DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de I+D, no que traballan cos regatistas do programa de tecnificación

Investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte guían as promesas da Federación Galega de Vela na súa preparación física

Definen o plan de adestramento e coordinan a súa execución

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
DUVI Pontevedra 11/01/2023

A diferencia doutras disciplinas deportivas, os aspectos técnicos e tácticos son na vela máis determinantes para o resultado final que o rendemento físico das e os deportistas. Non obstante, nas competicións de máis alto nivel, o óptimo desenvolvemento físico dos regatistas resulta clave á hora de extraer as máximas prestacións á embarcación. Partindo desta idea, investigadores do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte traballan, no marco dun contrato de I+D, na avaliación, deseño e execución dun programa de preparación física para as e os integrantes do programa de tecnificación da Real Federación Galega de Vela. 

O proxecto abrangue tanto o deseño e o desenvolvemento das sesións de adestramento, como a realización dunha serie de avaliacións do rendemento aos deportistas e o apoio aos técnicos da federación na planificación anual do adestramento. Nel participan 20 mozos e mozas, seleccionados para o programa de tecnificación CGV-CGTD da federación, do que forman parte “regatistas de toda Galicia”, como explica o seu director deportivo, Bruno Gago. Trátase de rapaces e rapazas que obteñen unha bolsa polos seus resultados e que se forman como deportistas de alto nivel nas instalacións do Centro Galego de Vela (CGV), en Vilagarcía de Arousa, así como, en tres dos casos, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), en Pontevedra. 

“Son rapaces de 16 ou 17 anos, cos que o traballo ás veces non é tan específico, senón orientado a un desenvolvemento motor básico co que evitar descompensacións e xerar unha mellor condición intra e intermuscular, que é o que logo vailles permitir dar un salto de calidade”, explica o decano da facultade e coordinador destes traballos, Óscar García. Coa participación do integrante do laboratorio Ginés Martínez, o proxecto ten como punto de partida a realización dunha serie de avaliacións do rendemento, “orientadas ao sistema neuromuscular e o desenvolvemento motor” e que abranguen probas de potencia, forza máxima, velocidade, axilidade, mobilidade articular, control postural ou asimetrías laterais e funcionais. En base aos resultados, defínense o plan e as sesións de adestramento que coordina Martínez e que se levan a cabo dúas veces por semana no CGTD, neste caso cos tres deportistas do programa que se forman neste centro. Martínez acode así mesmo ao CGV, onde o se levan a cabo “os adestramentos específicos” co conxunto de regatistas, explica Gago, posibilitando así “un seguimento ao completo” dos 20 participantes. 

Un salto de calidade

“O ano pasado tivemos unha experiencia piloto con eles e foi francamente ben”, recoñece García das sesións de traballo físico levadas a cabo por Martínez cos regatistas do CTGD, que comezaron xa na anterior tempada. “Penso que demos un paso adiante moi grande na busca do rendemento e a optimización”, engade Gago, que incide en que este proxecto permítelles “crecer na dirección do ámbito rendemento”, un ámbito no que a vela en Galicia ten “moita marxe de mellora”, xa que, por exemplo, só conta con regatistas no CGTD desde hai cinco anos.

“Si que é certo que polas especifidades do noso deporte, a parte técnica á hora de levar as embarcacións e a parte táctica son moi determinantes. Pero isto é así a niveis básicos”, destaca Gago. “A partir de aí, o crecemento físico dos deportistas marca a diferencia, tanto na prevención de lesións como no aumento de forza para conseguir sacar un mellor rendemento ás embarcacións”, subliña o director técnico da federación. Neste punto, o labor dos investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte centra en primeiro termo “a maior carga de traballo no desenvolvemento dos propios rapaces”, como explica García. O obxectivo, engade, é “construír uns cimentos potentes”, que permitan evitar, por exemplo, “que un rapaz teña unha escápula alada, xa que logo cando sopre vento forte e teña que tirar, vai ter dificultades”, para a partir de aí comezar a traballar xa en “aspectos específicos” relativos ás necesidades que implica este deporte en termos de rendemento físico.