Nun proxecto con financiamento estatal desenvolvido en oito centros da provincia de Ourense
Investigadoras da UVigo forman a preto de mil rapaces e rapazas para ser “consumidores responsables” de alimentos
Co obxectivo de fomentar hábitos saudables e previr a obesidade
Este curso académico desenvólvese desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense un proxecto con financiamento estatal destinado a formar como consumidores responsables a rapaces e rapazas de Educación Primaria e Secundaria. A iniciativa acaba de rematar o seu percorrido por oito centros educativos da provincia, percorrido nos que levou a cabo talleres prácticos que permitiron a arredor de 850 nenas e nenos aprender a comprender a información nutricional das etiquetaxe dos alimentos procesados que consumen habitualmente.
A iniciativa Aprendendo a ler o que como. Formando consumidores responsables desde a aula conta con financiamento da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía, FECYT (do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade) e está desenvolvida por un grupo de sete docentes do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos do campus de Ourense pertencentes ao grupo de investigación Food and Health Omics e ao Grupo de Innovación Docente en Educación Alimentaria Aliméntate con Ciencia e Conciencia.
Diferentes fases
O obxectivo do proxecto, coordinado pola profesora Beatriz Cancho, é que o alumnado adquira habilidades que lles permitan elixir mellor os alimentos que consomen e ter unha alimentación máis saudable que repercuta positivamente na súa saúde presente e futura, coa idea ademais de que este alumnado actuará como vector de transmisión da información recibida á súa contorna familiar e social. Para acadalo conta con varias liñas de actuación que xiran a arredor de tres eixes temáticos: azucres engadidos, graxas saturadas e bebidas enerxéticas. A primeira acción foi a elaboración de materiais didácticos destinados aos talleres e que están xa dispoñibles na web do proxecto para o seu uso por parte das persoas e colectivos interesados. Entre eles hai vídeos divulgativos, carteis, xogos de cartas temáticos e as fichas empregadas nos talleres.
O proxecto continuou coa celebración de talleres prácticos nos centros educativos inscritos: CEIP Virxe dos Remedios (Castro Caldelas); CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia); CEIP de Maceda; CEIP de Ribadavia; Colexio Sagrado Corazón (Celanova) e de Ourense cidade Colexio Divina Pastora, CEIP Curros Enríquez e Colexio Marista Santa María. Cada obradoiro contou cunha charla formativa e seguiu coa realización de diferentes actividades prácticas, a modo de xogo, enfocadas en saber canto azucre engadido, graxas saturadas, sal e estimulantes se esconde nos alimentos que as e os escolares consomen habitualmente (como lambetadas, bolería, galletas, cereais, batidos e bebidas) para que aprendesen a clasificar os alimentos procesados, de máis a menos saudables, en base á información reflectida nas etiquetas. Finalizados os talleres a pasada semana, está aberto agora un concurso de vídeos TikTok entre os centros e alumnado participante, para que sexan eles os que amosen de xeito visual e creativo o aprendido. Desde a organización da actividade destacan a resposta “positiva e participativa” do alumnado nas sesións e agradecen a profesorado e centros a súa implicación neste proxecto. Polos bos resultados acadados, engaden, a idea é darlle continuidade a esta iniciativa o vindeiro curso académico.
Actuando desde as primeiras etapas
Sobre a importancia da abordaxe desta formación desde as aulas, o equipo investigador explica que a obesidade infantil estase a converter nun serio problema de saúde pública (catro de cada dez nenas e nenos e tres de cada dez adolescentes teñen obesidade) e é unha prioridade estratéxica a nivel internacional para reducir o impacto de patoloxías asociadas, como a diabetes e enfermidades cardiovasculares. Actualmente, engaden, diminuíu o consumo de froitas, verduras, legumes e produtos frescos propios da dieta mediterránea e aumentou o consumo de alimentos procesados con maior contido en azucres engadidos, sal e graxas saturadas. Neste contexto, recalcan, durante a infancia e a adolescencia apréndense e configúranse os hábitos alimentarios e estilos de vida que persistirán en etapas posteriores da vida, polo que apuntan que as intervencións impulsadas desde os centros educativos centradas nas boas prácticas alimentarias, como a realizada nesta ocasión, son moi relevantes.