DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde o ano 2006 un total de 14 investigadores da UVigo traballaron no proxecto

Investigadores de CIMA participan no deseño e instalación do detector CALIFA no laboratorio de investigación nuclear europeo FAIR 

O calorímetro permitirá estudar a estrutura de núcleos atómicos inestables ou exóticos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 04/12/2019

No ano 2006 o grupo de Enxeñaría Mecánica CIMA da Universidade de Vigo, liderado nese intre polo investigador e exvicerreitor de Transferencia da Universidade de Vigo, José Antonio Vilán, incorporouse ao proxecto CALIFA, coordinado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Baixo a dirección da docente e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Cortina, e coa participación de empresas galegas e do Instituto da Estructura de la Materia (IEM-CSIC), as e os investigadores deseñaron e construíron o detector CALIFA (CAlorimeter for In-Flight detection of gamma-rays and high energy charged pArticles), un novo calorímetro capaz de detectar simultaneamente partículas cargadas e radiación gamma, cubrindo un rango enerxético sen precedentes, que vai dos kiloelectrónvoltios (KeV) ás centenas de megaelectrónvoltios (MeV). Coa recente instalación do detector no experimento R3B do acelerador FAIR (Facility for Antiproton and Ion Research), unha das infraestruturas científicas europeas de referencia en física nuclear situada en Alemaña, poderán realizarse experimentos de precisión aproveitando as vantaxes dos primeiros feixes de ións acelerados en FAIR, o que permitirá estudar, a partir de 2020, a estrutura e dinámica de núcleos atómicos inestables ou exóticos.

“O proxecto do instrumento CALIFA está na súa fase máis intensa, coa primeira instalación nas condicións de traballo dun volume activo moi importante e na súa localización real, xa que ata o de agora fixéranse fases parciais, en diferentes laboratorios”, explica Enrique Casarejos, investigador de CIMA, o grupo da Universidade de Vigo que participou no deseño e construción da estrutura mecánica de CALIFA. Casarejos sinala que o traballo dispón de financiamento ata 2021 para poñer a punto a funcionalidade ao 100% do equipo, ao tempo que tamén será preciso o apoio de enxeñaría doutros equipos relacionados coas actividades de CALIFA, que inclúen alto baleiro ou crioxenia e nos que tamén participa CIMA.

Un reto para CIMA 

Cando en 2005 se formula o desenvolvemento deste equipo, tarefa liderada pola USC, e que se  idea como un proxecto de enxeñaría, dado que o obxectivo incluía a instalación dun equipo con necesidades de deseño complexas, “e aí é onde entra CIMA, que se fixo cargo de toda a enxeñaría ata chegar a este momento clave do proxecto”. Enrique Casarejos recoñece que para calquera grupo de investigación participar nun proxecto internacional de I+D “supón unha oportunidade importante para o seu crecemento e a súa visibilidade, así como un reto, posto que o nivel de esixencia das propostas e o grao de responsabilidade das tarefas desenvolvidas son importantes”, detalla o investigador, que sinala que durante este tempo o equipo, que sumou ao longo destes anos 14 integrantes, tamén deseñou e montou outras plataformas para outros equipos de gran volume en FAIR.

Un proxecto internacional cun custo que supera os cinco millóns de euros

Na construción de CALIFA, cuxo custo supera os 3,5 millóns de euros na súa primeira fase e que supera os 5 millóns en total, participou persoal investigador español, alemán, sueco e ruso. Ademais da participación do IGFAE e de CIMA, a presenza galega no proxecto, esténdese tamén ao Instituto de Estrutura da Materia (IEM-CSIC), así como empresas especializadas que se encargaron a fabricación da fibra de carbono, mecanizado de precisión e metroloxía. Neste sentido, Enrique Casarejos destaca “a importancia do traballo desenvolvido coas empresas coas que se fixo transferencia tecnolóxica (Quantum Innovative) e fabricación especializada en empresas do sector aeronáutico e do automóbil (Europrecis Galicia e Bargfleth Metalvigo)”.

No centro de investigación internacional FAIR máis de 3000 persoas de 50 países estudarán a estrutura e prioridades da materia visible que forma o Universo, desenvolvendo labores de investigación básica e aplicada no campo da física nuclear. R3B (Reactions with Relativistic Radioactive Beams) utilizará ións radioactivos a velocidades próximas ás da luz e permitirá desenvolver un amplo programa de investigación que abordará cuestións cruciais para a física nuclear, como o estudo de propiedades fundamentais dos núcleos atómicos e da forza responsable de unir os protóns e neutróns que os forman, ademais de reproducir as reaccións que teñen lugar nas estrelas, responsables de xerar a súa enerxía e crear os elementos visibles no Universo.