DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel tamén se recolle unha síntese histórica da loita polos dereitos das mulleres

Investigadoras da UVigo publican un libro sobre a perspectiva de xénero na intervención xurídica, psicolóxica e social

Foi realizado por membros do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 23/07/2026

Unha publicación divulgativa que, con rigor académico, aborda a síntese histórica da loita das mulleres polos seus dereitos, presenta a principal lexislación sobre feminismo e a violencia de xénero en España e sitúa a intervención psico-socio-xurídica con perspectiva de xénero. Deste xeito preséntase a publicación La perspectiva de género en la intervención psico-socio-jurídica, realizada por membros do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT) da Universidade de Vigo baixo a coordinación de Carmen Verde, Sabela Pérez e Iria Vázquez.

Sobre a importancia da abordaxe realizada neste libro, nel lémbrase que a maior parte do coñecemento do ámbito xurídico e social construíuse a partir da análise do grupo social dominante na sociedade, é dicir, do masculino. “En consecuencia, moitos ámbitos das ciencias sociais aínda arrastran hoxe unha cegueira en relación coa análise da realidade social no que ás mulleres ou non se lles ve ou se lles categoriza de forma desigual e minusvalorada en relación cos homes. En definitiva, a maioría das disciplinas sociais e xurídicas téñense ido desenvolvendo baixo un marcado rumbo androcéntrico”, sinálase no libro.

Da historia ás emocións

Neste contexto, a obra, publicada na editorial Aranzadi, ofrece unha síntese histórica do movemento feminista e da loita das mulleres polos seus dereitos, que enlaza co estudo dos principais fitos normativos no ámbito internacional e, de forma especial, en España desde o século XVIII. Nela, o persoal investigador participante examina a evolución dos dereitos das mulleres e a institucionalización da resposta fronte á violencia de xénero, así como as súas limitacións estruturais. Sobre estes fundamentos defínese e caracterízase a perspectiva de xénero nas ciencias sociais e xurídicas e a súa incidencia na intervención psico-socio-xurídica. 

Ao longo das súas páxinas, o libro aborda, desde un enfoque interdisciplinar, cuestións como as cargas de coidados, a reprodución social, a desigualdade material, as emocións e a autoestima no proceso xudicial e a análise feminista das migracións. A publicación “preséntase como instrumento introductorio para incorporar a perspectiva de xénero á análise xurídica e á práctica forense”, sinalan as súas responsables. Así, concretamente ofrece un percorrido polo correlato normativo dos dereitos das mulleres en España e a súa proxección práctica, un estudo crítico da institucionalización da resposta fronte á violencia de xénero e dos seus límites estruturais e unha análise de emocións, coidados, autoestima e migracións con perspectiva de xénero na intervención psico-socio-xurídica.

As coordinadoras do libro destacan que está destinado a profesionais e estudantado do eido xurídico social: dereito, traballo social, criminoloxía, educación social, socioloxía, psicoloxía, etc. Redactado nunha linguaxe asequible sen perder rigorosidade, a principal utilidade da publicación, comentan, estriba en ser un instrumento de introdución áxil ao tema do feminismo e á implementación da perspectiva de xénero no ámbito xurídico, psicolóxico e social. “Unha das cuestións novidosas do libro é mostrar a interdisciplinariedade existente na abordaxe de problemáticas onde profesionais diversos e diversas afrontan conxuntamente, ou en colaboración, investigacións e intervencións desde a perspectiva de xénero”, apuntan as responsables da publicación.