DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obxectivo é intentar frear a súa expansión agora que esta especie vai deixar de invernar

Investigadoras do campus únense a bombeiros e apicultores para informar nas asociacións veciñais sobre a avespa velutina

A iniciativa foi presentada este luns no Concello de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 09/04/2018

A avespa velutina está a piques de deixar de invernar e van a comezar a aparecer os chamados niños primarios que, situados a nivel baixo, serán o primeiro paso para a súa expansión. De cada unha das primeiras raíñas que agora esperten sairán arredor de 20.000 obreiras e unha decena de raíñas para crear os chamados niños secundarios. Este luns presentouse no Concello de Ourense unha campaña que baixo o lema Stop Velutina intentará, coa participación de investigadoras do campus, contribuír a frear a expansión desta especie invasora informando sobre ela nas asociacións veciñais da cidade.

A presentación da campaña no Concello de Ourense contou coa participación de Carlos Campos, concelleiro de Participación e Seguridade Cidadá; Mónica López, técnica da Agrupación Apícola de Galicia; José Benito Álvarez, Manuel V. Ferreira e Alfonso Iglesias, do Servizo de Extinción de Incendios municipal; José Oliver Reboredo, xefe do servizo provincial de Emerxencias da Xunta, e as investigadoras da Facultade de Ciencias do campus de Ourense Olga Escuredo e María Shantal Rodríguez. A iniciativa, sinalouse na presentación, nace tendo en conta como aínda que en Ourense a incidencia desta avespa non é tan destacada como na costa, o pasado ano na cidade e a súa contorna retiráronse arredor de 72 niños e o Servizo de Emerxencias 112 recibiu case un millar de incidencias.

Información, trampeo e prevención

Segundo explicaron na presentación, a iniciativa, que se enmarca no programa galego de control e vixilancia desta especie que está levando a cabo a Xunta de Galicia, consistirá nun ciclo de charlas informativas que desde este martes percorrerá as asociacións veciñais do Concello de Ourense que queiran participar. Nestas charlas, persoal do Servizo de Extinción de Incendios, da Agrupación Apícola de Galicia e da Universidade de Vigo explicarán ás persoas asistentes as características desta especie invasora, como diferenciala doutra especie autóctona moi similar, que efectos ten sobre a persoa cando ataca, que hai que facer cando se ve un niño e os sistemas de trampeo caseiros máis efectivos.

A implicación da Universidade de Vigo nesta iniciativa consiste na participación das investigadoras da liña de apicultura do Grupo de Investigación Solo, Planta e Valorización de Subproduto, liña coordinada pola profesora María del Carmen Seijo e da que forman parte Olga Escuredo e María Shantal Rodríguez. Desde o pasado ano, este grupo mantén un acordo co Servizo de Extinción de Incendios de Ourense que permite a este servizo contar con asesoramento deste persoal e ás investigadoras recibir os niños recollidos por este servizo e datos sobre a súa ubicación. Este equipo, comenta a súa responsable, investiga arredor da dispersión desta especie invasora, das características dos seus niños, do comportamento da avespa, da influencia das condicións ambientais no seu ciclo de vida e expansión e das fórmulas de trampeo. Estas charlas, sinalan as investigadoras do campus implicadas nesta iniciativa, tamén permitirá contar “cunha especie de rede de alertas” para a localización temperá de niños. “Tan pronto teñamos uns días de sol van saír xa as primeiras avespas raíñas e os primeiros niños e é un momento decisivo para actuar”, comentan.