Nun proxecto financiado polo Plan Social Ence Pontevedra
Investigadoras de Fisioterapia avalían como a calidade dos bosques inflúe na redución do estrés
Estudan o efecto de diferentes contornas forestais na regulación dos sistema nervioso autónomo
Avaliar se a calidade dos bosques inflúe na regulación do sistema nervioso autónomo, axudando a reducir o estrés e a mellorar o benestar xeral, é obxectivo central da investigación que o grupo FS1 da Facultade de Fisioterapia desenvolve co financiamento do V Plan Social Ence Pontevedra. Como explica a súa coordinadora, Eva María Lantarón, este proxecto busca “profundar en como as características específicas da contorna forestal e a percepción subxectiva de cada individuo poden potenciar aínda máis efectos positivos” dos bosques na saúde física e mental, a través da medición dunha serie de parámetros fisiolóxicos en diferentes masas arbóreas.
Como apunta a investigadora principal do grupo FS1 e vicerreitora do campus, “os efectos positivos dos bosques na redución do estrés e a promoción do benestar están amplamente documentados” por diferentes investigacións ao longo das últimas décadas. Trátase ademais duns beneficios que adquiren “unha relevancia aínda maior” no contexto actual, no que “estilos de vida urbanos xeran un incremento de síntomas relacionados co deterioro da saúde mental”, como a ansiedade, a depresión ou a fatiga crónica. Nese senso, este traballo busca tanto “corroborar eses beneficios” como avaliar como estes varían “cando os suxeitos se expoñen a contornas de diferente calidade ambiental”.
Nese senso, “un aspecto innovador” deste proxecto é “a forma na que avaliamos a esa calidade ambiental”, a través dunha “escala propia desenvolvida” polo grupo AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal, que, ao abeiro tamén do Plan Social Ence, desenvolveu unha metodoloxía coa que avaliar os beneficios de carácter inmaterial, vinculados á saúde, benestar ou ocio, que achegan os bosques. “Baseada na percepción subxectiva de cada individuo, considerando as súas crenzas, experiencias e comportamentos culturais”, esta escala permitirá pór en relación as variables fisiolóxicas e psicolóxicas cunha “percepción única de cada participante” respecto das masas forestais. “A hipótese que se formula é que unha maior calidade” desta contorna natural terá un “maior impacto positivo” en materia de benestar e saúde física e mental, sinala a responsable dun estudo no que se insire tamén a investigación que a fisioterapeuta Ana Gil desenvolve para a súa tese de doutoramento.
Medicións en diferentes contornas
Co propósito de “cuantificar con parámetros medibles e contrastables” os beneficios en materia de saúde e benestar que poden achegar os bosques e de avaliar se estes “son dependentes da calidade ambiental da contorna á que o individuo se está expoñendo”, o estudo abrangue unha serie de medicións en diferentes contornas. Concretamente, o equipo investigador prevé contar coa participación de 30 persoas, ás que se medirán unha serie de parámetros tanto nunha contorna de carácter ubano como en masas arbóreas “con diferentes características”, derivadas da xestión forestal. Estes traballos de campo levaranse a cabo nunha serie de “zonas específicas”, explican, que as investigadoras definirán en colaboración co grupo AF-4.
Estas avaliacións centraranse, por unha banda, na “actividade do sistema nervioso autónomo” que, como explica Lantarón, “regula a actividade” dos sistemas nervioso simpático e parasimpático, vinculados, respectivamente, coa “activación e excitación” e coa “relaxación e o sosego”. Con ese obxectivo, medirase parámetros fisiolóxicos e marcadores de estados de ánimo. “A análise conxunta destes datos permitiranos obter unha visión integral de como flutúa o estado dos participantes tras expoñerse a cada contorna”, sinalan as responsables deste estudo.
De xeito paralelo á investigación, o proxecto Calidade ambiental das masas forestais, benestar percibido e regulación do sistema nervioso autónomo, que se desenvolverá ao longo de 2025, abranguerá tamén a realización de “talleres formativos e actividades de difusión sobre a conexión dos bosques e a saúde”, co obxectivo de contribuír á preservación destes espazos naturais, pondo en valor as súas achegas en materia de “promoción da saúde”.
