DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tania Álvarez recibiu en Madrid a medalla do Comité Olímpico Español 

Unha investigadora do campus, recoñecida polo COE polos seus éxitos como piragüista

En setembro obtiña o bronce no Campionato do Mundo de Maratón

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Premios
  • Deportes
DUVI Pontevedra 05/02/2019

Alumna de doutoramento da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Tania Álvarez compaxina o seu labor como investigadora, centrado en analizar o perfil neuromuscular dos e as piragüístas de elite, coa súa propia traxectoria deportiva nesta disciplina. O pasado mes de setembro, Álvarez Yates lograba na localidade portuguesa de Vila Verde o seu maior logro deportivo ata a data, a medalla de bronce que, xunto a Tania Fernández, acadaba na modalidade de K2 do Campionato do Mundo de Maratón, modalidade na que as e os deportistas compiten nun percorrido de 26,2 quilómetros. Un éxito que esta fin de semana levouna a recibir a medalla do Comité Olímpico Español (COE), no marco da 71 edición da gala da Real Federación Española de Piragüismo, celebrada nas instalacións do COE en Madrid. “Á verdade é que é toda unha honra que che dean este recoñecemento, á fin e ao cabo, o COE é a máxima institución deportiva”, salienta esta alumna e deportista tras recibir un galardón, lembra, “que só cho outorgan se obtés unha medala nun campionato do mundo en categoría absoluta”. Este foi un mérito que Álvarez Yates alcanzaba o pasado mes de setembro, nunha tempada na que, antes dese bronce no mundial, Álvarez remataba xunto a Fernández no cuarto lugar no Campionato de Europa de Maratón, celebrado en Croacia. Pese a todo, a deportista do CMCD Breogán do Grove recoñeceu a sorpresa que lle produciu a comunicación de que lle concederan unha medalla que “non agardaba para nada”, e que serve como colofón a un ano, o 2018, “que foi sen dúbida o mellor, tanto deportiva como academicamente”. 

Piragua e tese

Despois de obter un bo número de medallas en Campionatos de España en diferentes categorías, Álvarez Yates decidiu en 2013 aparcar temporalmente os seus adestramentos como piragüista e centrarse nos seus estudos na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde, tras cursar o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e o máster en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde, atópase actualmente traballando na súa tese de doutoramento, baixo a dirección do profesor Óscar García. “É cuestión de organizarse, de aproveitar ben as horas. O deporte é unha montaña rusa, este ano igual estás arriba, pero non sabes o que vai pasar o ano que vén e o piragüismo é un deporte no que as axudas están moi limitadas”. recoñece Álvarez, xa afeita a compaxinar estudos e adestramentos desde a súa entrada no Centro Galego de Tecnificación Deportiva con 13 anos.

Despois do parón, Álvarez Yates decidiu subir de novo ao kaiak en 2016 e aos poucos meses xa se viu terceira no Campionato de España de Maratón, modalidade na que centra a súa preparación, aínda que a combina coas competicións de pista co seu club. “Ese foi un punto de inflexión”, recoñece a deportista e investigadora, que 2016 lograba xa clasificarse para o campionato de mundo disputado en Alemaña, para, un ano despois verse preto do podio no mundial de Sudáfrica, onde rematou en cuarto lugar na proba do K1 sub23, e onde competiu tamén no K2 asbsoluto xunto a Tania Fernández, rematando en sexta posición. Finalmente, a medalla chegaría en 2018 no mundial celebrado en Portugal. “Agora o obxectivo é igualar o feito, e isto será máis difícil que a medalla, manterse na elite”, recoñece dos seus obxectivos para esta nova tempada unha piragüista, que tamén lograba o pasado ano o ouro no campionato de España de K2 1000 metros e de K4 500 metros, á vez que se proclamaba tamén campioa de España de K1 en Ríos e Travesías e sumaba a estes logros o quinto posto acadado no K-1 na Copa do Mundo de Maratón. 

Un deporte pouco investigado

Máis aló da práctica deportiva, o piragüismo tamén é o eixo do seu labor como investigadora. No seu segundo ano no programa de doutoramento en Educación, Deporte e Saúde, Álvarez Yates traballa nunha tese que busca “saber se as capacidades neuromusculares permítennos predicir o rendemento en piragüismo”, un deporte no que, recoñece, a literatura científica existente é “pouca e moi dispersa”, xa que comprende diferentes focos de análise e metodoloxías. Esta alumna de doutoramento atópase actualmente de feito analizando a literatura científica existente sobre este deporte, como paso previo á unha fase de análise de deportistas de elite para a que, explica, precisa traballar cunha mostra de máis de 80 piragüistas de diferentes modalidades e disciplinas. “A miña idea é obter un perfil neuromscular de cada modalidade en función de se é home ou muller, da especialidade...”, explica Álvarez Yates.

Os obxectivos da súa investigación, engade, pasan en primeiro termo por “determinar o perfil neuromuscular dos piragüistas de elite en función do xénero, modalidade e especialidade”, así como por determinar tamén o seu grao de simetría lateral, xa que unha descompensación podería ter repercusións no rendemento. A partires de aí, o terceiro obxectivo é tratar de analizar “a capacidade explicativa que as variables neuromusculares teñen sobre os indicadores de rendemento en piragüismo”.