DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A docente da Universidade de Vigo ofreceu un relatorio no James Joyce Centre da capital irlandesa 

A investigadora Teresa Caneda achega ao público dublinés unha perspectiva descoñecida de Joyce 

No transcurso dunha estadía na University College Dublin 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 27/06/2019

De “soño cumprido e grande honra” cualifica a docente e investigadora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo a conferencia que recentemente ofreceu no James Centre de Dublín, un centro de referencia para investigadoras e investigadores de todo o mundo polos relatorios e actividades que alí se celebran arredor da figura de Joyce, “e un lugar emblemático para quen peregrina a Dublín buscando coñecer máis sobre o autor irlandés e a súa obra”, explica Caneda. No seu relatorio, a investigadora da Universidade de Vigo elixiu a recepción do Retrato do artista adolescente na Cuba revolucionaria, un tema no que traballa desde hai anos, desde unha perspectiva transdisciplinar que explora a tradución cubana no contexto político da revolución e súa dimensión intelectual. “Os intelectuais cubanos leron a Joyce como un artista revolucionario e foron os primeiros en entendelo desde unha perspectiva poscolonial. Eu quixen ofrecer ao público, fundamentalmente dublinés, unha perspectiva orixinal e descoñecida en Irlanda”, explica Caneda, que destaca a presenza entre o público asistente do intelectual Manus O’Riordan, fillo do fundador do partido comunista irlandés que participou coas brigadas internacionais na guerra civil española.

A docente e investigadora da Universidade de Vigo acaba de rematar unha estadía de sete meses como profesora asociada visitante no Department of English, Drama and Film da University College Dublin ,“un dos máis dinámicos de Irlanda, que concentra o maior número de investigadores no campo específico de estudos irlandeses e de escritoras e escritores destacados no panorama literario irlandés, como Emile Pine; a xornalista e escritora Sinéad Gleeson; a emblemática novelista Anne Enright e o dramaturgo Frank McGuiness”. Caneda, que coordina o proxecto Intruths: Prácticas culturais do silencio na ficción irlandesa contemporánea, destaca, neste sentido, que a elección da University College Dublin tamén se debeu á posibilidade de acceder aos seus fondos dixitalizados do Industrial Memories Project, ”que exploran os abusos a menores no seo das institucións eclesiásticas irlandesas entre 1936 e 1999, a través dunha análise pormenorizada do Informe Ryan. Varias das novelas que estuda o noso proxecto abordan o tema dos abusos que foron sistematicamente silenciados nas institucións rexentadas por ordes relixiosas católicas”, explica.

O Ulises escoitouse por primeira vez en galego en Sweny 

Desde que abrira as súas portas en 1850, a antiga farmacia Sweny, agora reconvertida nun lugar de culto para joyceanos e visitantes curiosos, sumou recentemente ao galego as súa longa nómina de linguas do mundo nas que se ofrecen lecturas das obras do escritor irlandés. Foi a propia Caneda, acompañada polo tamén docente do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo Juan Carlos Pardo, a encargada de dar lectura en galego a fragmentos do Ulises no local que aparece nun dos capítulos desta obra de Joyce. “Foi unha experiencia especial polo seu simbolismo. Diante dun grupo de visitantes norteamericanos tiven oportunidade de explicar a relevancia do momento ao comentarlles que os intelectuais galegos da Xeración Nós invocaron o Ulises como a novela dun ‘celta universal’ e louvaron a súa orixinalidade e modernidade”, explica Caneda sobre a súa intervención en Sweny, onde tamén fixo entrega, como doazón persoal, dun exemplar do Ulises en galego.