Para comunidade universitaria e cidadanía en xeral, a matrícula está aberta ata o 4 de outubro
Internet das cousas e oratoria, principais novidades dos obradoiros do primeiro cuadrimestre
Con cursos que van da agricultura orgánica á costura, pasando pola micoloxía ou teatro
Agricultura orgánica, música, costura, teatro... e unha morea de alternativas conforman a programación de obradoiros de Extensión Universitaria para o primeiro cuadrimestre no campus de Vigo. As principais novidades da oferta son os talleres de oratoria e comunicación corporativa e de internet das cousas para un fogar interconectado. En total, son 11 propostas diversas, abertas tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral, nas que se ofrece un total de 159 prazas.
O prazo de matrícula está aberto ata o 4 de outubro e os prezos varían entre os 40 euros para o público en xeral; os 26 euros para membros da comunidade universitaria da UVigo, familiares e colectivo alumni e 32 euros para outros colectivos vencellados á UVigo.
Novidades: oratoria, IoT, mundo maker...
Unha das novidades deste cuadrimestre á o curso de oratoria e comunicación corporativa multicultural, que axudará a mellorar as habilidades para falar en público, reducindo o medo escénico a aprendendo a organizar e estruturar os discursos de forma clara e coherente. Este obradoiro tamén porá o foco na comunicación corporativa e na competencia multicultural, axudando ás e aos participantes a desenvolver a capacidade de comprender e respectar as diferenzas culturais e a adaptar as mensaxes e os estilos de comunicación segundo o contexto cultural da audiencia.
Outra das propostas novas é o obradoiro De novato a geek: IoT para o teu fogar en tempo récord, unha iniciativa que axudará ás persoas participantes a adquirir unha visión xeral de todos os elementos que compoñen un sistema de Internet das Cousas (IoT), a coñecer sensores e dispositivos interconectados e a analizar datos provenientes de sensores e dispositivos IoT.
Tamén en relación coas novas tecnoloxías se oferta o curso de iniciación ao mundo maker. As e os participantes terán que levar o seu propio ordenador e basta con que teñan coñecementos moi básicos de deseño, fabricación aditiva e programación de microcontroladores. O obxectivo é que acaden un nivel intermedio en procesos de fabricación aditiva e na programación de microcontroladores en C/C++ e que coñezan diferentes contornas de desenvolvemento para a programación de microcontroladores.
Clásicos que repiten
Como vén sendo habitual nos últimos anos, a programación de outono inclúe os cursos de identificación de cogomelos, tanto do nivel inicial como avanzado. No nivel I aprenderase a identificar as especies tóxicas e as comestibles e ensinarase o procedemento para a recolleita e transporte dos cogomelos silvestres conforme a lexislación vixente. As e os que se inscriban no nivel II coñecerán a normativa en Galicia e no resto do Estado e aprenderán a identificar e recoñecer as especies, a diferenciar estruturas microscópicas dos fungos, os reactivos que se empregan na identificación de cogomelos e os diferentes usos, tanto gastronómicos, como nutracéuticos, tincións, etc.
Tamén regresa á programación o obradoiro de Plantas silvestres comestibles, no que se porán en valor as especies da contorna, aprendendo a identificalas, apañalas e utilizalas, tanto dende o punto de vista comestible como medicinal.
En relación coa natureza tamén se oferta un ano máis o taller de agricultura orgánica, para o deseño, planificación, implantación e manexo dunha horta. O obxectivo é axudar a organizar unha finca para conseguir un maior entendemento do funcionamento dunha horta, así como as relacións que nela se dan para poder acadar mellores resultados.
Repiten tamén na programación o obradoiro creativo de costura e moda sostible, que achegará ao alumnado o patrón e costura (a man e a máquina) mediante tecidos, prendas recicladas, etc., dándolle unha segunda vida ás súas prendas, e o curso de introdución á cata e tipoloxía de viños da distintas denominación de orixe de Galicia, Portugal e España.
Teatro e música tradicional
A programación complétase co obradoiro de iniciación ao teatro e a aula de música tradicional. No primeiro caso, búscase dotar o alumnado dun abano de ferramentas o suficientemente amplo como para que, de entre toda a gama, sexa quen de elixir e descubrir cal é a adecuada para realizar o seu labor como actor ou actriz. Para quen o desexe, o obradoiro continúa no segundo cuadrimestre con taller para a posta en escena dunha obra teatral.
No caso da aula de música e baile tradicional galego, de carácter anual, precísase levar instrumento (gaita, pandeireta ou tambor) para avanzar no coñecemento de zonas de baile e música diferentes para recoñecelos como así historia da música tradicional.