DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido por Francisco Díaz, MWp4SPACE conta coa participación de universidades e empresas 

Un investigador de atlanTTic lidera un proxecto europeo para mellorar as comunicacións por satélite empregando a fotónica

Formará especialistas nunha tecnoloxía “moi demandada na industria aeroespacial”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 17/10/2022

Francisco Díaz Otero, investigador do Centro de investigación en tecnoloxías de telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTIC), dirixirá nos vindeiros catro anos un proxecto europeo Marie Curie dentro do programa Horizonte Europa da UE para mellorar o funcionamento e a comunicación dos satélites empregando microondas fotónicas. MicroWave Photonic Technologies for Communications and Sensing Applications in Space (MWp4SPACE) encargarase de formar á futura xeración de especialistas en dispositivos e sistemas integrados empregando microondas fotónicas no eido aeroespacial, “o que permitirá crear unha rede de profesionais capaces de atender os retos dunha tecnoloxía como son as microondas fotónicas integradas, cunha gran demanda na industria aeroespacial”, aclara o investigador, “xa que ao estar integradas nun chip teñen menor tamaño, peso e consumen menos que o equipamento de satélite existente actualmente”. Díaz, investigador do Departamento de Teoría do sinal e das comunicacións e referente en fotónica integrada, destaca que ademais de integrar múltiples dispositivos e funcionalidades nun só chip, tamén “teñen maior rendemento e facilitarán a creación de novos sensores para observación da Terra (imaxes, vídeos, sensores infravermellos, etc.) e comunicacións entre satélites e satélite-Terra. Destas vantaxes obteranse beneficios para os usuarios finais en forma de mellores sistemas de localización (GPS e Galileo), comunicacións máis avanzadas, mellores modelos de clima ou predición de modelos da Terra”, sinala o docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo. 

O programa MWP4SPACE, dotado con 4 millóns de euros, conta coa participación de cinco universidades europeas (DCU Dublin City University, Mbryonics, CNIT - Consorzio Nazionale Interuniversitario per le Telecomunicazioni-, Scuola Universitaria Superiore Pisa - Sant’Anna e University College Cork), unha institución académica sen ánimo de lucro (Tyndall National Institute) e nove empresas que son referencias mundiais en fotónica e tecnoloxías espaciais (Alter Technology, Ghent University, III-V Lab, CamGraPhIC, VPI Photonics, Pilot Photonics, Antwerp Space, Université de Rennes e Thales Alenia Space). 

atlanTTic no centro da tecnoloxía fotónica integrada

Ademais de situar ao Centro de investigación en tecnoloxías de telecomunicación da Universidade de Vigo no centro da tecnoloxía fotónica integrada, o proxecto MWp4SPACE amplía as futuras oportunidades para o seu persoal investigador. “Levamos anos traballando desde Vigo con outras universidades especializadas nesta tecnoloxía como a Politécnica de Barcelona ou a de Valencia, compartindo coñecemento e resultados e creando unha rede de colaboración que definirá a axenda dos investigadores españois especializados nunha tecnoloxía que está a medrar de xeito significativo en Europa e que xa está por diante doutras potencias en investigación, como é Estados Unidos”, sinala Díaz. 

As habilidades que deberán desenvolver estes futuros especialistas permitirán crear redes seguras e reconfigurables tanto con satélites próximos á superficie da Terra como son os LEO (Low Orbit Earth) e os MEO (Medium Orbit Earth) para comunicacións por satélite e observación da Terra.