DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa autora, Noelia Ramos, medirase aos gañadores das fases locais doutras 50 universidades

Unha investigación sobre os elementos celtas en ‘O Señor dos Aneis’ representará á UVigo na final do concurso HiloTesis

19 chíos resumen esta tese, que versa sobre a influencia pagá na obra de Tolkien

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Cultura
M. Del Río DUVI 25/06/2024

Unha investigación sobre a pegada do mundo celta en O señor do Aneis representará á Universidade de Vigo na final estatal do concurso #HiloTesis. A autora da tese, Noelia Ramos, tirou da súa capacidade de síntese e de divulgación para resumir anos de traballo nun fío na rede social X que lle valeu o pase á fase nacional do concurso, no que se medirá aos representantes doutras 50 universidades de todo o país. A finalidade deste certame, impulsado pola Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE), en colaboración coa Rede de Divulgación e Cultura Científica (RedDivulga) e a Fundación Ignacio Larramendi, é dar a coñecer as teses de doutoramento en formato de «fío», nas redes sociais X (antes Twitter), Threads, Bluesky e Mastodon, ou utilizar o carrusel de imaxes de Instagram.

Neste caso, Noelia Ramos optou por X e, ao longo dunha narración de 19 chíos e numerosas imaxes, explica a un público xeral as similitudes existentes entre o mundo creado polo escritor inglés e a mitoloxía celta, unha relación moi debatida polos tolkienistas, que negan a presenza e inspiración destes elementos pagáns na súa obra. 

De Aragorn ao Rei Arturo; do Anel Único ao Santo Grial

O xermolo desta investigación é a vontade de Ramos de fusionar a súa paixón pola cultura celta e pola Terra Media e faino abordando, dende unha perspectiva académica, a presenza de elementos desta cultura e mitoloxía na triloxía de Tolkien. O seu fío arranca poñendo en dúbida “a aversión de Tolkien cara as ‘cousas celtas’” e lembrando que “tolkienistas como J.S. Lyman-Thomas reafirman a teoría de que o propio Tolkien se consideraba, xa no ano 1929, un ‘celtófilo’”. De feito, explica a investigadora da UVigo, nunha carta a Milton Waldman o propio autor briránico expresou “o seu desexo de crear unha mitoloxía propia” que tivese “a beleza que algúns chaman celta” e isto se deben, por exemplo, “os seus preciados elfos, os Noldor”. 

Fío a fío, a investigadora vai debullando similitudes e paralelismos á hora de, por exemplo, tratar a auga, abordar a espiritualidade ou dar vida ao personaxe de Aragorn, que pode recordar nalgúns aspectos á lenda do Rei Arturo, do mesmo xeito que existen semellanzas entre a busca do Anel Único e do Santo Grial. Ramos tamén aprecia semellanzas entre os nazgûl e as almas en pena célticas e entre os elfos e os Tuatha Dé Danann, grupo de habitantes de Irlanda segundo a tradición do Lebor Gabála Érenn.

O reto de resumir anos de traballo en 20 chíos

A investigadora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da UVigo competirá con representantes doutras 50 universidades españolas na fase final deste certame. Á hora de resumir anos de traballo nun fío, Noelia Ramos explica que o máis complexo foi escoller que partes consideraba máis ou menos relevantes, xa que tivo que acoutar bastante pensando en aquilo que podería atraer máis ao público. Non obstante, recoñece que concretar todo o seu traballo en 20 chíos non foi una tarefa difícil, pero si precisou sentarse e discorrer, nun proceso de ensaio e erro. 

Sobre o certame, engade que “nun país como o noso, no que o mundo da investigación moitas veces semella estar desdeñado, este tipo de concursos ofrecen a posibilidade de dar a coñecer o traballo dos investigadores ao público xeral, xerando unha simbiose moi interesante e produtiva”.

50 universidades e 368 fíos presentados

En total, nas fases locais de todas as universidades participantes rexistráronse 368 fíos, cinco na Universidade de Vigo. De entre eles, o xurado local elixiu a proposta de Noelia Ramos polo “seu impacto visual, limpo e homoxéneo, así como pola existencia de contido propio e correctamente incorporado que axuda a complementar a narración”. Ademais, valorou de xeito especial “que mediante o uso de imaxes consegue transmitir e contaxiar a paixón da investigadora, o que fai que o público desexe coñecer máis acerca do seu estudo”. 

Os tres fíos finalistas da Universidade de Vigo recibirán un diploma por parte da Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación para recoñecer e premiar a súa participación, aínda que só o finalista competirá a nivel nacional. Os fíos escollidos polas 50 universidades participantes serán avaliados por un xurado nacional seleccionado por RedDivulga. Este xurado estará composto por un mínimo de cinco membros dos que ao menos tres serán expertos en comunicación, máis un representante da Fundación Ignacio Larramendi. O fallo producirase previsiblemente na primeira quincena de xullo de 2024.