Promovido polo Panel para o Futuro da Ciencia e Tecnoloxía da cámara
O investigador Juan Picos participará nun debate sobre incendios forestais no Parlamento Europeo
Centrado nas solucións baseadas na natureza
Dirixido a prestar asesoramento a eurodeputados e eurodeputadas, proporcionándolles análises e información sobre avances científicos e tecnolóxicos, o Panel para o Futuro da Ciencia a Tecnoloxía (STOA) do Parlamento Europeo promove o vindeiro martes 12 de maio unha sesión sobre os incendios forestais. Centrada en como as solucións baseadas na natureza poderían contribuír á prevención e xestión dos lumes, entre os expertos convidados a participar neste foro atópase o investigador da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos. Na súa intervención, presentará ás e aos representantes da cámara comunitaria algunhas das iniciativas promovidas ao abeiro do proxecto Firepoctep+, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feder), no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg VI-A España-Portugal 2021-2027 (POCTEP).
“Os devastadores incendios forestais de 2025 en varios países da Unión Europea reforzaron a urxencia de pasar dunha resposta reactiva a enfoques preventivos baseados na resiliencia”, sinalan os promotores dun encontro que porá o foco en como a restauración de ecosistemas e a “xestión diversificada" da paisaxe poden reducir o risco de incendios e contribuír á “adaptación ao cambio climático” e á “revitalización do rural”. Nese senso, este evento pretende resaltar o papel das solucións baseadas na natureza e presentar “proxectos exitosos” desenvolvidos en diferentes puntos de Europa, así como xerar unha serie de recomendacións. Con ese propósito, este workshop reunirá no Parlamento Europeo a Anastasia Pantera, profesora da Universidade de Agricultura de Atenas; Ine Vandecasteele, experta da Unidade de Risco Climático e Resiliencia da Axencia Europea de Medio Ambiente; Philiipe Tulkens, subdirector da Misión da UE para a Adaptación ao Cambio Climático; Ragni Fjellgaard Mikalsen, do RISE Fire Research de Noruega, e ao investigador e subdirector da EE Forestal.
Investigar e “cambiar as cousas”
Como “un respaldo, non só aos resultados do proxecto, senón tamén ao esforzo realizado a nivel de visibilización”, define Picos a súa inclusión neste panel de expertos, no que centrará a súa intervención tanto na necesidade de as solucións baseadas na natureza desde “unha perspectiva ampla”, como nalgunhas das accións impulsadas polos diferentes socios de Firepoctep+, no que participan 17 institucións e entidades de España e Portugal. Centrado na identificación de zonas clave na prevención de incendios forestais extremos ao longo da fronteira entre España e Portugal, o proxecto que se completa a finais deste ano non só abrangueu o desenvolvemento de modelos para a identificación das chamadas “zonas estratéxicas de xestión”, nas que unha actuación preventiva permitiría mudar o comportamento dos incendios forestais extremos, senón tamén a posta en práctica dun conxunto de “pequenas accións” preventivas coa implicación dos axentes locais.
Nese senso, Picos pon de relevo que “un dos obxectivos de proxectos como os Interreg non é só investigar, senón tamén conseguir avanzar e cambiar as cousas”. De aí que incida no positivo de que “as autoridades lexislativas europas se interesasen polo proxecto e polo tipo de solucións que estamos intentando desenvolver para reducir as vulnerabilidades aos grandes lumes forestais”.
Das actuacións sobre o terreo ao marco lexislativo
Na súa intervención no Parlamento Europeo, o investigador principal de Firepoctep+ buscará conectar a idea das solucións baseadas na natureza con accións dirixidas a que esta “evolucione a situacións de menor risco para as persoas, a propia natureza e as infraestruturas”. Nese senso, as “actuacións demostrativas” desenvolvidas nas zonas estratéxicas previamente identificadas teñen como obxectivo promover unha “xestión preventiva” da paisaxe, que permita reducir a cantidade de biomasa naquelas áreas máis propensas á propagación dos lumes. Estas, sinala, abranguen desde recuperar nestes espazos “cultivos que abandonamos e que nos protexían nos incendios”, ao uso do gando, cambios na vexetación ou queimas prescritas. Como exemplos, Picos presentará neste encontro iniciativas como como as levadas a cabo no Baixo Miño cos axentes locais, accións formativas sobre o uso tradicional do lume na xestión do territorio, traballos de silvicultura adaptativa levados a cabo na Paisaxe Protexida do Corno do Bico, en Pardes de Coura, ou accións desenvolvidas en Estremadura para a posta en marcha de “cortalumes produtivos”.
Alén dese obxectivo de promover “cambios a nivel local”, recoñece Picos, a participación en foros como este contribúen tamén que as e os responsables da lexislación europea poidan ter en conta “a variable dos incendios forestais” á hora de abordar normativas, “que aparentemente non están directamente relacionadas” coa temática, pero que si poderían ter efectos neste eido, desde “a lei de restauración da natureza ata a lei de trazabilidade dos produtos agrarios e forestais”. Nesa mesma liña, destaca o positivo da recente inclusión nun real decreto do Goberno de España do concepto de zonas estratéxicas de xestión, ao tempo que salienta o interese de que este foro comunitario poida achegarse á realidade de dous dos países máis afectados por incendios extremos, que, nun escenario de cambio climático, constitúen “un risco certo para moitos lugares” europeos “nun futuro non moi distante”.
