DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Permite cuantificar o número de árbores presentes en pequenas explotacións 

Investigadoras da EE Forestal crean unha metodoloxía para localizar plantacións de castiñeiros a partires de imaxes por satélite

Susténtase no uso de fontes cartográficas de libre acceso

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 11/03/2021

Máis aló dos soutos presentes en múltiples puntos de Galicia, na comunidade existen tamén múltiples plantacións de castiñeiros novos, en moitos casos de reducidas dimensións, e polo tanto máis complexas de detectar e contabilizar. Partindo desa idea, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal desenvolveron unha metodoloxía que permite detectar e cuantificar este tipo de plantacións, sustentada no uso de fontes cartográficas oficiais de libre acceso e das imaxes tomadas polos satélites Sentinel da Axencia Estatal Europea. “Trátase dunha metodoloxía para unha cuestión moi específica, para un fenómeno que se está dando no territorio galego, que crece en determinadas contornas e para o que non había unha forma de saber cantos castiñeiros se están plantando”, salienta a profesora Julia Armesto.

Sustentada no desenvolvemento dun algoritmo capaz de detectar plantacións de castiñeiros, esta metodoloxía baséase no uso de “fontes oficiais e gratuítas”, como salienta Armesto. Concretamente, emprega tanto a información tomada con tecnoloxía Lidar no Plan Nacional de Ortografía Aérea (PNOA), do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, como as imaxes tomadas polo satélite Sentinel-2, do programa Copernicus da Axencia Espacial Europea. “Combinamos a radiometría que nos dá Sentinel coa xeometría que nos dá Lidar-PNOA”, apunta Armesto. A pesares das limitacións que, engade, en termos de resolución, supón o emprego destas fontes de acceso aberto, os castiñeiros presentan unha “xeometría moi particular, cunha copa moi ben definida”, que fai posible a súa identificación.

“Estamos falando de plantacións novas, de individuos relativamente pequenos, que non teñen vexetación de sotobosque, e nas que as árbores están separadas”, engade a docente, que sinala ao mesmo tempo que o algoritmo desenvolvido para localizar plantacións en fincas particulares, non serviría para identificar aos exemplares presentes nun souto. Nese senso, as “características espectrais e xeométricas”, así como o “patrón tipo de reflectividade, a cantidade de radiación que reflicten, tanto no espectro visible como non visible” deste tipo de plantacións foron empregadas para a definición deste algoritmo. “Atopa automaticamente algo que presente esas mesmas características”, apunta a investigadora Laura Alonso, que explica que esta metodoloxía permite, en primeiro termo, “localizar onde están os castiñeiros”, para logo “contar cantas árbores hai e caracterizalas individualmente”. 

Efectividade do 90%

Esta metodoloxía foi desenvolvida no marco dun proxecto realizado polos investigadores da EE Forestal para a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia e posta a proba no municipio ourensán de Ríos, onde puideron comprobar que o sistema “ten unha precisión do 90%”. Así o recolle o artigo que Armesto e Alonso publicaron na revista científica Remote Sensing xunto co docente e director da escola, Juan Picos, e o investigador Guillermo Bastos. Nel amosan como a aplicación deste algoritmo permitiu detectar, nas imaxes obtidas deste municipio a través destas fontes de acceso libre, o 90% das árbores presentes “no que identificamos como parcelas de castiñeiros, moitas delas de reducidas dimensións”, así como contabilizar o número de exemplares e “avaliar as súas características”, como sería o caso da altura das árbores. 

Neste senso, Armesto lembra que as limitacións das fontes cartográficas empregadas fan que nese proceso de identificación de parcelas “deixásemos cousas fóra, á vez que metemos outras que non son”. Mais, ao mesmo tempo, o feito de tratarse de “medios gratuítos e de libre acceso, cunha cobertura espectral moi ampla” fan tamén que esta metodoloxía “poida ser unha boa ferramenta de xestión global, xa que che dá unha información que doutra maneira non podes obter, e moito menos de forma automática”. Así mesmo, o feito de tratarse de árbores “cunhas variables xeométricas moi características” fan posible, como engade Armesto, “que o que se fixo en Riós se poida estender, xa que o modelo funciona”. “Estamos falando de que moitas plantacións de particulares, moi pequenas, polo que, se es a administración, ao final non podes saber cantos castiñeiros tes en Galicia”, engade Alonso.