DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Titulado ‘Cloud and Serverless Computing for Scientists. A Primer’

Investigadores do campus publican un libro sobre a aplicación práctica da computación na nube e sen servidor

Inclúe exemplos en eidos como a arqueoloxía, as xeociencias, a medicina e a física

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 12/04/2021

Despois dunha década de desenvolvemento, por traballo ou por ocio unha elevada porcentaxe da poboación utiliza na actualidade a computación na nube e entre esta poboación está a comunidade científica das diferentes disciplinas. Fronte a este uso xeneralizado, o que non é tan habitual é que os seus usuarios sexan plenamente conscientes do potencial desta tecnoloxía. Co obxectivo de achegar ao público interesado exemplos prácticos do uso da computación na nube e a computación sen servidor, investigadores do campus de Ourense publicaron o libro Cloud and Serverless Computing for Scientists. A Primer.

Os autores da publicación, da editorial internacional Springer, son Juan Antonio Añel, profesor e investigador do grupo da Universidade de Vigo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-CIM); Diego Pérez, investigador de doutoramento do mesmo grupo; e Javier Rodeiro, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. Con 3000 copias en formato de libro electrónico vendidas desde a súa publicación, os seus responsables destacan a boa acollida que está tendo a obra entre diferentes públicos. Nela, engaden, os temas abordados preséntanse desde a perspectiva de usuarios, investigadores e tomadores de decisións e en base á experiencia colectiva dos seus autores no uso e adopción da computación na nube.

Empregando exemplos

O libro, explican os seus responsables, ofrece unha introdución á computación na nube e á computación sen servidor a alumnado, persoal investigador e organizacións de I+D a través de varios exemplos prácticos. “En vez de centrarse exclusivamente nos problemas computacionais relacionados coa computación na nube, centrámonos en abordar as aplicacións multidisciplinares da computación na nube para o traballo diario de investigación en institucións públicas e empresas privadas”, sinalan os seus autores. Os exemplos inclúen campos de aplicación como a arqueoloxía, as xeociencias, as ciencias da computación, a medicina e a física.

En Cloud and Serverless Computing for Scientists. A Primer tamén se analiza a aparición da computación sen servidor nos últimos tres anos como “un medio para facer máis evidentes as infraestruturas computacionais para os seus usuarios” e en certa medida como unha extensión da computación na nube. Este paradigma, comentan os autores da publicación, “evita que o usuario necesite preocuparse polo tipo de servidor ou máquina de computación necesarios para realizar unha tarefa informática”.

“Escribimos este libro para científicos, enxeñeiros ou calquera persoa que queira abordar a computación na nube, simplemente para saber máis sobre ela ou se a está considerando ou avaliando como unha solución alternativa ou complementaria para as súas necesidades informáticas”, comentan os investigadores do campus de Ourense. Adicionalmente, engaden, a publicación pode ser útil para profesionais das tecnoloxías da información que queiran coñecer as necesidades actuais e futuras da comunidade científica e ver como poden satisfacerse utilizando tecnoloxías na nube, permitíndolles ofrecer propostas máis axeitadas aos seus clientes. “Este libro pode proporcionar unha ponte entre as perspectivas do usuario e do provedor destas tecnoloxías”, afirman os autores.