Resultado do proxecto ‘Mulleres á fronte dende o Sur Global’
Investigadoras galegas lanzan un directorio que visibiliza o traballo das artistas migrantes que viven en Galicia
Desde a Universidade de Vigo participou nesta iniciativa a socióloga Iria Vázquez Silva
Ophelia Pires, Sofía Canedo, Wöyza, Diana Tarín, Mercé de Rande, Mariana Rodrigo… Todas son mulleres, todas son artistas e todas teñen en común a experiencia migrante. Son só algúns exemplos das 32 iniciativas artísticas -individuais e colectivas- que aparecen recollidas no Directorio de mulleres migrantes artistas en Galicia, unha iniciativa posta en marcha por Mulleres á fronte, colectivo no que se reúnen sete investigadoras das tres universidades galegas, especialistas en migracións e xénero, e a ONG Ecos do Sur, co obxectivo de dar visibilidade a estas artistas e fomentar así o seu traballo.
O directorio presentouse este domingo na sala de exposición da Deputación de Lugo, nun acto que contou, entre outras, coa participación da deputada de Cultura, Iria Castro; o tenente alcalde e concelleiro de Educación, Inmigración e Xuventude de Burela, Mario Pillado; a xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago; unha representación das investigadoras que participaron no proxecto, entre elas a profesora de Socioloxía da Universidade de Vigo, Iria Vázquez Silva, e algunas das artistas: o grupo Batuko Tabanka, xunto con Marina Vaz, a batukeira maior de Cabo Verde, Nilda Borges, Artemisa Semedo (que intervíu desde Cabo Verde), Kirenia Martínez, Miriam Sandoval e Mariana Rodrigo.
Dous anos de traballo
O proxecto, titulado Mulleres á fronte dende o Sur Global, partiu de explorar a potencialidade das expresións artísticas como ferramenta de transformación social. Empregaron como materia prima as experiencias desenvolvidas polas batucadeiras en Cabo Verde e polas comunidades de mulleres migrantes implicadas nas artes escénicas en Galicia, abrindo un diálogo de saberes e experiencias compartidas.
Despois de dous anos de traballo, as organizacións aliadas no proxecto, cuxa investigadora principal foi a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Luzia Oca González, presentaron neste acto en Lugo os principais resultados desta iniciativa, o que non só inclíu a presentación do directorio, senón tamén a inauguración da exposición fotográfica Coidados na Diáspora. Unha autoetnografia fotográfica de mulleres caboverdianas na España, financiada polo Instituto de las Mujeres e dirixida pola profesora da Universidade da Coruña Kenia Espiñeira ou a presentación dun Arquivo Dixital de Batuko, unha recollida de sete grupos de batuko realizado na illa de Santiago en Cabo Verde, que dá a coñecer esta arte musical das mulleres caboverdianas.
Inspirado no grupo Batuko Tabanka de Burela
Mulleres á Fronte inspirouse na experiencia do grupo de mulleres de orixe caboverdiana Batuko Tabanka de Burela, e na potencialidade do xénero musical do batuko, tradición cultural da illa de Santiago, onde existen decenas de grupos de mulleres unidas pola súa práctica. “O propio nome é unha chiscadela de ollo á famosa expresión ‘Girls to the front!’, coa que cristaliza o movemento de punk feminista riot grrrl durante os anos noventa, unha chamada a que as mulleres ocupen os escenarios e a parte frontal nos concertos, de onde en tantas ocasións tiñan sido apartadas e desprazadas”, explicou Luzia Oca González, coordinadora do proxecto.