DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro resultado é o espectáculo ‘Sacro’, que poderá verse este venres no Play-Doc de Tui  

Investigacións da Facultade de Comunicación e da EE Forestal conéctanse nun proxecto audiovisual sobre patrimonio e memoria

O obxectivo é desenvolver propostas específicas para cada espazo 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI Pontevedra 08/05/2025

Como unha proposta de creación audiovisual en tempo real, que investiga a relación entre patrimonio, son e memoria preséntase Sacro, o espectáculo ao vivo que o realizador e profesor da Facultade de Comunicación Oswaldo García e o músico Fon Román levarán a cabo na tarde deste venres na igrexa de Santo Domingo de Tui, no marco da programación do Play-Doc. Nesta intervención, a música combinarase cun conxunto de proxeccións visuais en diferentes superficies do templo, que á súa vez toman como punto de partida o escaneado tridimensional do interior e exterior desta igrexa gótica realizado con tecnoloxía láser por investigadoras e investigadores do Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica da Escola de Enxeñaría Forestal. 

Nese senso, o proxecto conecta o labor investigador que García centra na “creación audiovisual en novos medios” co traballo de obtención de nubes de puntos con tecnoloxía LiDAR que a profesora Julia Armesto e investigadores da EE Forestal “utilizan no plano científico para, por exemplo, detectar patróns en masas forestais”. Neste caso, apunta o investigador da Facultade de Comunicación, os resultados deste escaneado 3D empréganse “para investigar sobre as súas posibilidades estéticas á hora de elaborar un discurso audiovisual en tempo real”. 

Arquitectura, música e memoria

“Esta dixitalización do patrimonio convértese na materia prima dun diálogo en vivo entre a improvisación musical e a programación visual xerativa”, sinala o texto de presentación de Sacro, un proxecto do colectivo FON_OS, que integran Román e García. Esta intervención materialízase “nunha videoescenografía proxectada sobre os muros do edificio, onde a estética da nube de puntos e a deformación algorítmica reconfiguran elementos como retablos, alzados e estruturas ornamentais”, nunha proposta que establece un diálogo entre a arquitectura desta igrexa gótica, a súa representación dixital e un conxunto de imaxes que conectan ambas coa memoria do lugar. Con esa idea, o proxecto emprega imaxes de arquivo de actos litúrxicos e imaxes antigas de Tui, nunha intervención “site specific, co xoga con esa idea de presente e pasado”, conectando, apunta García, “o que está ocorrendo no espazo físico” coa propia “dixitalización do pasado dese espazo”.

O primeiro resultado dunha liña de traballo a futuro

Como apunta o investigador da Facultade de Comunicación, o obxectivo é que Sacro sexa o primeiro resultado dun proxecto que, en colaboración coas investigadoras e investigadores da EE Forestal, “pretende recuperar o patrimonio arquitectónico e convertelo nun espectáculo en tempo real”. A proposta, engade, baséase no desenvolvemento de espectáculos adaptados a cada espazo arquitectónico, que engloben tanto ese escaneado tridimensional como a recuperación de material histórico para “facer un traballo de creación audiovisual”, que reflexione sobre a memoria do propio lugar no que se leve a cabo cada proxecto.

De feito, a idea é que as intervencións non só dean como resultado un espectáculo que combine a música e o audiovisual, senón que “deixen no lugar varias nubes de puntos, un traballo de compilación de material e unha peza audiovisual”, como acontecerá coa proposta deste venres.