DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto estatal liderado polo catedrático José Luis Soengas conclúe tras catro anos de traballo

Investigadores do CIM avanzan na mellora dos sistemas de alimentación dos peixes en acuicultura

Reducindo as perdas económicas polo alimento non inxerido e o gasto ambiental do tratamento da auga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 11/06/2021

O grupo de investigación de Fisioloxía dos Peixes e a súa aplicación á acuicultura (PHYStoFISH) do Centro de Investigación Mariña leva décadas traballando en numerosos proxectos de investigación para a mellora do coñecemento sobre os mecanismos implicados no control da inxesta de alimento en peixes. Este é un dos grandes desafíos da acuicultura, xa que a alimentación na produción piscícola ten un alto custe económico e un elevado impacto económico e ambiental, xerado polo alimento non inxerido. Por isto, os investigadores do CIM levan máis de 15 anos xerando novos coñecementos que redunden “nun claro beneficio económico para a sociedade, mellorando os sistemas de produción piscícola de alta calidade nutricional dun modo máis eficiente”. 

Hai uns meses iniciaron un proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia en Innovación que recolle a remuda do que rematou en 2020 e do que agora presentan os resultados. Liderado polo catedrático José Luis Soengas, botou a andar en 2017 e comprendeu tres subproxectos simultáneos, un liderado pola UVigo, outro pola Complutense de Madrid, con María Jesús Delgado como investigadora principal e outro polo Instituto de acuicultura Torre de la Sal do CSIC, liderado por José Miguel Cerdá-Reverter. No subproxecto vigués, coordinado polo propio Soengas xunto co profesor Jesús Míguez, participaron todos os membros do grupo PHYStoFISH, centrándose na regulación integrativa da inxesta de alimento en peixes por factores metabólicos, circadianos e neuroendocrinos e as súas implicacións en piscicultura.

Dispoñibilidade do alimento en relación ás necesidades do peixe 

Para os tres grupos de investigación este é o cuarto proxecto consecutivo no que tratan de seguir afondando nos mecanismos implicados no control da inxesta de alimento en peixes caracterizados en proxectos anteriores. O obxectivo é que o desenvolvemento aplicado dos resultados permita mellorar a eficiencia da alimentación dos peixes en acuicultura. De feito, os avances dos investigadores permitirán a medio prazo optimizar a dispoñibilidade do alimento en relación ás necesidades do peixe en distintos momentos do seu ciclo produtivo, minimizando así as perdas e maximizando o aproveitamento en forma de crecemento. Como explican os investigadores da UVigo, este coñecemento permitirá “introducir melloras nos sistemas de alimentación dos peixes no ámbito da acuicultura, non só incrementando a eficiencia na alimentación, senón tamén reducindo as perdas económicas polo alimento non inxerido e o gasto ambiental do tratamento da auga”. Nestes sentido, remarcan que é relevante que os resultados sirvan para sentar as bases da colaboración con empresas para o desenvolvemento de aditivos alimentarios en acuicultura.

30 artigos en revistas, 42 comunicacións e tres teses

Ao longo do proxecto os investigadores abordaron diferentes aspectos, como a regulación metabólica da inxesta de alimento en peixes a través de mecanismos sensores de nutrientes; a converxencia e integración de sistemas sensores de nutrientes; o papel regulador das NAEs (Oleoiletanolamida (OEA) e palmitoiletanolamida (PEA)) sobre el metabolismo enerxético; o papel das melanocortinas nas respostas fronte ao risco e á saciedade; o papel das monoaminas e as melanocortinas a nivel da integración dos sinais de estrés polas monoaminas ou a regulación circadiana da homeostasis enerxética estudando o papel dos mecanismos circadianos no metabolismo hepático e o impacto do estrés e da serotonina cos osciladores centrais.

Os resultados obtidos no subproxecto elaborado pola Universidade de Vigo permitiron a publicación de 30 artigos en revistas indexadas de elevado impacto, dando así continuidade á actividade dos proxectos anteriores. “Todo isto permite que o grupo continúe a ser unha referencia internacional” neste eido. Ademais, os resultados déronse a coñecer a través de 42 comunicacións en congresos tanto nacionais como internacionais e defendéronse tres teses de doutoramento.