DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dennise Vaccarello e Manuel Mata foron seleccionados para unha residencia da Gilfélag Society

Investigadores de Belas Artes amosan as súas creacións en Islandia

As obras nacidas da súa estadía exhibíronse na Deiglan Gallery de Akureyri

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/02/2019

Untitled Lullaby é o título da exposición que permitiu dar a coñecer na localidade islandesa de Akureyri o traballo dos artistas e investigadores da Facultade de Belas Artes Manuel Mata e Dennise Vaccarello. Ambos foron seleccionados para participar na Gil Artist Residency, un programa de residencias artísticas desenvolvido pola Gilfélag Society nesta localidade no norte de Islandia, o que levou a estes dous investigadores da facultade a traballar nas últimas semanas nas creacións que integran a exposición que o pasado venres se inauguraba na Deiglan Gallery como broche final á experiencia que ambos viviron neste país ao longo do último mes. 

“Islandia é un país que me parecía exótico e crin que estando na periferia da Unión Europea e servindo de ponte entre Dinamarca e Groenlandia sería un lugar moi diferente onde traballar”, salienta Mata, profesor e alumno de doutoramento da facultade pontevedresa, quen incide no interese que lle espertaba “sobre todo o contraste cultural e o clima extremo” deste país, onde “as horas de día son poucas e a clase de luz moi distinta á que estou acostumado”. Nunha liña similar, Vaccarello, tamén investigadora predoutoral e docente na facultade, incidía no seu interese pola paisaxe e o clima islandés. “Hai tempo que tiña gañas de visitar o país e unha residencia artística parecíame unha boa forma de viaxar e realizar obra nunha contorna diferente”, sinala. Deste xeito, ambos presentaron a súa candidatura a un programa de residencias fundado en 1991 e que ten como propósito promover a creatividade a través da interacción entre a contorna local de Akureyri, as e os artistas e as institucións culturais, programa polo que teñen pasado nos últimos meses creadores e creadoras procedentes de Rusia, Estados Unidos, Arxentina, Australia, Xapón ou Corea. 

Dúas propostas diferentes nun mesmo espazo

Ao longo das últimas semanas, Vaccarello e Mata, que xa expuxeran conxuntamente na Sala X de Belas Artes en 2016, desenvolveron, explican, dúas propostas artísticas independentes pero que, como acto final desta residencia, ían convivir nun proxecto expositivo, ao que deron o título de Untitled Lullaby. “O meu trabalo céntrase na fotografía instantánea e a escritura e o resultado é unha mestura das dúas cousas”, salienta Mata do proxecto que desenvolveu no marco dunha estadía na que, recoñece, a propia contorna na que se levaba a cabo “exerce xa un contraste o bastante intenso como para condicionar de maneira tallante un proxecto fotográfico”. 

Escultura, vídeo e fotografía, por outra banda, foron os elementos empregados por Vaccarello para “configurar unha paisaxe etérea” nesta exposición, inaugurada este venres na Deiglan Gallery, onde permaneceu só ata este domingo, como final a unha residencia da que esta artista e investigadora destaca “o feedback da xente” e que constituíu, engade, “unha experiencia enriquecedora en todos os aspectos”, que lle permitiu “ver as cousas desde outra perspectiva ao saír da túa zona de confort”.