DUVI

Diario da Universidade de Vigo

'RemixED' céntrase no desenvolvemento e redeseño de recursos educativos abertos

Investigadores de CCSS e da Comunicación participan nun proxecto europeo que busca contribuír á alfabetización en saúde mental na etapa escolar

Coordinado pola Universitat Pompeu Fabra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 06/06/2022

Seleccionado na convocatoria do programa europeo Erasmus+ para o desenvolvemento de proxectos de educación, formación, xuventude e deporte, RemixED ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento profesional do profesorado das etapas educativas previas á universitaria a través do traballo cunha serie de recursos educativos abertos centrados no manexo do estrés e a autorregulación. Coordinado polo grupo de investigación en Tecnoloxías Interactivas e Distribuídas para a Educación (TIDE) da Universitat Pompeu Fabra (UPF), este proxecto reúne investigadores e profesorado de España, Dinamarca e Chipre, entre os que se atopan cinco integrantes do grupo Sepcom, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. 

“Este proxecto pretende dotar ao profesorado das habilidades do que se denomina deseño universal de aprendizaxe, ou sexa, como planificar as túas clases para que poidan aplicar, dunha maneira transversal na súa docencia, coñecementos que teñan relación coa xestión do estrés ou coa inclusividade”, salienta Alberto Dafonte, coordinador da participación da UVigo neste proxecto. Dirixido polo investigador do grupo TIDE Marc Beardsley, RemixED ten como obxectivo “desenvolver un enfoque de deseño de aprendizaxe en equipo para o desenvolvemento profesional dos profesores”, segundo sinalan os seus responsables. Para iso, búscase que os educadores e educadoras participantes no proxecto “adapten e melloren” o material desenvolvido para os 30 “conxuntos de leccións piloto” do proxecto previo Spotlighters, tamén coordinado por este investigador da UPF e financiado polo programa Erasmus+. 

O traballo con estes recursos educativos abertos, relacionados “coa ensinanza aos estudantes sobre as técnicas de xestión do estrés”, fai á súa vez que outro dos obxectivos do proxecto, como sinalan os seus responsables, sexa precisamente o de “contribuír á alfabetización en saúde mental na educación escolar”. Do mesmo xeito, o proxecto busca tamén “apoiar aos profesores no deseño e experiencias de aprendizaxe máis inclusivas para os seus alumnos”, promovendo que as e os participantes “apliquen as directrices do deseño universal para a aprendizaxe aos redeseños que creen”. 

Formar aos docentes na “remestura” dos recursos dispoñibles

Cunha duración de 30 meses, en RemixED participa tamén a Universidade Europea de Chipre, á vez que ten como socios escolares ao colexio SEK-Atlántico, de Poio, ao Centro de Estudios Dolmen de Cataluña, o Lykeio Archangelou Apostolos Markos chipriota e a 10.klasseskolen danesa, así como á empresa social ML Communicate. Por parte da UVigo, participan no proxecto, ademais de Dafonte, os tamén investigadores do grupo Sepcom Juan Manuel Corbacho, Diana Ramahí, Silvia García Mirón e Oswaldo García. O seu labor dentro do proxecto “ten que ver sobre todo coa organización dos seminarios e a estratexia de difusión” do proxecto, así como “colaborar no deseño e organización da información”, tanto na plataforma virtual onde se desenvolve a formación dos docentes como dunha futura plataforma dixital que recolla os diferentes recursos desenvolvidos e facilite o seu redeseño. Nese senso, un dos propósitos do proxecto é precisamente que o profesorado poida “remesturar” eses contidos de cara a poder “implantalos nas súas aulas”, como explica Dafonte.
 .
Con esa mesma idea, RemixED levou a cabo nos últimos días na UPF o seu primeiro taller de desenvolvemento profesional, Teach-the Teacher, no que o grupo de investigación do campus pontevedrés estivo representado por Corbacho. Este seminario tiña como obxectivo que investigadores e docentes compartisen coñecementos “sobre o deseño universal para a aprendizaxe co obxectivo de crear actividades de aprendizaxe inclusivas e centradas no alumno”, segundo sinalan os promotores do proxecto.