DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con relatorios en streaming sobre temáticas como a contaminación mariña ou o cambio climático

Investigadores do Campus do Mar participan no programa formativo #AfundacionEnCasa

As tres primeiras charlas serán os días 9, 23 e 30 de xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 26/05/2020

A contaminación das rías, o cambio climático ou o carallo de mar son algún dos temas sobre os que achegarán os seus coñecementos investigadores e investigadoras do Campus do Mar ao programa formativo #AfundacionEnCasa. 

Como explican dende o Campus do Mar, trátase dunha “colaboración coa Obra Social de ABANCA a través da iniciativa #AfundacionEnCasa”, mediante a cal ao longo do mes de xuño e tamén co motivo do Día Mundial dos Océanos, “tres investigadores do Centro de Investigación Mariña van ser os relatores de tres ponencias centradas en diferentes temáticas mariñas co fin de facer chegar a investigación a toda a familia”. Os relatorios, que terán lugar os días 9, 23 e 30 de xuño, vanse emitir en streaming a través da canle de Afundación. Outras tres conferencias desenvolveranse en outono. 

Tres sesións, tres temáticas

A participación do CIM-UVigo no programa #AfundacionEnCasa bota a andar o vindeiro 9 de xuño ás 18.00 horas da man de Alberto Gutiérrez Barral, Investigador predoutoral do Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM, cunha charla divulgativa sobre a contaminación das rías e o previsible aumento dos patóxenos.

O 23 de xuño será a quenda de Luis Paulo Alcaraz Rocha, tamén investigador predoutoral do Grupo de Oceanografía Biolóxica, que afondará no papel do fitoplancto no cambio climático e explicará como destes microorganismos depende o destino dos seres vivos. A hora deste relatorio está por determinar.

A derradeira intervención antes do verán será o 30 de xuño con Tania Ballesteros, investigadora do Grupo de Ecoloxía Costeira do CIM, que achegará ao público as características do carallo de mar e o seu papel nos océanos. 

As charlas vanse emitir a través desta canle: https://www.afundacion.org/es/afundacion-en-casa/directos que tamén estará dispoñible na web do Campus do Mar. Á volta do verán retomarase esta iniciativa con outra tres conferencias.