DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sobrepesca fixo desaparecer esta especie en moitos ríos de España dende os anos 80

A investigadora María Gabián realiza, na súa tese, unha análise xenómica do salmón atlántico da península ibérica

Os datos suxiren unha linaxe alternativa nas poboacións do sur de Europa, ata agora non descrita

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 16/12/2021

O salmón é unha das especies máis importantes da produción piscícola mundial e cada ano prodúcense arredor de 2,5 millóns de toneladas deste peixe en piscifactorías de todo o mundo. O seu alto valor económico e comercial fixo que sexa obxecto de numerosos estudos xenéticos, os máis extensos, realizados sobre poboacións do norte de Europa e América e, en menor medida, en poboacións da península ibérica. As últimas centran a tese de doutoramento de María Gabián, dirixida por Paloma Morán e Antonio Carvajal e realizada no marco do programa de doutoramento Metodoloxía e Aplicacións en Ciencias da Vida. A investigadora explica que existen moitos menos estudos  sobre o salmón da península ibérica porque estas poboacións do sur de Europa diminuíron drasticamente pola sobrepesca dende a década de 1980, chegando incluso a desaparecer en moitos ríos de España. Ademais, puntualiza, “os salmóns do norte son de maior tamaño, o que é beneficioso para a súa produción a grande escala, e cando unha especie resulta beneficiosa para un país, invístese máis no seu estudo”.

A investigadora, que pertence ao grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética do CIM (Centro de Investigación Mariña), destaca que as poboacións de salmón da península ibérica “poden resultar de interese debido a que a península ibérica constituíu un refuxio para a especie durante a glaciación do Pleistoceno e porque nas poboacións peninsulares foron introducidos diversos stocks foráneos do norte de Europa”. Estas repoboacións, explica, leváronse a cabo “nun intento de xestionar a gran diminución poboacional de finais do século XX, o que as converte nun material atractivo para o estudo das introgresións”, que son os movemento de xenes dunha especie a outra a consecuencia dun proceso de hibridación interespecífica seguido de retrocruzamento.

A súa tese de doutoramento organízase arredor de tres capítulos, cada un deles centrado nun aspecto diferente da análise xenómica desta especie. Así, na primeira parte do seu estudo realiza unha busca de rexións xenómicas implicadas na determinación e diferenciación sexual; na segunda céntrase na validación do xen sdY como ferramenta para o estudo de introgresión vía machos; e finalmente, a parte final da tese abrangue a detección de selección diverxente entre poboacións do norte e o sur de Europa.

As rexións xenómicas implicadas na determinación e diferenciación sexual

O primeiro capítulo da tese de Gabián céntrase na busca das rexións xenómicas implicadas na determinación e diferenciación sexual. Para iso, a investigadora empregou un array de alta densidade de SNPs, “unha tecnoloxía que analiza de forma simultánea centos ou miles de posicións diferentes ao longo de todo un xenoma, proporcionándonos unha visión do xenoma completo de cada individuo”. Deste xeito, puido estudar as rexións potencialmente implicadas na determinación e/o diferenciación sexual dos salmóns. Os resultados dos análises “apoian as evidencias previas de que a determinación do sexo no salmón atlántico está ligada ao cromosoma Ssa02; non obstante, as rexións asociadas á determinación do sexo en Ssa21 suxiren unha linaxe alternativa nas poboacións do sur de Europa, ata agora non descrita”. Este achado, segundo Gabián, ten implicacións dende o punto de vista da conservación, xa que a xestión das poboacións da península ibérica debe realizarse de maneira diferente á doutras poboacións”. Esta linaxe responde ao feito de que as poboacións de salmón están moi illadas xeograficamente unhas doutras, e neste caso, “o capítulo 1 queda patente que tamén existen diferencias a nivel de determinación sexual”.

O estudo de introgresión vía machos

O segundo capítulo da tese céntrase na validación do xen sdY como ferramenta para o estudo de introgresión vía machos. A investigadora explica que naquelas especies de peixes nas que o sexo é indiferenciable antes que desenvolvan os caracteres sexuais secundarios, que son os que permiten a identificación visual, resulta “esencial atopar un método de diagnose previa para a xestión de reprodutores, o que tamén pode ser útil en estudos poboacionais”. Neste sentido, o xen determinante do sexo, sdY, ten demostrado ser un candidato fiable para a identificación do sexo no salmón atlántico. Para a realización do estudo, estudáronse as variantes haplotípicas da secuencia intrónica do sdY en diversos ríos, cubrindo todo o rango sur da súa distribución no continente europeo, ademais de mostras históricas de entre 1960 e 1964 dos ríos Miño, Ulla e Eo, que foron repoboados. “A maioría das mostras presentaron un haplotipo común (D), previamente detectado en salmóns de poboacións de toda Europa. Outras variantes propias de poboacións do norte do continente atópanse en ríos peninsulares repoboados de forma sistemática con salmóns foráneos entre 1981 e 1994. Polo tanto, a análise da variación no intrón do xen sdY constitúe unha ferramenta poderosa e económica, non só para a avaliación da introgresión mediada por machos, senón tamén para o seguimento dos escapes de piscifactoría”. 

Selección diverxente entre poboacións do norte e sur de Europa

No terceiro e derradeiro capítulo da súa investigación, María Gabián abrangue a detección de selección diverxente entre poboacións do norte e o sur de Europa. Explica a investigadora que existen experimentos previos que constatan que a taxa de supervivencia dos salmóns foráneos introducidos nos ríos peninsulares foi baixa, probablemente por seren quen de adaptarse a un ambiente máis cálido. Porén, existen outros estudos que sinalan que si existiu introgresión de xenomas foráneos nas poboacións nativas da península. De feito, avanza Gabián, os experimentos realizados  no río Ulla e na piscifactoría de Carballedo entre 1992 e 1995 comparando salmóns escoceses e deste río galego, demostraron que existen diferencias fisiolóxicas: os escoceses crecen máis e máis rápido, pero sobreviven menos. 

Así, nesta parte do seu traballo, a investigadora do CIM marcouse como obxectivo demostrar se esas diferencias entre os salmóns do norte e do sur de Europa existen e se teñen un compoñente adaptativo, xa que afectan a xenes asociados ao desenvolvemento e ao crecemento do salmón, ademais do sistema inmune, maduración sexual e outros procesos. Ademais, engade Gabián, “como a metodoloxía estatística destes estudos continúa en desenvolvemento, realizamos unha comparativa da potencia estatística de dúas aproximacións diferentes realizando distintos tests e comparando os seus resultados”. As súas conclusións son claras: “as diferencias entre estas poboacións existen e semellan ter unha compoñente adaptativa”.