DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun estudo que o grupo FS1 leva a cabo coa Universidade de Lisboa 

Investigadoras de Fisioterapia avalían a efectividade de dous programas de exercicio terapéutico no posparto

O obxectivo é coñecer os seus efectos sobre a diástase de rectos abdominais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 24/01/2023

Cambios elásticos hormonais e as tensións que produce sobre a parede abdominal o crecemento do feto provocan que durante o embarazo se produza a chamada diástase de rectos abdominais, a separación do ventre dos dous músculos rectos abdominais. En moitos dos casos, esta situación resólvese tras o parto de forma espontánea, mais cando isto non acontece pode dar lugar a problemas como dor de costas ou distensión abdominal. Coñecer os beneficios que, neste segundo caso, podería xerar un programa de exercicios hipopresivos e outro de exercicios abdominais clásicos constitúe o propósito central do estudo que o grupo FS1 da Facultade de Fisioterapia leva a cabo con pacientes de diferentes centros de saúde da área sanitaria de Vigo. Dirixido, como explican, a coñecer se este tipo de programas permitirían reducir a “distancia interrectos e se algún deles faino en maior medida”, no estudo participan as investigadoras da facultade Iria Da Cuña, Mercedes Soto e Eva María Lantarón, xunto co profesor da Universidade de Lisboa Augusto Gil.

“A día de hoxe, aínda non se coñece cal é o mellor exercicio ou tratamento para a diástase abdominal”, recoñece Lantarón, que explica que o obxectivo desta investigación é coñecer os efectos dun programa de exercicio terapéutico de seis semanas sobre a “distancia interrectos”, espazo que se corresponde “co tecido conxuntivo que coñecemos como liña alba”. Concretamente, a investigación busca tanto avaliar os efectos dun programa de exercicios abdominais clásicos, como doutro no que este traballo de fortalecemento abdominal realízase a través dos hipopresivos, un tipo de exercicios consistentes “nunha aspiración diafragmática en apnea con expansión das costelas, sempre mantendo unha postura determinada”, dos que é “moi escasa” a investigación, a pesar de que “están moi estendidos na práctica clínica”.

Comparación de dous programas

Para levar a cabo esta investigación, o grupo FS1 contou coa colaboración das matronas dos centros de saúde de Coia, Navia, Sárdoma-Bembrive e Teis, “que se encargaron da captación das participantes nas consultas preparto”. Tratábase de mulleres que entre 25 e 40 anos que deran á luz nas oito semanas anteriores ao inicio do estudo e que participaron en dous programas de 12 sesións dunha hora, levados a cabo ao longo de seis semanas en outubro e novembro. Ambos incluían “unha serie de exercicios de mobilidade e estiramento comúns”, pero diferenciábanse, explican, pola “forma de traballar a zona abdominal”. Un dos programas, coordinado pola tamén decana da facultade Mercedes Soto, centrouse nos hipopresivos e foi completado por doce pacientes. Outras once mulleres realizaron no outro grupo, coordinado por Lantarón, un programa centrado en exercicios “clásicos”, como o “crunch abdominal”, que é ata agora o máis estudado para comprobar o comportamento da liña alba tras o parto, “atopándose na maioría dos casos unha diminución da distancia interrectos”, que este estudo busca comparar coa acadada polos hipopresivos. De feito, este tipo de exercicios, definidos polo doutor Marcel Caufriez, foron ideados inicialmente para o período posparto, como lembran as responsables deste estudo, que inciden á súa vez en que ningún dos dous programas “ofrécese como servizo habitual nos centros de atención primaria”. 

Por outra banda, antes do seu inicio leváronse a cabo as primeiras medicións ecográficas das participantes, que volveron realizase de novo finalizadas as seis semanas de actividade. Estes traballos leváronse a cabo coa participación de Gil Pascoal, do grupo de investigación en Neuromecánica do Movemento Humano da Universidade de Lisboa, no primeiro estudo que realiza coas investigadoras do campus pontevedrés. “O grupo de investigación FS1 leva anos investigando a biomecánica abdominal e tamén sobre os exercicios hipopresivos e a raíz das nosas investigacións contactaron con nós para facer algo en conxunto”, explica Lantarón.

Actualmente, a investigación atópase na fase de “procesamento de datos”, na que se busca medir “a distancia interrectos a través das imaxes tomadas nas medicións” para a súa posterior análise, traballos levados a cabo por Da Cuña, responsable tamén do desenvolvemento teórico do proxecto, e Gil Pascoal.