No marco dun proxecto de innovación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
Investigadores do campus preparan a primeira guía sobre o ensino do galego cunha metodoloxía baseada no movemento
Centrada na aprendizaxe activa dunha segunda lingua
Diferentes estudos teñen constatado a eficacia da metodoloxía Total Physical Response (TPR) para a adquisición de vocabulario e comprensión oral dunha segunda lingua, tanto ambiental como estranxeira. Baseada no movemento, abrangue un conxunto de actividades nas que o alumnado debe dar resposta cunha acción física a unha serie de ordes orais nesa lingua e trátase dun recurso didáctico “previsto na lexislación desde 2008 para ensinar o inglés en educación infantil en Galicia”, como lembra o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Vacárcel. Non obstante, traballos previos dirixidos por este docente permitiron constatar que “a inmensa maioría do profesorado non a coñece e nin sequera ouviu falar dela”. De aí que o obxectivo dun proxecto de innovación educativa que se desenvolve neste centro sexa o de familiarizar o alumnado co uso desta “metodoloxía de aprendizaxe activa”, así como elaborar a unha guía para a súa aplicación nas aulas. Esta, como apunta Valcárcel, investigador principal do proxecto, “constituiría un recurso pedagóxico único en Galicia”. En fase de elaboración, este material porá o foco no “ensino do galego como lingua segunda ambiental en educación infantil e no primeiro ciclo de educación primaria”.
Seleccionado na convocatoria de iniciativas de innovación educativa impulsada por esta facultade para 2024, no proxecto participan, xunto a Valcárcel, os docentes Ana Acuña, Alfonso Gutiérrez, Aquilino Santiago, Iván Prieto e Carlos Touriño, así como preto de 170 alumnos e alumnas. Dirixido tanto a proporcionar aos futuros e futuras docentes que se forman neste centro “unha experiencia práctica en aula” do traballo coa metodoloxía TPR, así como avaliar as súas impresións a través duns cuestionarios, o proxecto abrangue sesións de traballo en diferentes materias dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria e do mestrado en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas.
Un recurso que se porá a disposición do profesorado
De xeito complementario ao traballo co alumnado, o proxecto comprende tamén a elaboración dunha guía sobre a aplicación práctica da TPR, que permita ao profesorado coñecer esta metodoloxía e axudarlle a implantala “de maneira fácil”, tanto para o desenvolvemento de actividades puntuais, como ao longo do curso. “Partiremos de diferentes guías que xa se elaboraron para outros contextos e adaptaremos os contidos e as actividades propostas ao noso, especialmente para o ensino do galego como lingua ambiental”, sinala Valcárcel. Nese senso, este recurso ofrecerá información sobre os seus principios e técnicas, así como consellos adaptados ao ensino de galego, castelán, francés e inglés como segundo idioma. Dada a súa “probada eficacia no desenvolvemento de competencias esenciais na aprendizaxe dunha segunda lingua”, o responsable deste proxecto pon de relevo que a TPR pode ser “especialmente eficaz no ensino do galego” en idades temperás, a través de propostas “que requiran seguir instrucións ou actividades motrices”.
Este recurso estará dispoñible na rede para que poida ser empregado por profesorado de diferentes niveis e previamente empregarase tamén no marco do propio proxecto. Por unha banda, será usada polo equipo de traballo para propor actividades nas súas aulas e proporcionaráselle tamén ao alumnado participante nas diferentes sesións, que arrancaron neste cuadrimestre e continuarán no mes de setembro. De feito, explica Valcárcel, está previsto o seu uso “en varias materias de didáctica da lingua”, co propósito de que o alumnado poida “elaborar propostas ou intervencións didácticas”, baseadas no uso desta metodoloxía.