DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Deseñou un programa formativo sobre parentalidade positiva 

A investigadora Verónica Sánchez publica a primeira guía para pór en marcha escolas de familia nos centros educativos galegos

É unha iniciativa da Cátedra Unesco ‘Educación Transformadora’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 09/07/2024

No marco dos traballos que desenvolve para a súa tese de doutoramento, a investigadora Verónica Sánchez buscou coñecer que tipo de actividades formativas dirixidas a pais e nais se levan a cabo nos colexios e institutos galegos. Esta análise permitiulle constatar que estas iniciativas son fundamentalmente, explica, “charlas de expertos” de carácter puntual, cando a formación en parentalidade positiva requiriría de talleres cunha duración máis prolongada, nos que as e os proxenitores sexan os protagonistas. Esta situación foi a que levou a esta alumna do doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible a dar forma a Famiescolas. Obradoiros de Parentalidade Positiva. Adolescencia, unha guía para levar a cabo programas formativos con pais e nais de fillos e fillas de entre 10 e 19 anos. Promovido pola Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade, este libro está dirixido que as e os profesionais do ensino poidan exercer como dinamizadores de “escolas de familias” e trátase ademais da primeira guía deste tipo que se publica en Galicia.

Como explica Sánchez, o concepto de parentalidade positiva fai referencia á promoción dunha educación “sen violencia, a través do coidado e a comunicación entre os membros da familia” e centrada nas necesidades e dereitos dos menores. Trátase ademais dun tipo de formación potenciada nos últimos anos, a raíz da importancia que a Lei Orgánica de Protección Integral á Familia e á Adolescencia fronte á Violencia outorga a formación de nais e pais. Mais como explica a autora deste libro, profesora do IES Chan do Monte de Marín, este tipo de formación require de “programas de varias sesións, nos que se traten temas de interese para as familias a través dunha metodoloxía experiencial e participativa” que faga destas “protagonistas”, a través dunha serie “de “técnicas específicas para a dinámica de grupos”. Non en van, sinala, o seu obxectivo non é darlles “receitas máxicas”, senón que desenvolvan “ferramentas e estratexias de cambio” en ámbitos como a resolución de conflitos ou a comunicación cos fillos e fillas. 

Xestión de conflitos ou características evolutivas da adolescencia

No marco da tese que desenvolve coa catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor Francisca Fariña como directora, Sánchez contactou cos máis de 5000 colexios e institutos existentes en Galicia. O cuestionario realizado a aqueles centros que promovían actividades para nais e pais levouna a constatar esa “necesidade de formación parental positiva nos centros educativos galegos”, ante a que “optamos por deseñar o noso propio programa”. Nun proxecto desenvolvido coa Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia e no marco da investigación que leva a cabo no doutoramento do Campus Crea, Sánchez puxo en marcha este programa en dous institutos de Vigo, cuns “resultados moi positivos”, recoñece. 

Tratábase “do primeiro programa deste tipo que se fai en Galicia” e o seu obxectivo era  “apoderar ás familias” e facer que “a través do diálogo e da reflexión compartida, aprendan estratexias de cambio que se adapten á súa propia realidade”. Para iso, proponse unha actividade que se estende ao longo de varios meses, nos que un mesmo grupo de familias participa en reunións semanais ou quincenais, guiadas por un mesmo dinamizador ou dinamizadora, que orienta "un pouco a discusión” sobre o tema proposto, co propósito que "cada familia poida chegar ás súas propias conclusións”. Nese senso, o obxectivo do libro e que permita exercer ese papel de dinamizadores aos profesionais dos centros de ensino e doutras institucións que poidan ofrecer formación parental. Para iso, presenta un conxunto de actividades xunto cun diario de sesións para estes profesionais.

A proposta de Famiescolas estrutúrase en oito obradoiros, a desenvolver en doce sesións, que poñen o foco en aspectos como as rutinas, a comunicación, as pautas escolares na casa, a xestión de conflitos, os estilos educativos e as características evolutivas da adolescencia. Estes contidos, explica Sánchez, “preséntanse dunha forma que procura ser atractiva, lúdica e accesible para todas as familias”, nun volume que contén tamén “fichas para realizar nas sesións e para realizar en familia”. O libro ten como protagonistas a dous alumnos de secundaria, Unai e Amalia, e as súas vivencias, no instituto e na casa, serven como punto de partida para unha serie de actividades dirixidas a promover “a reflexión e o diálogo de casos totalmente reais e cos que se senten identificados todo tipo de familias”. 

A publicación vese ademais complementada polas presentacións reunidas na web do proxecto Famiescolas, un espazo que, como explica a investigadora, irá incorporando progresivamente novos materiais co obxectivo se “facer dela un recurso para as familias e os centros”.