Organizada polas facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e Relacións Internacionais
A International Week 2026 reúne no campus profesorado de dez países e alumnado alemán e ourensán
O lema escollido nesta edición é ‘Pontes interdisciplinarias para un futuro sostible’
Desde este luns e ao longo de toda a semana o edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense acolle a celebración da International Week 2026, organizada nesta ocasión polas facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e Relacións Internacionais. Baixo o lema Interdisciplinary bridges for a sustainable future (Pontes interdisciplinarias para un futuro sostible) profesorado de dez países e alumnado alemán e ourensán compartirán cinco intensos días de programación académica, investigadora e cultural.
A International Week é unha iniciativa cunha longa traxectoria de celebración na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo que este ano medrou abríndose tamén ao alumnado e profesorado da Facultade de Relacións Internacionais, centro co que comparten edificio e unha crecente colaboración en actividades de diverso tipo. A esta edición asisten 22 profesoras e profesores de diversas universidades de Alemaña, Portugal, Estados Unidos, Polonia, Rusia, Italia, Brasil, Reino Unido e Eslovaquia, ademais de España, participando de xeito destacado profesorado da Universidade de Vigo. Polo que se refire ao alumnado, como en anteriores edicións da International Week participa unha decena de estudantes da Universidade de Bremerhaven (Alemaña), institución académica coa que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ten unha dilatada traxectoria de colaboración entre cuxos froitos está un dobre grao en Administración e Dirección de Empresas. Por parte da Universidade de Vigo está alumnado dos tres graos que se imparten nos centros implicados, os graos de Relacións Internacionais, Turismo e Administración e Dirección de Empresas. A cita conta co apoio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia; do Consello Social da Universidade de Vigo, e do Inorde (Deputación de Ourense).
Cinco días de actividades
A programación arrancou este luns no edificio Xurídico-Empresarial cunha benvida institucional a cargo de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Laura Movilla, secretaria da Facultade de Relacións Internacionais e Elena Rapoport Strizhevskaia, vicedecana de Relaciones Internacionales e Innovación. Nas súas intervencións salientaron a importancia de fomentar a internacionalización nas institucións académicas e o enriquecemento que supón para as persoas participantes nesta International Week a diversidade de disciplinas e de países de procedencia de profesorado e alumnado, permitindo unha abordaxe das temáticas elixidas desde puntos de vista moi diferentes. Esta edición, comentan desde a organización da actividade, quere resaltar o poder desta colaboración interdisciplinaria, reunindo a persoas do mundo académico, investigador e profesional “para explorar os desafíos globais actuais desde múltiples perspectivas”. O programa, apuntan, “céntrase en temas que conectan os nosos campos e áreas de especialización”, como son concretamente as relacións interculturais e cooperación global; o ensino e innovación na educación superior con apoio da intelixencia artificial; o desenvolvemento sostible, turismo e política internacional e a toma de decisións baseada en evidencia nos negocios e a gobernanza.
Ata o día 17 as persoas participantes compartirán un intenso programa de conferencias, talleres e visitas, entre outras actividades. Este luns, a xornada centrouse no diálogo intercultural, a diplomacia e a comprensión global. “Mediante debates sobre o poder brando e a tecnoloxía como ponte entre culturas, o comportamento do consumidor e a dinámica do traballo intercultural, as persoas participantes reflexionarán sobre como a diversidade cultural inflúe nas organizacións, a educación e a cooperación internacional”, comentan desde a organización. Mañá martes, a actividade centrarase na gobernanza global e os negocios internacionais, analizando a evolución dos sistemas económicos e a resposta das organizacións ante a dixitalización, os retos de recursos humanos e os conflitos institucionais. Na sesión porase de relevo a intersección entre política, estratexia e produtividade nun mundo cada vez máis interconectado.
Xa o mércores, a International Week 2026 combinará, cunha visita de estudo a Ribadavia, seminarios académicos con exploración do patrimonio e unha experiencia de enoturismo, conectando teoría e práctica e propondo debates arredor do turismo sostible, a rexeneración rural, os destinos intelixentes e o papel da identidade cultural no desenvolvemento rexional. O xoves será a quenda da investigación, levándose a cabo diferentes presentacións de proxectos e liñas de traballo e fomentando o diálogo entre persoal investigador con diferente grao de consolidación. A programación rematará o venres cun debate prospectivo sobre a intelixencia artificial na educación superior e a toma de decisións organizativas. As persoas participantes reflexionarán sobre como a IA transforma a docencia, a produtividade e a gobernanza, e explorarán como as universidades poden integrar a tecnoloxía de forma responsable, preservando ao mesmo tempo os valores académicos. Complementando esta programación haberá, ao longo da semana, diferentes visitas culturais, como ao centro histórico de Ourense e ao mosteiro de Oseira.
