DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun proxecto da Iniciativa Xove, en colaboración con A Industriosa

Investigadores de atlanTTic e Cinae impulsan unha comunidade para promover a tecnoloxía SDR

A Radio Definida por Software é un sistema de telecomunicación que se caracteriza pola flexibilidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Investigación
DUVI 19/09/2018

A tecnoloxía da Radio Definida por Software (SDR) naceu, como outras moitas, vencellada ao eido militar e da investigación, pero nos últimos anos ten medrado ata estenderse aos sistemas comerciais e de afeccionados. Trátase dunha radio “na que todas ou parte das funcións da capa física está definidas por software, conferíndolle unha gran flexibilidade” e grazas a isto o seu potencial de expansión segue incrementándose. De feito, varios estudos sinalan que o mercado da SDR crecerá a un ritmo dun 8,63 % anual no período 2017-2022 e xogará un papel importante nas redes 5G, na Internet das Cousas (IoT) e nas redes de sensores. Por este motivo, enxeñeiros de atlanTTic e Cinae e socios de A Industriosa puxeron un marcha un proxecto, subvencionado polo programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo “dar a coñecer esta tecnoloxía a estudantes de enxeñaría e outros interesados”. A finalidade última é fomentar a “creación dunha comunidade de persoas que se manteña no tempo aprendendo de xeito colaborativo e realizando proxectos en común usando esta tecnoloxía”, explica Anxo Tato, un dos enxeñeiros implicados nesta iniciativa.

A primeira das actividades deste proxecto foi un relatorio que tivo lugar este mércores na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, impartido do enxeñeiro Iago Gómez, responsable da área de UAS de Gradiant, que fixo unha introdución ás plataformas SDR e á súa aplicación na industria. O investigador remarcou a necesidade de implicar neste proxecto tanto o alumnado como o profesorado, xa que a través da SDR “tamén se reforzan os coñecemento adquiridos no grao en eido como o proceso do sinal”.

A clave está na flexibilidade

Os investigadores que están impulsado este proxecto explican que SDR é un sistema de telecomunicacións onde gran parte das funcións de procesamento dos sinais transmitidos e recibidos se executan sobre un procesador, de aí o nome de ‘software defined’. A clave deste sistema, explica Iago Gómez, “é a flexibilidade”, xa que a diferencia dos sistemas tradicionais, “onde a configuración da radio dependía puramente en configuracións do hardware”, as SDRs permiten modificar parámetros sobre a marcha, como banda de frecuencia, estándar de comunicación usado, modulacións, ancho de banda…

O notable crecemento e expansión desta tecnoloxía debeuse ao incremento da potencia dos procesadores durante os últimos anos, a redución do seu tamaño, peso e consumo e a aparición de circuítos integrados de RF (Radio Frecuencia), así como o abaratamento do hardware. “Hoxe en día non só se utiliza en investigación, senón tamén en sistemas comerciais, xa que permite un desenvolvemento rápido da idea ou produto e a súa actualización e mellora con tan só actualizar o programa que se executa no procesador”.

Obradoiro de introdución á SDR

A segunda das actividades deste proxecto será un obradoiro de iniciación SDR que se impartirá no local que a Asociación Tecnolóxica A Industriosa. Este curso ofrece dúas edicións de seis horas de duración, unha en setembro (venres 28 e sábado 29) e outra en outubro (venres 5 e sábado 6). Os asistentes aprenderán os fundamentos teóricos desta tecnoloxía e poñeranse mans á obra realizando pequenos proxectos prácticos onde crearán diversos sistemas de comunicacións empregando placas SDR comerciais de baixo custo lanzadas recentemente ao mercado, chamadas Lime SDR Mini. Estes obradoiros serán impartidos por enxeñeiros de Telecomunicación que traballan con esta tecnoloxía e serán asistidos polo grupo promotor deste proxecto.