A través dunha humanización artístico-pedagóxica, continuada por un proceso de investigación
Investigadoras do campus transforman nun bosque a área de pediatría do Centro de Saúde de Vilalba
Actualmente atópanse analizando a resposta dos usuarios e usuarias aos cambios realizados
Coa idea de bosque como eixe central, investigadoras da Área de Didáctica da Expresión Plástica da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte desenvolveron un proxecto de humanización artístico-pedagóxica da área de pediatría do Centro de Saúde de Vilalba. A iniciativa, que levaron a cabo en colaboración coa asociación Paspallás e co financiamento da Fundación Paideia, abrangueu tanto a intervención na sala de espera e nas diferentes consultas, como cambios na sinalización de todo o espazo. Esta partía á súa vez da análise das demandas tanto do persoal da área como dos seus usuarios e usuarias e complétase actualmente coa análise da información recollida tras a intervención co obxectivo de coñecer os efectos destes cambios.
“Trátase dun proxecto de investigación-acción, no que os implicados tomaron decisións sobre as diferentes fases”, salienta a profesora de Ciencias da Educación e do Deporte Begoña Paz, que coordinou esta iniciativa xunto con Cristina Varela, tamén profesora da Facultade de Deseño, e o tamén docente deste centro Diego Germade. Xurdido “dunha demanda dende o propio Centro de Saúde”, o proxecto de intervención, que o equipo da UVigo deseñou e desenvolveu conxuntamente coa asociación Paspallás, implicou nese senso múltiples axentes para a definición da proposta que ía levarse a cabo. “Preparamos unha serie de cuestionarios para as familias, para o persoal sanitario e para os pacientes, cos que recoller as súas demandas e necesidades”, sinala Paz, que explica que tamén mantiveron reunións tanto co persoal do centro de saúde como co Servizo de Humanización da Área Sanitaria de Lugo.
Unha intervención a varios niveis
Desta fase xurdiu un proxecto de humanización que ten no bosque “o motor dunha idea estética”, xurdida dunha proposta do propio servizo e que se conecta coa presenza dunha árbore no patio interior que se observa desde a sala de espera deste servizo. “A idea era que o tema servise tamén para que a xente se sinta conectada co espazo”, sinala Varela, pondo de relevo que “humanizar non é só converter os espazos nalgo máis bonito, senón darlles sentido e facelos máis practicables para todos os seus usuarios”. O obxectivo, engade Paz, era promover “unha mellora deste servizo a varios niveis, desde un enfoque educativo e pedagóxico”.
Nese senso, o proxecto implicou unha transformación da sala de espera, con novo mobiliario cunha “integración didáctica”, apunta Varela, así como cambios nas diferentes consultas, nas que se realizou unha adecuación do mobiliario e da ambientación, co obxectivo de que “houbera unha continuidade entre elas”. Ao mesmo tempo, promoveuse unha mellora da sinalización e da “forma na que se comunica a información”, apunta Paz. Con esa idea, incorporáronse diferentes carteis que, ademais de presentar a información a unha altura adecuada para os nenos e nenas, suman ao texto escrito o sistema aumentativo de comunicación e o braille.
Todos os elementos estaban conectados á súa vez coa idea do bosque e cunha iconografía que parte, recoñece Varela, de “trazos moi abstractos” e que está presente en múltiples elementos da intervención, desde nun "pequeno xogo de pezas na sala", ata na roupa de traballo deseñada para o persoal sanitario.
Da transformación á investigación
Completada a intervención no espazo, o proxecto continúa cunha fase de avaliación e investigación. Finalizada a transformación do espazo, "fixemos outra recollida de información”, co obxectivo de coñecer “a pegada” dos cambios propostos, explica Paz. “Os resultados foron moi significativos, tanto a nivel de mellora visual, como a nivel de estancia”, apunta a investigadora, que incide en que unha primeira análise destes resultados amosa que os usuarios e usuarias perciben “o tempo de espera como máis cómodo e agradable, que era un dos obxectivos”. Ao mesmo tempo, estes cuestionarios permitiron tamén observar como nenos e nenas destacaban aspectos da intervención nos que non puñan o foco os seus familiares. como as estruturas de madeira colocadas nas portas dos despachos “e que dan esa perspectiva de bosque, que foi algo que lles interesou moito”.
O equipo investigador atópase actualmente traballando na preparación dun artigo científico no que se presenten os resultados de todo o proceso de traballo.
