DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UMI UDC-Navantia 'Astillero del Futuro' traballa no Sistema de Servizos Integrados desde 2016

Investigación galega para reducir o volume de cables e incorporar as tecnoloxías 4.0 ás fragatas F110

Un equipo da Universidade, liderado por Fernando Obelleiro, participa no proxecto 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 01/02/2019

Persoal investigador e técnico a Unidade Mixta de Investigación (UMI) UDC-Navantia Astillero del Futuro, coa colaboración dun equipo da Universidade de Vigo, liderado polo docente e investigador do Grupo de Antenas, Radares e Comunicacións Ópticas Fernando Obelleiro, traballa desde o ano 2016 no proxecto Sen Cables, unha iniciativa de innovación que ten o obxectivo de reducir de xeito significativo o volume de cables nun buque, ao tempo que se dá soporte ás tecnoloxías 4.0, coa finalidade de ser incorporada, unha vez confirmada a súa viabilidade, no programa de fragatas F110 da Armada Española. Aínda que o proxecto Sen Cables comezou con dúas actuacións diferenciadas, asociadas ás áreas de maior volume de cableado: a distribución eléctrica, por unha banda, e a de alumeado, comunicacións e sensorización, polo outro, tras os estudos realizados pola UMI, decidiuse centralo na integración da iluminación, megafonía, servizos de acceso sen fíos seguros e sensorización diversos nun único sistema, denominado Sistema de Servizos Integrados (SSI).

O SSI, que supón un aforro de cableado estimado dun 20%, así como a redución da potencia eléctrica do alumeado (aproximadamente 50%), baséase na integración da iluminación, megafonía, servizos de acceso sen fíos seguros e sensorización diversa nun único sistema (con patente en estudo), que conforma o sistema nervioso do buque intelixente, xa desde os inicios da construción. “De xeito simplificado, poderíamos dicir que se substitúe a lámpada actual por unha lámpada LED intelixente (nodo) á que se dota de capacidade de comunicación con equipos e usuarios, ademais de sensorización adicional, estendendo de xeito significativo as actuais capacidades do sistema de control de plataforma e o sistema integrado de comunicacións, entre outros”, explica o director da UMI, Carlos Merino, e os directores do proxecto, Carlos Blanco por parte de Navantia; Fernando Obelleiro por parte da Universidade de Vigo e Luis Castedo por parte da Universidade de A Coruña. Todos os nodos conectan nunha tipoloxía de árbore mallada, cunha gran capacidade de seguir funcionando nun escenario de danos severos e atendendo os requisitos de seguridade máis esixentes.  

O proxecto, que está financiado pola UMI Astillero del Futuro e complementado por un programa de I+D+i de Navantia, pasou en 2018 a Revisión de Deseño dos Requisitos (SRR), a Revisión Preliminar do Deseño (PDR) e a Revisión Crítica de Deseño (CDR) e ao longo do período 2018-2021 está prevista a industrialización do sistema, co obxectivo de ser un dos máis innovadores abordo da nova fragata F110 da Armada Española. No proxecto, que conta coa dirección técnica da Universidade de Vigo, tamén toma parte, como invitado no panel de avaliación, a Armada Española. 

Unha contorna virtual que simula o comportamento do sistema

Co obxectivo de poder desenvolver o sistema, nunha nave do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo creouse unha contorna virtual na que é posible realizar simulacións do comportamento do sistema, ao tempo que se despregou unha contorna física que reproduce unha porción do buque e no que se desenvolven as probas de integración dos módulos de software. “Para facilitar o desenvolvemento do sistema creouse unha contorna virtual, con máis dun cento de nodos, que permite simular o comportamento do sistema, xunto co despregue dunha contorna física, que replica unha porción do buque e sobre o que se están a desenvolver as probas de integración e dos módulos de software”, sinala o director da UMI e os directores do proxecto.

Precisamente, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a directora xeral de GAIN, Patricia Argerey, acompañados de varios integrantes dos grupos de investigación que participan no proxecto, tiveron ocasión este mediodía de visitar o demostrador do proxecto SII no que se está a traballar na contorna virtual desenvolvida no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo.