DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do ICALEO, o congreso máis importante do mundo sobre procesamento de materiais con láser

O investigador do Cintecx Raúl Barciela gaña un premio internacional por un traballo sobre a produción de fibras nanométricas

Emprega unha técnica que permite obter fibras de vidro con “propiedades excepcionais”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Premios
  • Investigación
M. Del Río DUVI 27/10/2022

Raúl Barciela Sánchez, investigador do grupo LaserON do centro de investigación Cintecx da Universidade de Vigo, acaba de ser galardoado co premio que outorga o Laser Institute of America ao mellor traballo presentado no 41 Congreso Internacional de Aplicacións dos Láseres e Electro-óptica, ICALEO’2022. A súa investigación, a primeira desenvolvida en España que acada esta distinción, céntrase na produción de fibras nanométricas mediante unha técnica innovadora deseñada e patentada polo seu grupo de investigación. 

O simposio internacional, celebrado este mes na cidade estadounidense de Orlando, é o máis importante do mundo neste campo e, como recoñece o propio Barciela, o feito de participar nesta cita “diante dos mellores investigadores e as empresas máis punteiras da industria do láser, xa era de por si unha grande oportunidade”. Polo tanto, “a recepción deste galardón nun congreso de semellante prestixio supón, sen dúbida, un tremendo orgullo tanto para min como para o grupo laserON e un excelente recoñecemento que pon en valor todo o gran traballo que se leva realizado neste grupo arredor da investigación nas aplicacións dos láseres nos últimos anos”. Ademais, engade, “o feito de que sexa a primeira vez que se concede a un traballo realizado en España dá unha idea da dificultade e o mérito que ten recibir este premio, que contribúe a consolidar o noso grupo como referente a nivel mundial neste campo, á vez que supón un estímulo para seguir traballando e innovando”.

O investigador da UVigo xa fora recoñecido en 2018 co Premio Fin de Carreira que outorga  Xunta de Galicia pola súa traxectoria académica. Esta nova distinción “ten especial valor, por ser froito da miña etapa na investigación, traballando nun tema único a nivel mundial e con grande aplicación na industria, co incentivo de poder contribuír directamente co meu traballo ao desenvolvemento tecnolóxico da sociedade”.

Barciela presentou o seu traballo na última xornada do congreso, espertando un grande interese entre as persoas asistentes e recibindo numerosas felicitacións. “Foi moi gratificante, xa que me permitiu facer contactos con investigadores, que valoraron tremendamente o traballo e que me achegaron novas ideas e suxestións para continuar avanzando”. Ademais, o investigador tamén subliña a “excelente calidade e innovación dos traballos presentados” e a participación dos “mellores investigadores e as empresas máis punteiras da industria do láser”. 

Fibra de vidro con propiedades excepcionais

O traballo de Barciela céntrase na produción de fibras nanométricas mediante unha nova técnica, denominada Cofiblas, que foi desenvolvida e patentada polo grupo de investigación LaserON. Esta técnica permite a produción de fibras de vidro cunhas propiedades excepcionais, xa que, como explica o propio investigador, “teñen un diámetro extremadamente pequeno, non alcanzable mediante ningunha outra técnica alternativa; presentan unha flexibilidade extraordinaria e pódense obter de forma continua, chegando a lonxitudes quilométricas”. 

Ademais, Barciela destaca que estas nanofibras de vidro “son moito máis baratas que outros materiais que se usan actualmente como a fibra de carbono ou o Kevlar, e pódense reciclar facilmente. A súa alta resistencia á tracción e tenacidade, unidas á súa extraordinaria flexibilidade, abren novas posibilidades para a xeración dunha nova categoría de compostos superflexibles con aplicacións en campos como téxtiles ultra-resistentes, novas palas para aeroxeradores, elastómeros e filtros”. A estas características súmase unha máis, xa que ao non arder “poderían incorporarse a téxtiles ignífugos e de altas prestacións", sinala Raúl Barciela, que tamén apunta  posibles aplicacións biomédicas, aínda por explorar.

Tese de doutoramento

O traballo galardoado no ICALEO’2022 forma parte da tese de doutoramento que está a realizar Raúl Barciela baixo a dirección do profesor Félix Quintero e do catedrático Juan Pou, que conta con financiamento dos Ministerios de Educación e de Ciencia e Innovación, e da Consellería de Educación e Universidades da Xunta de Galicia. Actualmente atópase no ecuador do proceso de elaboración da tese, que agarda poder presentar en dous ou tres anos. “Concretamente, nestes momentos estou analizando a reproducibilidade da técnica e explorando vías para realizar os ensaios mecánicos das nanofibras de vidro. Para min esta etapa é a que máis complexidade ten como parte da miña tese”. Ademais, nos próximos meses o investigador realizará unha estadía no Departamento de Enxeñería de Materiais da Universidade North Texas, tamén nos Estados Unidos, para afondar máis nesta técnica de fabricación de nanofibras.

LaserON, 30 anos de experiencia no procesado e síntese de materiais con láser

O grupo de investigación en Aplicacións do Láser (LaserOn) do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo é un referente nacional e europeo no ámbito do procesado de materiais con láser. Segundo destacan dende o grupo, este éxito baséase na conxunción de dous elementos fundamentais, por unha banda “un grupo humano compacto e multidisciplinar con experiencia contrastada neste campo e, por outra, o parque láser dispoñible. “O conxunto de equipamentos, principalmente fontes láser de alta potencia e equipamentos auxiliares, constitúen unha infraestrutura única na Península Ibérica e é unha das 10 máis relevantes de Europa neste ámbito”, recalcan.