O seu proxecto Emcobios recibe preto de 200.000 euros
A investigadora do Cintecx Xanel Vecino logra unha das tres axudas estatais de Consolidación Investigadora en Tecnoloxías Medioambientais
Desenvolverá tecnoloxías sostibles de recuperación de biosurfactantes a partir de residuos do millo
A investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo Xanel Vecino acaba de conseguir unha das tres axudas concedidas a nivel nacional na área de Tecnoloxías Medioambientais da convocatoria Consolidación Investigadora 2025 do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, iniciativa que este ano dedicou 25 millóns de euros a consolidar a carreira investigadora de 130 investigadoras e investigadores de todo o país.
A axuda concedida á investigadora e docente da Escola de Enxeñería Industrial está dotada con preto de 200.000 euros -199.595 €- e vai dirixida a desenvolver durante dous anos o proxecto Procesos de electromembrana para a recuperación de biosurfactantes derivados do millo (Emcobios), cuxo obxectivo é crear tecnoloxías sostibles de recuperación de biosurfactantes a partir de residuos da industria do millo, liña de investigación na que Vecino leva anos traballando.
“Conseguir esta axuda supón para min un importante impulso”, explica Vecino, quen destaca a relevancia de acadar esta axuda nunha convocatoria “moi competitiva” na que das nove solicitudes realizadas desde a UVigo só se acadou esta, o que sitúa o cociente de éxito para a UVigo no 11,11%.
Transformar un residuo nun recurso de alto valor engadido
O obxectivo principal de Emcobios é desenvolver e validar procesos innovadores baseados en tecnoloxías de membrana, especialmente electrodiálise a escala piloto, para recuperar biosurfactantes presentes nas augas de lavado de millo (CSW), un subproduto líquido xerado pola industria do millo.
Os biosurfactantes son compostos de orixe biolóxica que constitúen unha alternativa máis sostible aos tensioactivos convencionais empregados en numerosos sectores industriais. A súa obtención e recuperación segue presentando importantes retos tecnolóxicos, que o proxecto pretende abordar mediante sistemas de separación máis eficientes e respectuosos co medio ambiente.
Fronte aos métodos tradicionais, baseados frecuentemente no uso de disolventes químicos, Emcobios aposta por tecnoloxías de membrana capaces de separar e concentrar compostos de interese reducindo o consumo enerxético e evitando o emprego de substancias tóxicas. Entre elas destaca a electrodiálise, unha tecnoloxía que ofrece unha elevada selectividade iónica e que, ademais de recuperar biosurfactantes, permite valorizar outros compostos presentes nestas correntes industriais, como os ácidos orgánicos.
Con Vecino como investigadora principal, o proxecto contará tamén coa colaboración do resto do persoal investigador do grupo de Enxeñaría Química 10 do Cintecx e da Universitat Politècnica de Catalunya.
Investigación aliñada cos ODS
Segundo explica Vecino, este traballo permitirá avanzar no desenvolvemento de procesos máis sostibles para a extracción de biosurfactantes, combinando criterios de sustentabilidade ambiental, social e económica.
A investigación está ademais estreitamente vinculada a varios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), ao promover produtos máis sostibles e biocompatibles, favorecer unha xestión máis eficiente da auga, impulsar a innovación nos procesos industriais, fomentar modelos de produción responsables e contribuír á mitigación do cambio climático.
Para a investigadora, a concesión da axuda ten tamén unha importante dimensión profesional. “Supón un apoio á miña estabilidade dentro da Universidade de Vigo, ao favorecer a creación e consolidación de prazas de carácter permanente, o que representa unha gran satisfacción tanto a nivel profesional como persoal”, sinala.
Aplicacións para sectores como o cosmético e o agroquímico
Máis aló dos avances científicos, Emcobios busca tamén facilitar a transferencia de coñecemento cara ao tecido produtivo. A implementación das tecnoloxías desenvolvidas permitirá xerar solucións aplicables en sectores como o cosmético ou o agroquímico, contribuíndo ao desenvolvemento de novos produtos biotecnolóxicos máis respectuosos co medio ambiente e reforzando a competitividade da industria española e europea.
En última instancia, o proxecto aspira a converter un residuo agroindustrial nunha fonte de compostos de alto valor engadido mediante tecnoloxías innovadoras e sostibles, avanzando así cara a modelos produtivos baseados nos principios da economía circular e no aproveitamento eficiente dos recursos.
