DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun artigo publicado en ‘Scientific Reports’, revista do grupo ‘Nature’

Un investigador da EE Forestal confirma que os xenitais das libélulas evolucionan por selección sexual

Adolfo Cordero comprobou este fenómeno con dúas especies do xénero Calopteryx

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/07/2018

Máis aló da evolución por selección natural, a modificación das características e habilidades dunha especie para aumentar as súas posibilidades de supervivencia, existe tamén unha evolución por selección sexual que afecta a aqueles caracteres que difiren entre sexos sen que esta diferencia teña unha relación directa coa supervivencia ou a capacidade de adaptación, se non co incremento das posibilidades de reproducirse do individuo. Ese sería o caso das colas dos pavos reais ou das melenas dos leóns, pero tamén das modificacións que, co paso das xeracións, van experimentando os órganos xenitais de especies como as libélulas, como confirma o investigador da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero nun artigo publicado en Scientific Reports, revista do grupo Nature, no que dá conta dun experimento realizado con dúas especies do xénero Calopteryx, que lle permite confirmar a existencia dunha “coevolución, mediante selección sexual, nos xenitais de machos e femias”.

“Ata hai pouco pensábase que a selección sexual aplicábase a outro tipo de características”, como as que poderían determinar un maior éxito no cortexo ou naqueles elementos, como as cornamentas, que os machos empregan para loitar entre eles, “pero que os órganos sexuais servían simplemente para inseminar”, explica Cordero, responsable do grupo de investigación EcoEvo (Laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación). Mais esta explicación, recoñece, “non encaixa coa evolución das características xenitais” observadas, por exemplo, en diferentes especies de insectos. 

O artigo que Cordero publicaba en Scientific Reports, “unha desas revistas que se consideran de maior prestixio e nas que sempre é interesante publicar”, permitía nese senso confirmar a existencia desa evolución, por selección sexual, nos xenitais de Calopteryx haemorrhoidalis e de Calopteryx splendens. Unha evolución que, explica, ten a súa orixe no “conflito” que se produce entre o macho e femia, xa que, tanto nestas dúas especies de libélulas como noutras moitas, no momento da cópula o macho é capaz de detectar e retirar coa lígula, órgano equivalente a un pene, o esperma que a femia acumula de cópulas anteriores para o momento da fertilización. Unha posible evolución por selección sexual debería pois levar ás femias a desenvolver mecanismos para evitar esa retirada e isto provocaría á súa vez a “coevolución” dos órganos reprodutores dos machos, nunha “interacción continua pola que, xeración tras xeración, estanse adaptando o un ao outro”, como relata Cordero, que sinala que “diferentes estudos ilustraban que isto parecía estar ocorrendo, pero faltaba unha demostración experimental”.

A existencia de híbridos, como punto de partida

A constatación desta “coevolución” é o resultado duns traballos de campo realizados por Cordero hai máis dunha década en Italia e continuados posteriormente coas análises realizadas nos laboratorios da EE Forestal. O seu punto de partida foi a observación dunha serie de exemplares que non se correspondían con ningunha especie descrita en Europa e que, como o investigador puido comprobar mediante unha análise xenética, eran híbridos destas dúas especies, o que confirmaba que “aínda que moi raramente, prodúcense cópulas interespecíficas” entre estes dous tipos de Calopteryx, nos que os xenitais dos machos “son moi semellantes, pero os das femias totalmente diferentes”.

Deste feito xurdiu a hipótese de partida que Cordero tratou de confirmar; “a de que de producirse esa coevolución, os machos da outra especie terían vantaxe á hora de retirar o esperma, porque as femias non terían desenvolvido ningún tipo de defensa ante un macho co que non están habituadas a aparearse, cunha morfoloxía e un comportamento diferentes e ante os que, polo tanto, terían una capacidade de resposta limitada”. 

Empregando un método experimental consistente en aparear a exemplares das dúas especies “a man”, colocando un a carón de outro, evitando un “cortexo, que nestas dúas especies é moi elaborado e ademais distinto”, Cordero tratou de comprobar ese feito. Como relata no artigo, o experimento consistía en primeiro termo en aparear ás femias con individuos da súa mesma especie e, posteriormente, de xeito aleatorio, con outro macho da súa especie ou da outra, impedindo que se completase a cópula. Isto permitíalle comprobar que especie era capaz de retirar o esperma previo en maior medida. “Nestas especies, sábese que o macho pode retirar ata o 100% do esperma do órgano principal”, explica Cordero que con este método puido constatar como, tanto nas femias de haemorrohoidalis como nas de splendens, eran sempre os individuos da outra especie os que retiraban unha maior cantidade de esperma. 

Así mesmo, no relativo ás femias, esta coevolución amósase tamén no feito de que estas dúas especies desenvolveron “dous órganos para almacenar o esperma, un que é o principal e do que os machos si son capaces de retirar, e outro secundario ao que non acceden ou o fan con dificultade”.