Julia Köninger e Maria J.I. Briones participan na investigación cunha decena de institucións
Investigadoras da UVigo abandeiran un estudo publicado en 'Nature' que confirma que o 70% dos solos europeos están contaminados con pesticidas
Analizáronse os efectos de 63 praguicidas en 26 países
O 70% dos solos europeos están contaminados por pesticidas que afectan significativamente á vida neles e a súa diversidade. Pesticide residues in soils affect soil taxonomic and functional biodiversity, un estudo internacional, que acaba de ser publicado na prestixiosa revista Nature, proporciona, por vez primeira, evidencias cuantitativas da prevalencia e o impacto dos pesticidas usados en agricultura nos solos europeos.
Segundo o estudo realizado por un panel internacional de dez institucións de investigación europeas, e coordinado polo Joint Research Centre da Unión Europea (Italia), a Universidade de Vigo (España) e a Universidade de Zúrich (Suiza), “esta contaminación prexudica a súa biodiversidade e ten un impacto importante en diversos organismos beneficiosos do solo, como fungos micorrízicos e nematodos, ”, afirma Julia Köninger, contratada postdoutoral do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo e unha das primeiras autoras do estudo. Xunto a Köninger, a catedrática do Departamento de Bioloxía e Ecoloxía Animal, María Jesús Iglesias Briones, completa a participación da UVigo na investigación, na que tomou parte como segunda responsable.
Máis de 370 mostras de 26 países europeos
As e os investigadores, que lembran que a vida baixo os nosos pés é esencial para manter as funcións e os servizos ecosistémicos claves como a produción de alimentos, o almacenamento de carbono, o control da erosión e a regulación da calidade da auga, analizaron os efectos de 63 pesticidas comúns nos solos, para o que tomaron 373 mostras de campos agrícolas, bosques e praderías de 26 países europeos.
Os funxicidas, ingredientes activos contra fungos, foron os máis frecuentes representando un 54% de todos os ingredientes activos, seguidos dos herbicidas co 35% e, por último os insecticidas co 11%. Pola súa banda, o ingrediente activo máis común foi o herbicida glifosfato. Como se agardaba, a maioría de praguicidas atopáronse en solos agrícolas, pero as e os investigadores tamén os detectaron en bosques e praderías, onde non é habitual aplicalos, o que probablemente se debe á dispersión durante as pulverizacións.
Efectos non desexados sobre organismos edáficos beneficiosos
O problema de moitos pesticidas radica en que non só afectan ás pragas que danan os cultivos, senón tamén os organismos beneficiosos do solo. Os autores e autoras do estudo examinaron a biodiversidade de varios organismos, como bacterias, fungos, nematodos e organismos unicelulares, en mostras de solo e descubriron que os pesticidas alteran drasticamente as comunidades edáficas.
“Os fungos micorrízicos, importantes para os nosos cultivos, vense especialmente afectados polos praguicidas”, afirma a ecóloga de solos e investigadora do IAA (Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo) Maria J. I. Briones, unha das coordinadoras do estudo. Os fungos micorrízicos crean unha relación simbiótica coas raíces dos cultivos e axúdanlles a absorber auga e nutrientes. O funxicida bixafen, utilizado para combater fungos daniños en cereais, é especialmente destacable, xa que tamén afecta a moitos dos organismos dos solos estudados.
"Algúns organismos do solo, especialmente diversos tipos de bacterias, benefícianse do uso de pesticidas, probablemente porque outros organismos competidores se ven reducidos", engade a investigadora do IAA da UVigo Julia Köninger. Os autores do estudo tamén demostraron que os residuos de pesticidas alteran a función do solo analizando xenes clave para a súa función como os do reciclado e liberación de nutrientes, como o fósforo e o nitróxeno. "Isto suxire que a función natural do solo afectado se ve reducida e que sería necesaria unha fertilización adicional para manter a produción", sinala Julia Köninger.
Cómpre adaptar as avaliacións e normativas actuais sobre praguicidas
Os efectos nocivos de diversos praguicidas sobre aves, abellas e outros insectos coñécense e documéntanse desde hai tempo. “O noso estudo demostra que os praguicidas teñen un impacto ambiental moi significativo nos nosos solos. Non obstante, os distintos sectores da sociedade nin sequera perciben a magnitude dos seus efectos sobre organismos que non son obxectivo”, afirma Maria J. I. Briones. Dado que algúns praguicidas son difíciles de descompoñer, permanecen no solo durante anos despois da súa aplicación e teñen un importante impacto a longo prazo no ecosistema edáfico.
Polo tanto, as e os investigadores sinalan que para protexer os solos, as avaliacións ecotoxicológicas deben ir máis aló das probas baseadas nunha única especie e realizadas en condicións de laboratorio, e incluír respostas funcionais e a nivel de comunidade, sendo urxente integrar estes aspectos na normativa actual sobre praguicidas.
