza nas leis, nos procedementos e nas actuacións dos operadores xurídicos. Nese senso, Fariña recoñece que nestes momentos “estanse producindo cambios lexislativos importantes” en países de América Latina, de tal xeito que “nalgunhas leis xa se está introducindo a xustiza terapéutica”, ao tempo que sinala como “ás veces, a formación e a práctica” dos operadores xurídicos é “oposta” aos principios desta disciplina, polo que “cambiar esa praxe resulta difícil”.