DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elisabeth Losa-Adams, do grupo Geoma, coordina o estudo publicado en 'Nature Astronomy'

Unha investigación liderada pola UVigo conclúe que Marte tiña condicións para ser habitable hai 3500 millóns de anos

Tras analizar os minerais de arxila recollidos polo rover Curiosity no cráter Gale

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 02/07/2021

Hai 3500 millóns de anos Marte reunía as condicións básicas imprescindibles para ter vida. Así o demostra a investigación publicada por Nature Astronomy e liderada pola investigadora da Universidade de Vigo Elisabeth Losa-Adams. A científica, que forma parte do grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental da Universidade de Vigo (Geoma) do Centro de Investigación Mariña, lidera un equipo internacional no que participan tamén Carolina Gil Lozano, investigadora da Uvigo actualmente en Nantes, así como A.G. Fairen do Centro de Astrobiología e no que tamén colaborou Luis Gago Duport, do Grupo XM1 da Universidade de Vigo e expertos da NASA, que forman parte do equipo do Curiosity, un dos rovers actualmente en Marte.

O artigo, titulado Long-lasting habitable periods in Gale crater constrained by glauconitic clays, céntrase no estudo dun tipo de arxila, as glauconíticas, que foron recollidas polo rover Curiosity no cráter Gale en Marte en 2016. Segundo os investigadores, este mineral, que tamén se atopa na Terra, tan só se pode formar en contornas de soporte de vida similares aos da Terra, polo que a súa presenza en Gale “indica que durante o período no que se formaron houbo condicións favorables para a vida tal e como a coñecemos hoxe en día”, explica Losa-Adams.

Un lago de augas tranquilas con escasa sedimentación e lenta evaporación 

O estudo centrouse no cráter Gale, unha antiga formación que probablemente, explica a investigadora, se formou como consecuencia dun grande impacto sobre a superficie marciana hai aproximadamente 3800 millóns de anos, influíndo ou ocasionando cambios climáticos no planeta. Os investigadores contaban con múltiples evidencias que indicaban “que esta depresión albergou corpos de auga pouco despois da súa formación, considerándose por isto un lago”, e isto implicara “a existencia no pasado dun clima máis húmido ca o existente na actualidade, e unha atmosfera de maior espesor que impedise a evaporación inmediata da auga”. Co que non contaban os científicos era con evidencias de se o lago reunía realmente condicións adecuadas para a vida. A identificación das arxilas glauconíticas por parte deste equipo liderado por Losa-Adams confirma o suposto.

A investigadora explica que estes minerais, moi coñecidos na Terra, “son realmente complexos polo amplo espectro de modificacións estruturais que posúen en función do tempo transcorrido dende o comezo da súa formación e do ambiente no que se forman”. Así, o estudo destas modificacións permitiu constatar “procesos acuosos e condicións químicas que prevaleceron no tempo de formación destes minerais”. As evidencias demostran que hai aproximadamente 3500 millóns de anos, no cráter Gale houbo un lago que estivo presente durante un longo período de tempo, “caracterizado por augas tranquilas con escasa sedimentación e unha lenta evaporación a baixas temperaturas”. Estas son, salienta a investigadora, “condicións óptimas para a vida, tal e como a coñecemos hoxe en día”. Con todo, recalca, “se houbo ou non vida é tarefa do novo rover Perseverance e da misión Mars sample return”.

Identificación con datos de difracción de rayos X

Para identificar as arxilas glauconíticas no cráter Gale, o equipo investigador empregou datos de difracción de raios X, obtidos co instrumento de Química e Mineraloxía (CheMin) que leva a bordo o rover Curiosity. Esta ferramenta analiza os sedimentos extraídos das perforacións que realizou o Curiosity no cráter e os datos obtidos permiten aos científicos “caracterizar o grao de desorde rotacional e traslacional nos minerais arxilosos nunha rexión concreta do monte Sharp, a montaña situada no centro do cráter. Os resultados amosan que están relacionados estrutural e composicionalmente coas glauconitas”.

Dous tipos de información

A presenza de glauconita proporciona aos investigadores dous tipos de información. Por unha banda, a existencia de auga líquida en condicións de temperatura e salinidade non moi diferentes ás dos océanos terrestres actuais e, por outra banda, “o que é máis importante: a prevalencia ‘estable’ destas condicións en períodos de entre mil e un millón de anos”. 

Respecto da temperatura, os investigadores consideran que a temperatura en Marte no período no que formaron as glauconitas podería estar entre os 3 e os 15 °C. A investigadora da UVigo explica que puideron estimar esta aproximación dado que na Terra estes minerais precipitan “nun amplo rango de temperaturas pero non moi extremas”, aproximadamente entre 3-15 °C.  Baseándose nestes datos e por comparación co comportamento da glauconita na Terra, estiman que “a temperatura da auga debeu estar comprendida neste rango”. Con todo, Losa-Adams remarca que a temperatura non é o factor clave que fai que se evapore ou non a auga, senón que é  a presión atmosférica. “O que queremos dicir é que se houbo auga durante este período longo de tempo, a evaporación debeu ser moi lenta e darse a baixas temperaturas por perda de presión atmosférica”, conclúe.