DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas de traballo celebradas estes xoves no Edificio Politécnico

Investigadores de 29 grupos do campus e do Sergas unen esforzos para dar pulo á I+D+i sanitaria en Ourense

Saúde pública, tecnoloxías da información e biotecnoloxía centran o seu interese

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 26/05/2016

Estimular a xeración dunha masa crítica e multidisciplinar de investigadores capaz de poñer en valor o coñecemento en diversos campos científicos, desenvolvendo novas liñas de investigación conxunta e levando a cabo a solicitude de proxectos de investigación de carácter autonómico, estatal e internacional que redunden en beneficio último da sociedade. Con este obxectivo, arredor de 60 investigadores de 29 grupos do campus de Ourense e do Sergas déronse cita este xoves nas III Xornada de Investigación Biomédica. As tres liñas estratéxicas sobre as que puxeron o seu foco de atención foron saúde pública, tecnoloxías da información no sector saúde e biotecnoloxía.

A colaboración, o futuro

Segundo explicaron os coordinadores do encontro, Florentino Fernández-Riverola, profesor do Departamento de Informática da Universidade de Vigo, e Berta Uriel, presidenta da comisión de investigación da área Sanitaria de Ourense, aínda que as edicións anteriores das xornadas, celebradas en 2012 e 2014, estiveron centradas na difusión de resultados de traballos conxuntos levados a cabo por investigadores de ambas institucións, nesta ocasión o obxectivo foi a definición de novas liñas de traballo e colaboración, implicando para elo na súa celebración aos xefes de Servizo do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense CHOU e aos investigadores principais do campus de Ourense.

As xornadas, nas que tamén participa o Instituto Biomédico de Ourense, Vigo e Pontevedra, foron inauguradas por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Eloína Núñez, responsable da Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e José Luis Jiménez, presidente do Colexio Oficial de Médicos de Ourense. Salientando como esta cita conseguiu reunir a un grupo moi diverso e relevante de investigadores de ambas institucións, Virxilio Rodríguez subliñou como “aquí están os vimbios, as bases, para facer proxectos en común, aproveitémolos”. A pesar de todas as dificultades existentes para facer investigación, Eloína Núñez, recalcou pola súa banda como “entre todos sumamos unha masa crítica grande”, polo que animou aos presentes a aproveitar estas xornadas “para marcar pautas para a colaboración” en prol último do desenvolvemento da provincia. “A colaboración neste eido é absolutamente necesaria. Noraboa por porse a traballar nela”, engadiu José Luis Jiménez.

Os profesionais da área sanitaria, explicaron os coordinadores das xornadas, dedícanse principalmente a tarefas asistencias e o os do eido universitario á docencia, pero ambos teñen tamén que levar a cabo tarefas de investigación. A esta dificultade únese o descenso de investimento en I+D+i debido á crise económica, entre outras cuestións. Neste contexto e tendo en conta os intereses comúns que unen a investigadores de ambos eidos, recalcaron Uriel e Fernández-Riverola, “a vía da colaboración é o futuro”. Como un exemplo dos froito que pode dar esta sinerxía está o proxecto Innocbr, de detección da enfermidade nosocomial, posto en marcha entre os equipos dos dous coordinadores e que actualmente está implantado no CHOU con moi bos resultados.

Tres áreas estratéxicas

Por parte do Sergas estiveron representados nas III Xornadas de Investigación Biomédica os servizos do CHOU de Farmacia, Nefroloxía, Medicina Intensiva, Pneumoloxía, Aparato Dixestivo, Obstetricia e Xinecoloxía, Oncoloxía Médica, Endocrinoloxía, Psiquiatría, Hematoloxía, Hemoterapia, Medicina Preventiva; o Centro de Saúde de Mariñamansa e o Centro de Saúde Novoa Santos. Por parte da Universidade participaron os grupos Investigacións Agroambientais e Alimentarias; Investigación e Aplicación de Augas e Augas Termais; Aerobioloxía e Apicultura; Enxeñaría Química; Análise de Trazas, Especiación, Metalómica e Avaliación Toxicolóxica; Mile: Biomedical Informatics and Signal Procesing; Sing: Sistemas Informáticos de Nova Xeración; Ephyslab: Environmental Physics Laboratory; Actividade Física, Expresión e Creatividade; Saúde, Sexualidade e Xénero; Valores, Dereitos e Estado no Século XXI; Biocost-Grupo do Instituto de Investigación Biomédica; Emitur: Marketing e Turismo; a Área de Microbioloxía; o Laboratorio de Biotecnoloxía Agroalimentaria e o Laboratorio de Informática Aplicada LIA.

A xornada comezou cunha mesa técnica na que participarán os coordinadores das xornadas e Nerea Alonso, da Unidade de Innovación e Transferencia do Instituto Biomédico de Ourense, Vigo e Pontevedra, e Alberto Rellán, da Área Técnica I+D+I da Universidade. Ao seu remate, os asistentes dividíronse en mesas de traballo arredor dos tres bloques temáticos articulados co obxectivo de avanzar nas posibles áreas de coordinación, definindo ámbitos concretos de intercambio e traballo conxunto. Estas tres liñas estratéxica articuladas foron saúde pública, tecnoloxías da información no sector saúde e biotecnoloxía.

Na mesa de saúde pública o obxectivo foi a procura de novas vías de mellora en saúde pública, a través de estudos socioeconómicos, a explotación dos recursos naturais e turísticos relacionados coa saúde, a garantía dos dereitos do paciente, a mellora na prevención, tratamento e xestión de enfermidades crónicas de alta prevalencia, etc. Na de tecnoloxías da información en saúde, o punto de partida era a aplicación de algoritmos informáticos e bioinformáticos dispoñibles nos grupos do campus para o análise de grandes cantidades de datos dispoñibles no CHUO, tanto en forma de texto, sinal ou imaxe, por exemplo, de cara á creación de modelos de predición, extracción de coñecemento, etc. Por último, en biotecnoloxía, búscase avanzar ou crear novas liñas de investigación a través do emprego de equipamento biotecnolóxico dispoñible no campus de Ourense sobre mostras biolóxicas ou pacientes accesibles a través dos servizos hospitalarios.