DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo unha investigación realizada nas universidades de Vigo e Coimbra

A invasión de acacias ten consecuencias críticas para a estabilidade dos bosques atlánticos

O estudo advirte que actuar cedo sobre pequenas poboacións é clave para frear o seu avance

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 16/09/2025

A invasión de acacias ten consecuencias críticas para a estabilidade dos bosques da parte atlántica da península ibérica e, incluso en niveis baixos de afectación, o seu impacto é notable, tanto na vexetación como no solo. Así de concluíntes son os resultados dunha investigación levada a cabo por un equipo de investigadoras e investigadores das universidades de Vigo e Coimbra, liderados por Raquel Juan Ovejero, investigadora posdoutoral no Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da universidade viguesa, e que acaban de ser publicados na revista científica Neobiota.

O estudo desenvolveuse recentemente na Serra da Lousã, no centro de Portugal, que é unha zona que ten unha paisaxe forestal fragmentada, onde conviven plantacións de piñeiros e outras coníferas introducidas, bosques nativos de carballos e castiñeiros e matogueiras mediterráneas. Os investigadores analizaron como a invasión de Acacia dealbata  -acacia mimosa- e Acacia melanoxylon -acacia negra-, afecta á estrutura da vexetación, á calidade do solo e da follaxe -en termos de contido de carbono e nitróxeno- e ás comunidades de colémbolos, pequenos invertebrados do solo fundamentais para o ciclo de nutrientes e a descomposición da materia orgánica. Así mesmo, estudouse tamén os efectos en cascada que estas alteracións poden provocar no funcionamento xeral do ecosistema.

“A medida que aumenta a súa cobertura, diminúe de forma significativa a abundancia de plantas herbáceas e a riqueza de especies, o que se traduce nunha perda clara de biodiversidade”, explica a responsable do estudo. “Non só se detectou unha diminución da relación carbono/nitróxeno da follaxe e un incremento do carbono orgánico coa invasión de acacias, cambios que alteran a dispoñibilidade de nutrientes e os procesos de descomposición, senón que tamén afecta á fauna”, explica a investigadora, facendo fincapé que se observou que os diferentes grupos funcionais de colémbolos responderon de maneira desigual ás modificacións na follaxe e no solo, o que pon de manifesto “alteracións sutís pero relevantes na dinámica dos ecosistemas”.

Un problema común en España e Portugal, favorecido polo abandono do rural

No estudo explican como as acacias australianas  se converteron pouco a pouco nun dos principais problemas ambientais da rexión mediterránea. A súa capacidade para fixar nitróxeno, formar masas densas e desprazar a vexetación autóctona transforma a estrutura e o funcionamento dos ecosistemas. “En Portugal, a situación é especialmente grave: é o país mediterráneo con maior número de especies de acacias invasoras, favorecidas polo abandono rural e a fragmentación forestal”, subliña a responsable do estudo. Galicia segue de preto esta tendencia, xa que tamén padece unha expansión acelerada destas especies. “Estes factores aumentan a vulnerabilidade de bosques e matogueiras, onde as acacias avanzan rapidamente e provocan perdas de biodiversidade, cambios no solo e maiores dificultades para a xestión forestal”.

“As intervencións temperás son máis efectivas, menos custosas e reducen riscos”

A investigación conclúe que actuar cedo sobre pequenas poboacións de acacias é clave para frear o seu avance. “As intervencións temperás son máis efectivas, menos custosas e reducen o risco de consecuencias ecolóxicas graves”, salienta categórica Raquel Juan. “Con todo, a xestión require seguimento continuado, xa que ambas especies contan con bancos de sementes persistentes e poden rebrotar tras perturbacións”.  Ademais, apunta a investigadora, a restauración de hábitats nativos preséntase como unha ferramenta fundamental para reforzar a estabilidade dos ecosistemas e previr novas invasións.

En Galicia e Portugal, Raquel Juan explica que as actuacións para conter a expansión das acacias adoitan basearse na eliminación manual ou mecánica de plántulas e pequenos rodais, no descortizado ou, cando isto non resulta viable, na inxección de herbicida en exemplares illados, así como no corte basal de masas máis amplas. Neste último caso, cómpre aplicar tratamentos complementarios, que poden incluír cortes repetidos antes de que os rebrotes acaden arredor dun metro de altura, a aplicación de herbicida sobre os rebrotes cando é factible, ou o tratamento químico directo do toco. 

“En todos os escenarios é esencial garantir un seguimento continuado, dado que tanto Acacia dealbata como Acacia melanoxylon contan con bancos de sementes persistentes e duradeiros e presentan elevada capacidade de rebrote tras o corte ou o lume”, explica a investigadora, ao tempo que fai fincapé en que a restauración dos hábitats nativos afectados considérase unha práctica recomendable, xa que favorece a recuperación dos ecosistemas e contribúe a diminuír o risco de reinvasión.