DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coas medicións que desde este xoves realizan a participantes no Mundial Multisport

Investigadores de CC da Educación e do Deporte analizan o rendemento neuromuscular da elite do triatlón 

O estudo busca coñecer as características dos deportistas das distintas modalidades

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/04/2019

Pontevedra celebra este venres a inauguración do Campionato do Mundo Multisport da International Triathlon Union (ITU), un evento deportivo que reúne na cidade a preto de 4000 deportistas e que constitúe así mesmo unha oportunidade para estudar os factores que determinan o rendemento das e os deportistas de elite nas diferentes modalidades que abrangue esta competición, como triatlón longa distancia, duatlón, acuatlón ou triatlón cross. Con ese propósito, investigadoras e investigadores do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e de Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte iniciaron na tarde deste xoves unha serie de medicións a triatletas das categorías elite e sub23, que proxectan levar a cabo con preto de 90 deportistas, antes e despois da competición, co propósito de acadar un maior coñecemento das características mecánicas e neuromusculares de deportistas de alto nivel das distintas modalidades que integra esta competición, que á súa vez obterán un informe cos resultados desta análise e recomendacións para o seu adestramento.

Análise dos perfís de catro modalidades

O estudo no que participan diferentes investigadores e investigadoras do laboratorio que coordina o profesor Óscar García contará con participantes nos campionatos mundiais de duatlón, triatlón cross, acuatlón e triatlón de longa distancia que se desenvolverán nos próximos días na cidade no marco dun evento comezou a sentirse xa no campus, polo que pasaron nestes días previos numerosos deportistas no marco dos adestramentos libres e que forma parte do percorrido da proba de familiarización co circuíto de ciclismo que se desenvolve este venres. “Para nós, o mundial é unha oportunidade moi interesante, pola posibilidade que nos dá de medir catro perfís de triatletas distintos”, sinala a investigadora Alba Cuba, coordinadora xunto a García dunhas medicións para as que, explica, buscaba inicialmente contar con doce competidores e doce competidoras nestas catro modalidades. “Aínda non temos todas as medicións pechadas, pero xa temos confirmada a xente de Australia, Estados Unidos...”, engade Cuba, duns traballos que limitaron inicialmente ás modalidades absoluta e sub23, “nas que soe haber máis especialización que nos grupos de idade”. 

A través de probas como unha tensiomiografía, “que permite determinar o estado das propiedades contráctiles dos músculos implicados no rendemento”, esta análise permitirá coñecer tamén como afecta o tipo de competición á fatiga neuromuscular, tendo en conta, como lembra Cuba, que se leva a cabo con participantes “en probas que poden durar menos de media hora e en carreiras que se irán a preto das seis horas”. De aí que “coñecer se hai diferencias significativas nos perfís das distintas poboacións” constitúa o punto de maior interese desde o punto de vista investigador, explica Cuba, dunha iniciativa que busca así mesmo ofrecer un servizo ás e aos participantes. Todos eles, engade Cuba, recibirán un informe personalizado sobre o seu estado neuromscuular en repouso e con fatiga, cos resultados obtidos en cada proba, a comparación dos seus valores con poboacións similares e posibles recomendacións para o seu adestramento baseadas no parámetros obtidos. Trátase, como engade Óscar García, dunha iniciativa que “pon de acordo a Universidade, Concello e Federación Internacional, para facer algo realmente aplicado”, para promover a transferencia do coñecemento, de tal xeito “que poidamos aplicar en situación de campo o que saber facer para coñecer mellor o rendemento do triatleta e, á vez, poder trasladarllo ao deportista e ao seu adestrador”. 

Medicións antes e despois da carreira

Desde a tarde deste xoves, as instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) acollen esta serie de medicións previas á cada competición, nas que, xunto a García e Cuba, participan os investigadores e investigadoras do laboratorio Mario Iglesias, Javier Carballo, Tania Álvarez, Alicia Riveiro e José Manuel Abalo, así como o cardiólogo Diego Fernández, a enfermeira Isabel Barreiro e a investigadora Tania García. A realización dunha tensiomiografía en músculos do cuadríceps, bíceps femoral e xemelgos, co propósito de coñecer as características musculares cada deportista, compleméntase nesta análise co estudo da súa composición corporal e cunha medición da potencia aplicada ao salto que permite contrastar os datos obtidos na tensiomiografía.

Estas medicións previas combinaranse posteriormente coas que se realicen xusto ao remate de cada carreira, na carpa coa que este laboratorio contará a carón das metas. Trátase, explica Cuba, dunhas medicións de menor duración, nas que a tensiomiografía se combinará cunha medición da concentración de lactato en sangue co fin de “coñecer o estrés metabólico da competición”.