DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O congreso, que reúne especialistas do todo o mundo, celebrouse en decembro en Hong Kong

Investigadores de atlanTTic obteñen o premio ao mellor artigo no IEEE Workshop on Information Forensics and Security

Asinado por Alberto Pedrouzo, Miguel Masciopinto e Fernando Pérez

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Premios
  • TIC
  • Investigación
DUVI 08/01/2019

O IEEE Workshop on Information Forensics and Security é o congreso de referencia mundial do Instituto de Enxeñeiros Eléctricos e Electrónicos. Neste foro, que acaba de celebrar en Hong Kong a súa décima edición, selecciónase cada o mellor artigo de investigación sobre temas de análise forense e seguridade da información e o galardón neste 2018 viuse para Vigo. O artigo “Camera Attribution Forensic Analyzer in the Encrypted Domain, asinado polos investigadores de atlanTTic Alberto Pedrouzo, Miguel Masciopinto e Fernando Pérez, en colaboración con Juan R. Troncoso, da Escola Politécnica Federal de Laussane (Suiza), recibiu o premio á mellor presentación. Os expertos propoñen nesta comunicación por primeira vez unha solución que permite coñecer dende que cámara determinada se sacou unha imaxe, preservando a privacidade dos contidos.  A proposta viguesa foi a mellor valorada entre máis de 100 artigos enviados,  remarca Pérez, catedrático do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, que engade que todos os investigadores adoitan enviar os seus mellores resultados a este congreso, “o que fai o premio máis gratificante”. 

Esta é a segunda vez que docentes da EE de Telecomunicación reciben este galardón internacional, xa que en 2014 o catedrático Pérez, xunto co profesor Pedro Comesaña, foron distinguidos co mesmo premio por un artigo sobre a posibilidade de manipulación adicional das propiedades estatísticas das imaxes, audios ou vídeos para conseguir ‘enganar’ aos detectores forenses.

Unha solución innovadora

Alberto Pedrouzo, Miguel Masciopinto e Fernando Pérez explican que a súa proposta “resolve o problema de procesado de contidos confidenciais por parte de terceiros, por exemplo, cos servizos na nube, sen infraccións de privacidade, xa que en todo momento os sinais involucrados estarían cifrados”. Como exemplo, destacan que isto permitiría ás forzas de seguridade determinar, en casos de pornografía infantil, se as fotos foron sacadas coa cámara do sospeitoso. A posibilidade de utilizar pegadas dactilares invisibles para resolver o chamado “problema de atribución da cámara” xa se coñecía, pero esta é a primeira vez que se formula e se resolve o difícil problema de realizalo con sinais cifradas.

“O artigo é unha síntese das dúas liñas de traballo que seguimos no grupo e demostra que combinando tecnoloxías que desenvolvemos se poden xerar solucións moi innovadoras a problemas con impacto social”, remarca Fernando Pérez. O xurado recoñece con este galardón tanto a orixinalidade da idea, como as contribucións técnicas que permitiron facela factible e, ademais, supón “un recoñecemento á tese de doutoramento de Alberto Pedrouzo, que se defenderá no primeiro cuadrimestre de 2019”.   

O mellor artigo entre máis dun cento

O IEEE International Workshop on Information Forensics and Security (WIFS) é un evento anual único, que se celebra co patrocinio do IEEE Biometrics Council e da IEEE Signal Processing Society. Segundo Fernando Pérez, este simposio converteuse nun foro importante que reúne investigadores de disciplinas relacionadas para discutir os desafíos emerxentes en diferentes áreas de seguridade da información e análise forense, e compartir os últimos resultados. Os investigadores da Universidade de Vigo presentaron comunicacións en case todas as edición que se celebraron. Nesta décima 10ª edición, que se celebrou en Hong Kong do 11 ao 13 de decembro, presentáronse 35 comunicacións, seleccionadas entre un total de 102 enviadas, “o que o converte nun congreso bastante selectivo”. Así, expuxéronse traballos sobre biometría, criptografía, privacidade de datos e anonimato, análise forense dixital, seguridade de hardware, seguridade teórica da información, contido multimedia Hash, seguridade da rede e de grandes sistemas en rede, esteganografía e comunicacións encubertas, vixilancia, usabilidade e factores humanos e marca de auga e ocultación de datos.