Na décima edición do congreso internacional ‘Fugas e Interferencias’
A investigación sobre performance reúne en Pontevedra e Santiago especialistas de dez universidades
A programación arrancou o xoves na Vicerreitoría e continúa venres e sábado no CGAC
Do labor das performers españolas nas primeiras décadas do século XXI, ás conexións da arte contemporánea coa performance, pasando polo estudo de accións levadas a cabo en espazos sagrados ou pola influencia da filosofía oriental na nesta disciplina. Estas son algunhas das temáticas abordadas por investigadores e investigadoras de dez universidades na X International Performance Art Conference Fugas e Interferencias, inaugurada na tarde deste xoves na Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Promover unha reflexión sobre os novos comportamentos da arte de acción, tanto desde a práctica como desde a reflexión teórica, constitúe o obxectivo central deste evento académico, promovido polo grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos da Facultade de Belas Artes, que este venres trasladaba a súa actividade ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
Nacido hai unha década co obxectivo de fomentar a investigación académica sobre esta arte, Fugas e Interferencias acolle, entre este xoves e sábado, a presentación de 13 estudos sobre esta disciplina, por parte de investigadoras e investigadores de seis universidades españolas, da Universidade de Coimbra, do Instituto Politécnico de Cávado e Ave de Barcelos, da University for the Creative Arts de Cantembury (Reino Unido) e da mexicana Universidad Autónoma de Nuevo León (México).
Antes de trasladar a súa actividade a Santiago de Compostela, este congreso celebraba a súa xornada de apertura na Vicerreitoría, que permitiu pór en valor os dez anos de traxectoria deste congreso, nun acto inaugural no que interviron a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto; o vicedecano de Relacións Culturais de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre, e os seus directores, Carlos Tejo e Marta Pol. “Celebrar esta décima edición significa recoñecer a rede de persoas, afectos e colaboracións que o fixeron posible e reafirmar a vontade de seguir pensando a arte de acción desde a porosidade, a crítica institucional e a atención aos contextos en transformación”, salientou Pol.
A xornada inaugural completouse cunha mesa sobre as interaccións entre a arte de acción e o contexto político e cunha performance do estudante de Belas Artes William Evans Vinuesa, que tiña no viño o seu “elemento central”, de tal xeito que o seu corpo foi “ao mesmo tempo, condutor e contedor deste viño”, explicou Tejo.
A actividade continúa no CGAC
Na mañá deste venres, o director do CGAC, Santiago Olmo, deu apertura ao segundo día dun congreso que acolle venres e sábado outras catro mesas de presentación de comunicacións, que teñen como eixes temáticos as interseccións da arte de acción con outras disciplinas, a reflexión teórica sobre esta disciplina e os proxectos de comisariado de performance. Entre outras cuestións, sinala Pol, os diferentes traballos poñen o foco en cuestións como as posibilidades da arte de acción “como un dispositivo epistemolóxico capaz de xerar coñecemento” e nas "interaccións entre performance e comisariado”, contribuíndo a “unha ampliación do campo dos estudos performativos cara territorios híbridos onde teoría, práctica e mediación entrelázanse de maneira produtiva”.
Estas mesas combínanse con conferencias como a impartida este venres polo profesor da Facultade de Belas Artes Ignacio Barcia, quen “investiga o termo expandido na tarde contemporánea, intentando articular unha teoría que nos axude a interpretar o termo desde un territorio onde os límites das disciplinas conflúen, dialogan ou pérdense”, salientou Tejo. Na tarde deste venres, o CGAC acolle ademais unha performance de Artur Tajber, un artista e investigador polaco cunha extensa traxectoria no eido da arte de acción. Nunha peza inserida no seu ciclo Timemit, Tajber busca afondar na “idea do tempo” a través duns “bucles temporais” que parten de “actividades simples e repetitivas”, realizadas e rexistradas en tempo real, e que conecta “coas realidades do ambiente, do lugar e do tempo da acción”.
Xa o sábado, o congreso acollerá tamén unha conferencia da museógrafa Myriam Rubio, curadora adxunta no Museo de Arte Contemporánea de Barcelona (Macba), quen proporá, a partir de dous proxectos expositivos, unha reflexión sobre os “modelos curatoriais e arquivísticos”, como explicou Tejo. A súa conferencia, engade o codirector deste congreso, “invita a cuestionar como as institucións artísticas poden acoller e comunicar saberes que non se deixan arquivar de maneira convencional”.
