DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia promovida por Amnistía Internacional coa colaboración da Universidade

A investigadora e activista Massouda Kohistani afondará na Casa das Campás na situación das mulleres en Afganistán  

O vindeiro martes 28, ás 19.00 horas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Pontevedra 21/03/2023

Membro da Unidade de Investigación e Avaliación de Afganistán e da Afghan Womens´s Network, a investigadora, docente e activista polos dereitos humanos Massouda Kohistani viuse ameazada de morte e obrigada a deixar o seu país tras a subida ao poder dos talibáns en agosto 2021. Refuxiada desde entón en España, Kohistani está a ter un “papel moi activo na visualización da situación da muller no seu país natal”, principal obxectivo do coloquio que o vindeiro martes 28 protagonizará na Casa das Campás, promovido por Amnistía Internacional Galicia coa colaboración da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade.

Nunha actividade aberta a toda a cidadanía, na que esta activista será presentada pola directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, Kohistani porá o foco na “delicada situación que viven as mulleres e nenas de Afganistán” tras a toma de poder por parte dos talibáns, como destacan desde Amnistía Internacional. Como lembra esta organización, tras a toma do poder por parte dos talibáns, as mulleres afgás “retrocederon no seu dereito á educación, pois xa non poden asistir ao colexio ou á universidade”, ao igual que “no seu dereito ao traballo remunerado, pois xa non se lles permite exercer a súa profesión”, á vez que tampouco “poden ser donas do seus propios negocios ou ocupar cargos público”, do mesmo xeito que “estase limitando de novo a súa liberdade de movemento de expresión e asociación”.

Última parada na súa xira por Galicia 

Investigadora e docente, Kohistani foi ameazada de morte “despois de convocar a primeira manifestación tras a volta dos talibáns ao poder”, e xogou tamén “un papel clave no apoio ás mulleres no proceso de evacuación” destas. Participante tamén no Jirga Nacional sobre Consultas para a Paz, esta activista chegou a España tras a toma de Kabul por parte dos talibáns, da man da fundación sen ánimo de lucro Cepaim e desde entón ten xogado un papel activo na visualización da situación que sofren as mulleres afgás. Con ese obxectivo, Amnistía Internacional Galicia promove entre este venres 23 e o martes 28 o seu percorrido por diferentes cidades e vilas galegas, nas que protagonizará unha serie de encontros abertos. O último deles terá lugar na sede da Vicerreitoría,o que leva á vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval, a pór en valor que Amnistía Internacional “optase pola UVigo para presentar a esta activista, que defende a participación da muller na esfera pública”. Isto permitirá así mesmo pór o foco, lembra, na “situación das mulleres investigadoras” en Afganistán, como permitirá tamén a conferencia da astrónoma e activista Amena Karimyan que a Universidade promove este mércores 22 no edificio Redeiras, en Vigo.