DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha iniciativa do grupo GIES10 e a Unidade de EII do Complexo Hospitalario de Vigo

Investigadoras da Universidade desenvolven unha terapia expresivo-emocional con pacientes de enfermidade inflamatoria intestinal

Baséase na música, o teatro e a expresión corporal e plástica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Música
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 10/03/2020

Música, expresión corporal, teatro e expresión plástica son os catro eixos en torno aos que se articula IntestinArte, un programa de afrontamento expresivo-emocional dirixido a persoas con enfermidade inflamatoria intestinal que o grupo de investigación en Educación, Actividade Física e Saúde GIES10, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, desenvolve xunto coa Unidade de EII do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), integrada no grupo de investigación en Patoloxía Dixestiva do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). 30 pacientes participan, desde finais de febreiro, nun programa dirixido a achegarlles diferentes técnicas que lles poidan servir de axuda á hora de afrontar o impacto da súa enfermidade nas súas actividades cotiás, traballando aspectos como a identificación e o control das emocións, a expresión dos sentimentos, a relaxación e o control da dor e o afrontamento da fatiga. 

Coordinado pola catedrática Margarita Pino, investigadora principal do grupo GIES10, e o gastroenterólogo e investigador Vicent Hernández, o taller desenvólvese en diferentes sesións semanais e conta coa colaboración da Asociación de Pacientes con Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa (Accu). O obxectivo desta iniciativa é ofrecer técnicas de afrontamento de determinados síntomas psicolóxicos habituais nas persoas que sofren enfermidade inflamatoria intestinal a través de solucións innovadoras e creativas baseadas na arte como terapia. “A nosa intención é que este sexa un programa piloto para levar a cabo, máis adiante, outros contidos máis amplos”, salientou Hernández, dun programa que, cun enfoque multidisciplinar, busca abordar os diferentes síntomas psicolóxicos asociados a este tipo de patoloxías. 

Con 1929 pacientes diagnosticados na Área Sanitaria de Vigo, a enfermidade inflamatoria intestinal é unha doenza crónica de orixe descoñecida, que mal controlada pode evolucionar a un dano estrutural intestinal e en complicacións. Trátase, como sinalan desde o Chuvi, dunha enfermidade con períodos de actividade e remisión, que require dun tratamento crónico e que implica “un importante impacto psicolóxico e na calidade de vida dos pacientes”. 

Buscando melloras na súa calidade de vida

Como sinala Margarita Pino, o grupo GIES10 mantén desde hai varios anos unha liña de traballo centrada no “deseño e avaliación de programas no ámbito comunitario e escolar”, tomando como base a actividade física ou o uso terapéutico de diferentes disciplinas artísticas, “que está a dar moi bos resultados”. Para esta colaboración co Chuvi deseñouse un novo programa no que as e os participantes abordan a “expresión dos seus sentimentos e emocións a través dunha obra artística, a partires dese traballo coa música, expresión corporal, o teatro e a expresión plástica". Para iso, IntestinArte conta coa participación das docentes Myriam Alvariñas e Ruth Martínez, responsables das áreas de expresión corporal e artística da actividade, respectivamente; así como das tamén investigadoras do grupo GIES10 Sara Fernández Aguayo e Sara Domínguez Lloria, encargadas de coordinar as actividades vinculadas co teatro e a música. “Non se trata de talleres illados, senón que o que se busca e que eles expresen como se senten nese momento”, apunta Pino. Nese senso, as diferentes actividades teñen como obxectivo tanto contribuír a mellorar esa capacidade de expresión das emocións como achegarlles, a través de diferentes exercicios, técnicas de respiración e de relaxación. “Trátase dunha patoloxía crónica, polo que o feito de mellorar o control da dor, do estrés e da frustración é algo importantísimo, porque xera hábitos que van facilitar unha mellor calidade de vida”, salienta Pino. 

A través dese traballo coas emocións e coas catro manifestacións artísticas que centran o taller, as e os pacientes, articulados en dous grupos de traballo, deben crear unha “obra colectiva, combinando esas catro técnicas”, que, como sinala Pino, “é a escusa para crear dinámicas que lles faciliten, dunha maneira lúdica, o afrontamento do estrés, a dor e a frustración”. Coincidindo co coa conmemoración, o 19 de maio, do Día da Enfermidade Intestinal Inflamatoria, proxéctase clausurar esta iniciativa coa presentación das obras creadas ao longo do programa polos e as participantes.