DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado polo grupo Well Move, buscaba coñecer os seus efectos como terapia de rehabilitación

Investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte publican o primeiro estudo sobre marcha nórdica e esclerose múltiple

A baixa adherencia limitou as conclusións da investigación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 15/12/2020

Fatiga, alteracións da marcha e diminución da mobilidade funcional son algúns dos problemas aos que teñen que facer fronte as persoas con esclerose múltiple, para as que a prescrición dun exercicio físico adaptado ás súas características e necesidades pode ter un impacto positivo na súa autonomía funcional. Partindo desta idea, os integrantes do grupo de investigación Well Move (Wellness & Movement Research Group) da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte desenvolveron un estudo dirixido a coñecer os efectos nesta poboación dun programa de marcha nórdica. Trátase dunha modalidade de exercicio físico consistente en camiñar empregando uns bastóns específicos e unha técnica adecuada, que favorece a activación muscular de tronco e membro superior cunha baixa percepción de fatiga. Os resultados desta investigación, cuxas conclusións se viron limitadas pola baixa adherencia dos participantes ao programa, recóllense nun artigo que os investigadores Carlos Ayán, Iván Martínez Lemos e Daniel Martínez Aldao realizaron coa colaboración do neurólogo do Complexo Hospitalario de Pontevedra Manuel Seijo e que constitúe, sinalan, o primeiro estudo científico publicado sobre a aplicación desta disciplina como terapia de rehabilitación física en pacientes con esclerose múltiple.

Ata a publicación do artigo Nordic walking for people with relapsing-remittent multiple sclerosis: A case series study na revista Multiple Sclerosis and Related Disorders, sinala Ayán, podían atoparse “blogs e webs nas que os pacientes falan da súa experiencia coa marcha nórdica”, pero non un estudo científico como o que desenvolveron cun grupo de 14 persoas afectadas por esta enfermidade. Tratábase en todos os casos de pacientes “con baixa afectación, persoas que presentaban un patrón de marcha estable e que estaban motivados cara a práctica do exercicio”, explica Ayán, responsable do deseño da investigación, para a que contaron coa colaboración de Seijo na “fase de recrutamento”. As e os participantes levaron a cabo na facultade un programa de marcha nórdica de doce semanas deseñado por Iván Martínez e supervisado por Daniel Martínez, que en primeiro termo permitiu constatar un aspecto xa detectado en estudos previos sobre esclerose múltiple, a “baixa adherencia cara a práctica do exercicio físico”, das persoas afectadas por esta patoloxía de orixe autoinmune, “que non afecta a todos os pacientes por igual”, como lembra Ayán. Nese senso, “múltiples factores”, asociados tanto á propia enfermidade, como é o caso da fatiga, “un síntoma extremadamente predominante”, como ao “propio día a día” das e os participantes motivaron que menos do 50% puideran completar este programa de doce semanas. 

Unha práctica factible que pode achegar melloras

Pese a todo, o estudo permitiu confirmar en primeiro termo que a marcha nórdica é unha práctica que “pode prescribirse a persoas con esclerose múltiple, dado que non son esperables efectos negativos que agraven a enfermidade”, sinala Ayán. Do mesmo xeito, “a súa práctica parece axudarlles a manter a súa capacidade cardiorrespiratoria e soportar mellor o impacto que a enfermidade provoca na súa calidade de vida”. 

Por outra banda, o estudo permitiu tamén observar como os pacientes máis novos, aos que se lles diagnosticara máis recentemente esta enfermidade, “case non notaron cambios significativos nas variables analizadas”; a percepción do grao de fatiga, mobilidade funcional, forma física e calidade de vida. Non aconteceu o mesmo, sinala Ayán, no caso das persoas de maior idade e que levaban máis tempo convivindo con esta patoloxía, “que si experimentaron un certo impacto positivo na súa autonomía funcional e na súa calidade de vida”. 

Unha liña na que avanzar

No 2004, Ayán iniciou un estudo pioneiro sobre os efectos do exercicio en pacientes de esclerose múltiple que constituíu a base da súa tese de doutoramento e o punto de partida dunha liña de investigación, que posteriormente puido recuperar “grazas á colaboración do doutor Seijo e dos seus pacientes”. Unha liña na que, sinala, “quedan moitas cousas por investigar” e que se insire ademais no obxectivo do grupo Well Move de “deseñar investigacións con pacientes seleccionados por médicos especialistas”, aos que poder pautarlles programas de exercicio físico adaptados ás súas necesidades e patoloxías, que poidan levarse a cabo na propia facultade coa participación do alumnado do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. “Deste modo, logramos que, por un lado, os pacientes se beneficien dos recursos e materiais que a Universidade ofrece e, por outro, o alumnado experimente de primeira man o traballo con esta poboación”, salienta Ayán, que incide na importancia de formar ás e aos estudantes da titulación na prescrición de exercicio físico a persoas con patoloxías.