DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi o único proxecto centrado en incendios seleccionado para participar no seu evento anual

Interreg sinala ‘Firepoctep+’ como exemplo de cooperación na prevención de catástrofes

Liderado pola EE Forestal, céntrase da identificación de zonas clave na loita contra os lumes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • HR
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 27/03/2025

O programa de cooperación territorial europea Interreg desenvolve este xoves e venres nas cidades fronteirizas de Gorizia (Italia) e Nova Gorica (Eslovenia) o seu principal evento anual, centrado tanto en avaliar o futuro dun programa que busca reducir a disparidade nos niveis de desenvolvemento das rexións europeas, como en avaliar a implantación do actual programa 2021-2027 e identificar boas prácticas. Entre elas, a do proxecto 'Firepoctep+', que lidera o investigador da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos, quen participa este venres nunha sesión sobre a xestión de catástrofes e fenómenos meteorolóxicos extremos, sendo ademais o único proxecto centrado na loita contra incendios seleccionado para participar neste encontro.

“Para o proxecto é algo moi positivo. Danos unha proxección moi importante”, sinala o tamén subdirector da EE Forestal desta invitación a partiicipar en Interreg GO!, un evento que reúne representantes da Comisión Europea e responsables das e dos diferentes programas de cooperación transfronteiriza que insiren no Interreg. 

Proxectos cos que prepararse “ante desastres actuais e futuros”

Inaugurado, entre outros, polo vicepresidente da Comisión Europea para a Cohesión e Reformas, Raffaele Fitto, e o ministro de Cohesión e Desenvolvemento Rexional de Eslovenia, Aleksandre Jevsket, Interreg GO! centra este xoves a súa primeira xornada en realizar “unha avaliación do programa e nas operacións de importancia estratéxica”, apunta Picos, mentres que o venres terán lugar seis sesións temáticas, entre as que se atopa a dedicada á xestión do risco de desastres. 

Nela, sinalan desde a organización, presentaranse “exemplos de proxectos Interreg que están apoiando con éxito a cidades e rexións da Unión Europea para que estean mellor preparadas ante desastres actuais e futuros”. Con ese obxectivo contará coas intervencións do responsable da Cátedra Unesco de Resilencia Urbana da University de Southern Denmark, Nicola Tollin, e da xefa adxunta da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea, Simona Pohlova, xunto cun panel dirixido a coñecer diferentes iniciativas centradas en incendios, inundacións, vagas de calor e outra serie de fenómenos meteorolóxicos extremos. Nela participarán Kirsti Mijnhijmer, representante do Northern Periphery and Artic Programme, e Horst Schinlder, un dos responsables dos proxectos Interreg da rexión do Danubio, xunto co investigador da Universidade de Vigo.

Neste punto, Picos destaca o positivo de que, “de entre todos os proxectos sobre incendios” impulsados ao abeiro deste programa, fose escollido o que a UVigo leva a cabo xunto con 16 institucións e entidades españolas e portuguesas. Cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feder), no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg VI-A España-Portugal 2021-207 (POCTEP), 'Firepoctep+' ten como obxectivo identificar zonas clave na prevención dos grandes lumes ao longo da fronteira entre España e Portugal, así como definir actuacións preventivas, e fora previamente designado proxecto de importancia estratéxica pola comisión de seguimento do programa. O encontro permitiralle presentar os eixes de traballo dun proxecto “que implica socios ao longo de 1300 quilómetros de fronteira” e que sitúa “paisaxe, paisanaxe e profesionais” como as “tres pancas” da actuación contra os incendios forestais. Con esa idea, entre as súas actuacións combínase a identificación de “zonas estratéxicas de xestión” nas que unha actuación preventiva permitiría reducir a intensidade dos lumes, con accións que impliquen os axentes locais e formación dos operativos de extinción. 

Solucións que pór en común co conxunto de Europa 

O investigador da EE Forestal sinala tamén a “oportunidade” que supón un evento no que participan responsables da Unión Europea á hora de incidir en que 'Firepoctep+' non só busca contribuír á loita contra os grandes lumes na área transfronteiriza entre España e Portugal, senón que se centra “na creación de solucións avanzadas baseadas na experiencia”, que poden resultar de utilidade “para outras rexións europeas que están empezando a sufrir” incendios forestais de gran magnitude. “Máis aló de cooperar entre nós, hai unha responsabilidade que temos entre España e Portugal pola nosa experiencia previa”, recoñece Picos, que incide na importancia da “posta en común” do coñecemento xerado ao abeiro deste proxecto para facer fronte a unha problemática que afectará cada vez en maior medida ao conxunto de Europa. 

A presentación de 'Firepoctep+' neste evento viuse precedida pola conferencia que o proxecto promovía esta semana en Pampilhosa da Serra, na rexión de Coimbra, co gallo da conmemoración do Día Internacional dos Bosques.