DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Xosé Rúas forma parte do grupo de traballo sobre medios desta acción Cost

Un investigador de CCSS e da Comunicación, nunha rede europea que estuda as teorías da conspiración

Realizaron unha enquisa en Andalucía que constatou unha elevada desconfianza na información recibida

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/06/2019

Crear unha rede interdisciplinar que permita investigar dunha forma sistemática de onde proceden, como traballan e que medidas poden adoptarse fronte as chamadas teorías da conspiración. Este é o obxectivo central da rede europea Comparative Analysis of Conspiracy Theories, inserida nas accións Cost do programa comunitario Horizonte 2020, que reúne máis de 130 expertos de diferentes países europeos, entre eles, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xosé Rúas. Este investigador forma parte do grupo de traballo Manifestations and media, que, entre outros aspectos, pon o foco de análise na credibilidade dos medios. No marco deste campo de análise e inserido tamén nas iniciativas desta rede, Rúas desenvolveu xunto coa profesora da Universidad de Huelva Estrella Gualda un estudo sobre a "credibilidade e confianza na información”, que tivo como punto de partida a realización dunha enquisa a máis dun milleiro de persoas en Andalucía e na que o 66% dos enquisados e enquisadas manifestaron a súa crenza "de que se lles oculta información".

“O escepticismo sobre a credibilidade dos medios é un debate constante, existe unha percepción de que os medios son parte do poder e vense tocados pola mala imaxe do poder”, salienta Rúas, que é un dos investigadores procedentes do eido da comunicación que forman parte da rede liderada polo investigador da Universidade de Manchester Peter Knight. “Nela hai expertos de diferentes ámbitos de moitas universidades europeas e hai tamén diferentes grupos de traballo que investigan como se artellan as conspiracións ou que rutas poden seguir”, engade o profesor do campus pontevedrés. Afondar en que medida existe ou non na poboación "a sospeita de que hai elementos de manipulación e engano" nas informacións transmitidas por diferentes medios constitúe neste caso o foco central de análise de Rúas nesta iniciativa da que salienta o seu interese á hora de poder contrastar “as opinións sobre a percepción dos medios nos distintos países”. 

O 60% dos andaluces cre que hai feitos dos que non son informados

No marco das actividades desta rede atópase o proxecto Teorías de la conspiración y desinformación, dirixido por Gualda e seleccionado en 2017 para a realización dunha enquisa por parte do Panel Ciudadano para la Investigación Social en Andalucía (Pacis), do Instituto de Estudios Sociales do CSIC, a unha mostra estatisticamente significativa da poboación andaluza. “Tratábase dunha enquisa moi ampla, na que participaron psicólogos, sociólogos”, explica Rúas, encargado de definir os ítems relativos ao “consumo e credibilidade dos medios” dun estudo que, engade, "gustaríanos poder replicar con outras poboacións”. 

Os resultados que achegaron as 1103 entrevistas realizadas foron analizados por Rúas e Gualda nun artigo publicado na revista Communication & Society, no que constatan “o elevado grao de desconfianza que manifestan os andaluces respecto á información que reciben, na medida en que aprecian que existe ocultación de feitos relevantes sobre os que non son informados”. De feito, o 68% dos enquisados amosou unha “alta crenza” respecto da afirmación de que “ocorren moitas cousas importantes no mundo sobre as que o público nunca é informado”, resultado que, sinalan o autor e autora do artigo, “suxire implicitamente unha crítica á credibilidade da información e unha desconfianza que podería asociarse igualmente ás pautas de consumo de medios tradicionais e modernos”.

O estudo abrangueu a análise do grao de confianza dos enquisados e enquisadas en diferentes axentes e institucións públicas. Entre eles, os medios de comunicación, constatándose unha “maior confianza media” cara os xornais, a televisión ou a radio entre aqueles e aquelas persoas que aseguraban crer menos en teorías da conspiración. Pola contra, recolle o artigo, “identificouse unha tendencia estatisticamente significativa a apoiar a crenza conspirativa respecto á ocultación de información” no caso das persoas que manifestaban “unha maior confianza” en xornais dixitais, blogs ou redes sociais. 

Así mesmo, o estudo buscou pór en relación tamén estas variables co perfil sociolóxico dos enquisados e enquisadas, o que levou a Gualda e Rúas a observar como a “desconfianza na información recibida” era maior entre a xente de 18 e 44 anos, ao igual que era tamén máis elevada tanto persoas cunha titulación universitaria como sen estudos. A desconfianza tamén era maior entre persoas ateas, non crentes ou pouco ou nada practicantes, así como naqueles e aquelas que afirmaron ter unha ideoloxía de esquerdas.