DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A partir dunha serie de avaliacións, que comezaron a realizarse este mércores

Investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte definirán o plan de adestramento dos ciclistas do Padronés Cortizo

O obxectivo é identificar áreas de mellora e deseñar pautas específicas para cada deportista

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/12/2022

Achegar un soporte científico á preparación dos deportistas do Club Ciclista Padronés Cortizo, a través da realización dunha serie de avaliacións que permitan identificar áreas de mellora e definir pautas de adestramento específicas para cada ciclista. Este é o traballo que os investigadores e investigadoras do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte levarán a cabo cos ciclistas das categorías elite, sub23 e júnior do club ao abeiro dun contrato de I+D.

O centro do campus pontevedrés acolleu este mércores a realización das primeiras probas aos deportistas do club, que levarán a definir unha serie de pautas que “van permitir que o adestramento de cada ciclista se adecúe exactamente ás súas necesidades”, como sinala o decano da facultade e coordinador deste proxecto, Óscar García. Nese senso, o proxecto abrangue tanto a realización de diferentes avaliacións do rendemento como prestar apoio na planificación anual de adestramento ao responsable da preparación dos ciclistas, o exalumno José Abalo, e ao director deportivo do Padronés Cortizo, o tamén egresado da faucltade e exciclista profesional Marcos Serrano, así como realizar un seguimento dos ciclistas ao longo da tempada, tanto no adestramento como en competición.

Nese senso, García incide en que o traballo a desenvolver no marco deste contrato de I+D debería supor un factor “diferencial” para o club, “especialmente nun aspecto no que teñen moito interese, que é en desenvolver ben os ciclistas e facelos crecer”, xa que, como recoñece, “non hai moitos clubs, mesmo profesionais, que fagan isto”. Nesa mesma liña, o presidente do Padronés Cortizo, Estanislao Vázquez, Tanis, explica que “o que buscamos é que a Universidade nos achegue a parte máis técnica para a mellora do rendemento. Levamos máis de 60 anos e temos a experiencia dos nosos técnicos, pero queremos ir máis aló”. Nese obxectivo, o club estreaba neste 2022 un centro para a preparación dos seus deportistas en Padrón, ao que se suma agora un proxecto que “vainos axudar moito a afinar e ir no camiño correcto na preparación”, engade Abalo, que destaca que “non hai outro club en Galicia” que conte cun asesoramento deste tipo.

Coñecer as “virtudes e debilidades” de cada deportista

O primeiro paso neste proceso, explica García, foi a realización, por parte do médico Diego Fernández, de probas cardiolóxicas a todos os ciclistas, co obxectivo “de asegurarnos de que todos están en situación de poder realizar un adestramento esixente”. Superado este paso, este mércores lévase a cabo a primeira das avaliacións previstas, conformada por unha serie de “probas de tipo neuromuscular e específicas no cicloergómetro”, dirixidas a obter información de “potencia, forza, mobilidade articular, control postural, asimetrías laterais e funcionais...”, apunta. 

“Isto permitiranos tomar decisións e non adestrar por instinto ou intuición”, subliña García. O resultado destas probas levará tanto a determinar que tipo de adestramento precisa cada ciclista como a detectar posibles problemas, como “asimetrías entre unha perna e outra á hora de producir potencia no pedal”, e a definir programas de adestramento de forza dirixidos a corrixilas. “Trátase dunhas avaliacións moi completas, que vannos debuxar como é cada ciclista, as súas virtudes e debilidades, o que nos vai permitir traballar de maneira moi individual, segundo as necesidades de cada un”, engade Abalo.

Realizadas coa participación dos investigadores do laboratorio Alba Cuba, Tania Álvarez, Javier Carballo, Mario Iglesias, Ginés Martínez e Susana Castiñeira, as avaliacións inseridas nun proxecto co que tamén colabora a profesora Virginia Serrano repetiranse en diferentes momentos da tempada. Isto permitirá tanto detectar melloras tras os primeiros meses de adestramento e avaliar que estado forma alcanzan nos momentos clave, como coñecer “como chegan de fatigados ao final de tempada”. 

Un traballo a longo prazo

“Nada che garante gañar carreiras, pero entendemos que con este tipo de adestramento, a probabilidade de éxito vai ser maior”, sostén García, que incide en que este é “non é un traballo a curto prazo”, senón que parte da idea “de que o ciclista poida evolucionar e desenvolverse nas seguintes etapas”. Neste punto, destaca a aposta do Padronés Cortizo por “desenvolver ben os ciclistas”, de tal xeito que “se tes un júnior ou un sub23 que apunta maneiras, a idea non é espremelo agora, senón facelos crecer para que poidan ter unha vida deportiva boa e ampla”.